Monthly Archives: Outubro 2016

I XORNADAS DE ANTROPOLOXÍA DA SAGA

Xa son unha realidade, as  I Xornadas de Antropoloxía organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) coa colaboración do Concello de Pontevedra e da súa Concellería de Cultura.  Nesta 1ª edición dedicadas a algo tan enraizado na nosa cultura como os intermediarios do alén. Mitoloxía, etnomedicina, o mundo da morte e as tradicións chamánicas doutros pobos da terra. Unhas xornadas para non perderse todos aqueles interesados na antropoloxía e, ademais, con invitados de luxo. Estades todos convidados.

cartaz-antropologia-i

 

programa-antropologia-1programa-antropologia-2

PRESENTACIÓN EN LUGO DO LIBRO “ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA”

14753268_10211107549227378_5630181226973314020_o

Este luns 24 de outubro ás 19.30h no Bico de Grao (Lugo) presentaremos o meu libro “Análise estrutural e simbólica do mito da Moura”. Terei a sorte de estar acompañado polo companeiro da SAGA Miguel Losada. O meu agradecemento ao Bico de Grao e  a Xosé Manuel Seixas pola organización do acto. Estades todos convidados.

ACTUALIZACIÓN DO POST: Fotos do acto. Moitas grazas a todo o público asistente e aos meus amigos de Xermade.

dsc_0107

dsc_0105

O VALOR INMATERIAL E IDENTITARIO DA ARTE RUPESTRE GALEGA

dsc_7135

O patrimonio galego en xeral e a arte rupestre en particular é un catalizador de ideoloxía cultural de primeira magnitude. Ao redor dos nosos petróglifos o pobo foi construíndo ao longo do tempo un discurso popular e propio que reflicte non só parte da súa cosmovisión e da súa forma de estar no mundo senón tamén toda unha forma de artellar o seu territorio dende unha clave simbólica e mítica e, en definitiva, unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe e de discurso “histórico” para dar sentido a un pasado descoñecido. A interpretación que o pobo —dende unha perspectiva tradicional— fai destes restos patrimoniais do pasado constitúe a nosa verdadeira mirada autóctona do patrimonio, a nosa visión popular do noso propio pasado e como tal está cargada dun valor incalculable á hora de entender e de estudar unha parte substancial da nosa cultura.

dsc_3563

Os petróglifos galegos son xeradores de contidos simbólicos e inmateriais que, sustentados nun proceso dinámico de creación de patrimonio oral de base mítica e lendaria, construíron toda unha dialéctica cultural entre a comunidade humana do lugar e o seu legado arqueolóxico. Ademais, o discurso popular dos mouros e das mouras tan vencellado a estes enclaves rupestres serviu para definir a propia identidade do pobo a través dun proceso de alteridade que xira en torno á idea da mítica mourindade.

dsc_7130

Xa que logo, os petroglifos galegos, como acontece con outro tipo de xacementos, son lenzos sobre os que se construíron crenzas, historias e relatos transmitidos oralmente de xeración en xeración. Son o soporte sobre o que pivota parte da identidade do pobo, ben como referentes históricos e míticos dun pasado impreciso e escuro, ben como espello no que se reflicte a personalidade do pobo a través, como dixemos,  dun proceso de construcción identitaria por alteridade e onde os mouros —habitantes e construtores destes espazos— xogan un papel principal.

dsc_0083

Esta paisaxe rupestre e insculturada pola man do home prehistórico foi co paso dos séculos reinterpretada simbolicamente dando lugar a unha rica e marabillosa literatura oral. A protección do noso patrimonio inmaterial non se entende se non vai parella á protección do patrimonio inmaterial e viceversa. Unha lenda, un rito, unha tradición sen a existencia da pedra, do monte, da fonte, do río ou do elemento natural ou material ao que vai asociada perdería todo o seu sentido e significación cultural dentro da comunidade social na que se produce. A perda do soporte tanxible —neste caso os petróglifos— ao abeiro do cal se desplega toda a nosa riqueza inmaterial supón a desaparición irreversible dese patrimonio inmaterial.

dsc_7304

Pero a arte rupestre non só atesoura un rico e valioso patrimonio inmaterial e constitúe unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe, senón que os petroglifos galegos convertéronse, porque así o quixemos como pobo, nun dos sinais de identidade galega máis senlleiros e poderosos cultural e iconograficamente falando. O repertorio de insculturas xeométricas e figurativas galegas —sen ningunha dúbida, dos máis representativos de Europa— son utilizados dende hai case un século como elemento identificativo dos galegos, empregados reiterativamente como anagramas de empresas, asociacións, partidos, institucións… como elementos decorativos, como amuletos, en tatuaxes, como forma de comunicar o que somos, restablecéndose, deste xeito, un novo nexo de unión entre ese pasado simbólico descoñecido e un presente que o dota de novos significados e usos. Hoxe en día, os galegos como hai 4.000 anos, seguimos emocionalmente conectados á nosa arte rupestre, ela represéntanos e ela fal de como fumos e de como somos. Velía o poder e o valor cultural da nosa arte rupestre.

dsc_2677

POLA DECLARACIÓN DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA A ARTE RUPESTRE GALEGA

14633303_1320807571285741_5098353487209842761_o

Unha parte considerable dos gravados rupestres existentes en Galicia —moitos deles declarados Bens de Interese Cultural (BIC)— corren un grave risco, non só de deterioro, senón de desaparición, diante do incumprimento da normativa  —Lei do Patrimonio Cultural— por parte das administracións que teñen a obriga e a responsabilidade de velar pola súa conservación.

Durante as últimas décadas moitas voces se alzaron para denunciar esta situación pero os resultados efectivos desta denuncia non logran callar nas esferas que teñen a potestade de solucionar a situación dunha das nosas formas de expresión cultural máis antigas e senlleiras.

Ante esta alarmante situación, o venres 7 de outubro o  historiador Buenaventura Aparicio Casado, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos e un servidor —o antropólogo Rafael Quintía Pereira— comparecimos  nunha rolda de prensa celebrada  ás 12:30 horas na Casa da Luz (Pontevedra)  para informar á opinión pública desta lamentable situación e da solicitude cursada para que a Xunta inicie xa os trámites para que a arte rupestre galega acade a declaración de Patrimonio da Humanidade, única figura que garantizaría a conservación e posta en valor dos noso petróglifos.  Estas reivindicacións concrétanse nun MANIFESTO conxunto que achego a continuación, non sen antes lembrar  que esta é unha acción que require do apoio e esforzo conxunto de todos.

Por iso, dende esta humilde plataforma, fago un chamamento a todos os colectivos, profesionais, institucións académicas e particulares amantes da nosa cultura a que, á marxe de ideoloxías, credos, dogmas ou paradigmas persoais, se sumen a esta reivindicación, a que entre todos formemos unha grande onda que nos leve a que a Xunta de Galicia e os concellos asuman a súa responsabilidade de protexer, conservar, investigar e divulgar a nosa arte rupestre, e que entre todos podamos conseguir a merecida e necesaria declaración de Patrimonio da Humanidade para a Arte Rupestre Galaica.  Non imos deternos e estamos dispostos a chegar ata a última instancia. Polo de pronto anunciamos xa que imos pór en marcha unha campaña  en change.org para sumar apoios a esta iniciativa e acadar o fin buscado que non é outro que a conservación e defensa do noso patrimonio cultural, un patrimonio que polo seu valor é de por si xa un patrimonio de toda a Humanidade.

14543708_1320807234619108_2143259994171838300_o

 

informe-sobre-el-estado-da-arte-rupestre