Monthly Archives: Outubro 2011

OS ENIGMÁTICOS GRAVADOS DE VILASOUTO

Hai cousa dun par de anos, cando teimabamos por saca-lo primeiro número da renovada revista Fol de Veleno, o amigo Pablo Novoa, veterano investigador do arte rupestre, mandoume un artigo escrito por el sobre uns estraños gravados que atopara no encoro de Vilasouto.

A verdade é que o que amosaban as fotos do artigo era algo novidoso e raro, moi raro. Uns gravados dificilmente encuadrables na tipoloxía dos petróglifos que hoxe coñecemos en Galicia.

A nova do achádego destas gravuras publicouse en Fol de Veleno. Revista de Etnografía e Historia de Galiza e noutras publicacións de ámbito nacional, mais parece que non tivo moito eco a noticia. Xa se sabe, este tipo de cousas que se saen do comunmente coñecido ou que poden altera-lo paradigma imperante en cada época adoitan ser omitidas, no mellor dos casos.

Neste tempo Pablo, que como bo investigador é teimudo e incansable, mantívome ó corrente das súas pescudas e así puiden saber que tiña atopado gravados similares en lugares tan dispares como Málaga, Astorga ou Canarias. O que non facía máis que complica-lo asunto.

Gravados atopados por Pablo Novoa en Astorga. Foto de P. Novoa

Gravados atopados por Pablo Novoa en Jaén. Foto de P. Novoa

Gravados atopados por Pablo Novoa en Málaga. Foto de P. Novoa

A propósito, quero aproveita-la ocasión para lembrar que Pablo Novoa foi quen descubriu, ademais de centos de petróglifos galegos, o hoxe famoso gravado do barco de Oia aínda que, como é habitual neste país, poucas veces se lle cite ou se lle recoñeza ó seu descubrimento.

Volvendo ó asunto que nos ocupa, a semana pasada caeu nas miñas mans o libro “El testamento oculto. El descubrimiento del origen de la escritura hallada en Málaga” no que o arqueólogo Juan Manuel Muñoz Gambero fai un estudo pormenorizado dunhas inscricións atopadas en Málaga e que coinciden co descuberto por Novoa en Vilasouto. A revolucionaria proposta de Muñoz Gambero hipótese que tamén defende Novoa, é que estes estraños signos e gravuras corresponden a unha protoescritura.

Xa me dirán o que iso podería supor. Se ben é certo que hai historiadores, como por exemplo Ana Mª Vázquez de Hoys, que defenden a existencia na Península Ibérica dunha protoescritura xa en época megalítica (5.000-4.000 a.C.), o dogma establecido di que a escritura chegou a estas terras da man dos fenicios. Outros instigadores van incluso máis alá. O arqueosemiólogo Marco Merlini, a raíz dos estudos da coñecida como Danubio Script retrasa a orixe da escritura ó neolítico europeo (7.000 a.C.) o que significa que a escrita aparecería en Europa cando menos 1.000 anos antes que no Próximo Oriente e Exipto.

Esta fin de semana, aproveitando a tremenda seca que estamos a sufrir, tiven a oportunidade de achegarme con Pablo Novoa e David Outeiro ó encoro de Vilasouto e alí poder estudar in situ os enigmáticos gravados. Polo que puidemos prospectar e polo que estudou Pablo, os gravados aparecen localizados só en tres puntos de toda a contorna do encoro, pero é nun dos lugares onde son máis abundantes e visibles, precisamente na zona onde se atopa un penedo con petróglifos cruciformes, coviñas e un peculiar antropomorfo.


Antropomorfo

Petróglifos cruciformes, coviñas e a firma de dous primates chamados Alex e Judit

En varios afloramentos rochosos, algúns dos cales fican cubertos polas augas cando o embalse vai máis cheo, podemos distinguir claramente o que parecen caóticas gravuras lineais que se entrecruzan unhas con outras producindo, ás veces, deseños que poden facer voar a imaxinación. Unhas liñas teñen un suco máis profundo e ancho, outras son finos deseños rectilíneos que arremedan a orde dunha estraña escritura.

Tras revisar, fotografar e estuda-las marcas que aparecen nestes afloramentos de xisto son moitas as preguntas que xorden pero tamén algunha certeza.

No tocante ás preguntas que nos podemos facer as principais serían:

1.Estamos ante gravados froito da acción antrópica, é dicir, de factura humana, ou son froito da natureza?
2.Se son feitos polo home, nacen dunha acción simbólica premeditada ou son o resultado accidental dalgún labor agrario ou industrial (por pór un par de posibles orixes)?
3.Cal é a antigüidade destas gravuras?
4.Que significado teñen?

Sen lugar a dúbidas de todas estas preguntas a máis difícil de responder é a última. Pero vaiamos por orde.

Cal é a orixe dos gravados? Despois de revisalos a conciencia non me cabe dúbida da orixe humana destes deseños. Na miña humilde opinión é imposible que a erosión dos meteoros, o desgaste da auga ou a fricción con outras pedras fixera semellantes deseños. O número deles, a súa perfección lineal, a súas orientacións, coincidencias de deseños e a súa selectiva disposición sobre determinados penedos —non aparecendo en rochas similares anexas ás gravadas— fai pensar non só nunha orixe antrópica senón tamén premeditada, nun deseño pensado, planificado e conscientemente elaborado. Polo tanto eu desboto a opción da orixe natural e da súa orixe antrópica casual froito de labores, por exemplo, agrarias.

En canto á súa datación, non me sinto capacitado para abordar ese tema pero si podo dicir que, segundo me confirmou Pablo Novoa, dous xeólogos que estudaron as gravuras aseguran que teñen miles de anos. Sei que o dato non achega moita información, pois non é o mesmo que teñan 15.000 anos que 3.000, pero o que si significa é que, cando menos, teñen dous mil anos, o que nos pon, como mínimo, a finais da Idade do Ferro.

Agora ven a pregunta máis complicada. Que significado teñen? Xa comentei que Pablo avoga pola hipótese dunha protoescritura, se ben para sustentalo habería que identificar grafías concretas, secuencias e significados, un traballo aínda pendente pero que Novoa está disposto a abordar.

Eu, sen desbotar calquera hipótese, inclínome por pensar que estes gravados corresponden a algún tipo de expresión artística abstracta do arte rupestre totalmente diferente á arte atlántica do Bronce. Falamos dalgo máis basto, posiblemente máis primitivo —no senso de antigo—, menos elaborado, cunha plástica menos doce, máis abstracto e caótico que os tradicionais deseños de cazoletas, coviñas, círculos concéntricos e cérvidos que acostumamos a ver nos conxuntos rupestres galegos. Uns deseños lineais que me recordan a algúns dos que aparecen na arte parietal das covas do paleolítico cantábrico e, sobre todo, ós que podemos atopar nos abrigos e covas do Macizo de Fontainebleu, en Francia, onde podemos observar, á parte de coviñas e reticulares, infinidade de deseños lineais, uns en secuencias paralelas e outros entrecruzados, tal e como aparecen en Vilasouto.



Gravados rupestres nos abrigos do Macizo de Fontainebleau. Francia. Imaxes propiedade de GERSAR (Groupe d´Etudes, de Recherches et de Sauvegarde de l´Art Rupestre).

Xa digo que o que temos ante nós é algo desconcertante e, por iso, apaixonante. Pouco máis podo dicir, salvo que cómpre un estudo serio e en profundidade pois podemos estar ante un novo estilo dentro do mundo rupestre que faga revisar algúns dos noso paradigmas actuais e iso, cando menos, sempre é bo.

Pero pode ser tamén que nos atopemos ante algo aínda máis revolucionario e desestabilizador, algo como o que intúe Novoa…unha protoescritura anterior á fenicia e, quen sabe, se a outras máis antigas.

Só o tempo e unha análise científica dos conxunto rupestres, libre de prexuízos e a conciencia poderá achegar algo de luz sobre o que hoxe en día é un enigma máis da nosa cultura: os misteriosos e desconcertantes gravados de Vilaosuto.

Tódalas imaxes son propiedade do autor, agás aquelas nas que se especifica unha fonte distinta.

O LIBRO “A NOSA SEÑORA DA LANZADA” NO BLOG DE KARKALLÓN

O amigo Eugenio Karkallón fai unha xenerosa reseña no seu blog sobre a presentación na Coruña do meu libro “A Nosa Señora da Lanzada”. Grazas polas túas palabras, Eugenio.

http://karkallon.blogspot.com/2011/10/presentacion-literaria-nosa-senora-da.html

OS MOUROS E AS RAZAS MÍTICAS

A crenza en poboacións míticas, reminiscencias de habitantes de épocas prehistóricas, é algo común ós países da Europa céltica. Estas crenzas afloran nos termos que se usan para denominar aqueles monumentos megalíticos que se atribúen á man destes misteriosos pobos. Os dolmens en Francia denomínanse Maison des fées, Maison de Diable, Forn de Géants. En Suíza ás pedras con coviñas chámalles Heidensteinen (pedras dos pagáns) ou hexensteiner (pedras das bruxas), na Alemaña tedten steine (pedra dos mortos), en Galicia falamos de casa dos mouros, arca da moura, laxa dos mouros, etc.

O dolmen de Axeitos

Na toponimia e na mitoloxía de Galicia atopamos moitos vestixios destas antigas poboacións transformadas polo folclore popular na nosa propia raza mítica, os mouros. O Asento dos Mouros, en Castroverde —onde se sentaban os mouros que habitaban do castro de Soutomerille—; a Pía da Moura, en Entrimo; a Eira dos Mouros, que non é outra que os castros de Toiriz (Silleda); o Chan das Mouras ou Outeiro das Mouras, na parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo —onde se atopan os interesantes petróglifos do Outeiro dos Regatos—; o Burato dos Mouros, nome co que se coñece a cova do Pico Sacro; a espectacular espenuca da Pena dos Mouros, na Fraga de Marrondo (Castroverde); os numerosos dolmens coñecidos na nosa terra como Casa da Moura, Forno da Moura ou Capela da Moura; ou os infinitos Penedos da Moura que aparecen espallados pola nosa xeografía son só algúns destas xeografías míticas construídas polos mouros.

O Asento dos Mouros no castro de Soutomerille


A Pena da Moura

Para os campesiños galegos, como ben recollen os arqueólogos A. Arizaga e X. Ayán na obra “Los pueblos de la Galicia céltica”, o pasado é o escenario inmutable polo que pasaron unha serie de razas de maneira sucesiva e conflitiva. A través dos restos arqueolóxicos desa actividade cultural que non pode ser atribuída á acción da natureza (cítese: castros, túmulos, dolmens, menhires, etc.) e que o campesiño non considera como pertencentes á súa cultura, foron desfilando, en tempos antigos e indeterminados, toda esa serie de razas pagás que se foron expulsando mutuamente. Esas razas mitificadas constitúen a nosa mourindade, é dicir, os mouros. Calquera construción ou ruína de orixe descoñecida para os paisanos son cousas de mouros, son do tempo dos mouros. O que non se sabe quen o fixo (castros, pedras con riscos, aras, petróglifos, antas…) é, na nosa terra, cousa de mouros. Os mouros teñen as mesmas necesidades que nós en canto a bebida, comida, vestido, etc., mais, en contraposición co labrego, eles non son cristiáns, son xentís. Son donos de inmensas riquezas, dos tesouros de Galicia. Teñen gran forza física, son poderosos.

A Eira das Mouras, na croa dos castros de Toiriz


Outeiro das Mouas e os seus petróglifos (parroquia de Salcedo)

Estes mouros son similares ós Aes Sidhe —raza mítica dos outeiros sagrados da mitoloxía irlandesa— ou ós Ben sidhe —habitantes do Sidh— e tamén ós korrigan bretóns e ós spriggans de Cornualles, seres míticos feos e terribles que gardan tesouros nos crómlechs, túmulos, amilladoiros e outros megálitos e que, como os nosos nubeiros, son quen de crear tormentas de grande poder destrutivo.

Círculo lítico de Carrowmore, na península de Cúil Irra, Irlanda

As crónicas irlandesas falan dos Tuatha De Danan, pobo mítico derrotado pola invasión dos Milesianos provenientes da Galicia e que viven dende entón ocultos baixo terra, baixo os túmulos e os castros, como fan os nosos mouros.

Dolmen de Carrowmore en Irlanda

As korrigan da Bretaña francesa atópanse ocultas nas fontes e nos megálitos e seméllanse ás nosas mouras, non só polo seu hábitat senón tamén pola súa fermosura e habilidades para muda-la súa aparencia física. Poden predici-lo futuro, teñen o poder de facer que os homes caian nas súas mans tolamente namorados pero tamén poden castigar e incluso matar estes homes ou a quen ouse ollalas bailar ou persiga os seus tesouros. Adoitan presentarse ó carón das fontes e regatos peiteando os seus longos cabelos. O poema bretón Ar-Rannou fala das nove korrigans que danzan ó redor das fontes, á luz da Lúa, con flores no seu cabelo e roupas de branco algodón.

Aliñamentos megalíticos de carnac, Bretaña

Os korred da mitoloxía bretona foron, segundo as lendas, os que construíron os menhires e os dolmens. Son os que transportaron esas enormes pedras, ó igual que fai no noso folclore a moura construtora de megálitos, mais o seu aspecto pode ser aterrador pois teñen os ollos brillantes e vermellos, a pel escura e o corpo mal feito. Pénsase que son magos e profetas e, como ocorre cos mouros galegos, coñecen onde están agochados marabillosos tesouros.

O ouro dos Mouros

Todas estas razas míticas, xentes máxicas e non cristiás, lévannos a pensar na lembranza de antigos poboadores que foron vítimas dunha lei do esquecemento dos feitos históricos. Unha raza mítica froito de lembranzas confusas e deslavazadas, de acontecementos pasados case esquecidos e reinterpretados, que o cristianismo cubriría moitas veces co halo da maldade, o pecado e o paganismo. Para Vicente Risco, que foi pioneiro no estudo da mourindade, cando se produce un cambio fondo na conciencia do pobo, como acontece co cambio de relixión, crébase a relación co pasado, faise un corte, unha escisión entre o onte e o hoxe, e os nosos antepasados doutras crenzas xa non son os nosos antepasados, xa non teñen que ver connosco. Foi o que aconteceu aquí co cristianismo, os antigos eran xentís e os seus monumentos casas de xentís, eles seguen vivindo na crenza da xente ocultamente. Da súa verdadeira natureza quedaron na memoria da xente a idolatría, as artes máxicas, os mitos e as lendas o cal contribuíu tamén a unha perduración dos espíritos da natureza.

A Pena dos Mouros, en Castroverde

“Os mouros son a pseudomorfose dos primitivos habitantes de Galicia que nesta forma perviviron e perviven na memoria popular.”
Vicente Risco

Os mouros galegos son considerados, na sociedade rural, os antigos poboadores do mesmo territorio, pero non os devanceiros. Nós somos os cristiáns eles son os mouros. É un xeito de construí-la súa identidade por alteridade, por oposición. O pobo tende a distancialos, pois aínda que os dota de estruturas sociais, necesidades e preocupacións propias da humanidade actual, faino dende un punto de vista épico. O mundo da mourindade é un mundo subterráneo. Os mouros habitan baixo a croa dos castros, nas mámoas, nas covas. Son símbolos da natureza salvaxe que se opón á cultura presente na aldea. Eles fabricaron e usaron as pías dos penedos para recolle-la auga do ceo, para usalas como mesas ou como bebedoiros. Construíron cadeiras e tronos de pedra para os seus reis, covas, castros, torres, petróglifos, mámoas, penedos figurativos. Obras que lles confiren poderes titánicos, misteriosos e sobrehumano. Poderes taumatúrxicos para crear prodixios.

Burato dos Mouros, no Pico Sacro

Quero rematar cunha cita de Enrique Couceiro referida ás comarcas miñotas pero perfectamente extrapolable a tódalas terras montesías da nosa xeografía galaica.

“A cosmovisión e ethor cultural das comarcas miñotas exhorta a que para ser cristián e home contemporáneo tamén haxa que experimentarse mouro e antigo; para ser mortal haxa que entreve-la santidade, cargando con ela; para ser “nós” haxa que fundirse con “eles”. E para baixar e ser aldea haxa, con certeza, que subir ó monte e outear, así, a paisaxe.”

En canto ás mouras, delas falaremos outro día…

PRESENTACIÓN NA CORUÑA DO LIBRO “A NOSA SEÑORA DA LANZADA. ESTUDIO ANTROPOLÓGICO DE UN SANTUARIO COSTERO”.

O vindeiro venres día 14 ás 20.30h terei o placer de presenta-lo meu libro “A Nosa Señora da Lanzada” na libraría O Fogar do Lecer, na Coruña. Estades todos convidados.