Monthly Archives: Novembro 2011

“A NOSA SEÑORA DA LANZADA” NA FERIA INTERNACIONAL DEL LIBRO DE GUADALAJARA, MÉXICO

A Feria Internacional del Libro de Guadalajara, en México, é a feira literaria máis importante de Iberoamérica. Este ano a maxia da nosa costa atlántica cruza o charco dende o santuario da Lanzada ata o stand da Asociación Galega de Editores.

Máis információn sobre a FIL Guadalajara:
http://www.fil.com.mx/default.asp

(Fotografías da xornalista Paz Castro)

O CIPRIANILLO, A MOURA E O TESOURO DE SAN XULIÁN

Nunha das múltiplas visitas que fixemos o monte co gallo de cataloga-lo patrimonio etnográfico da contorna dos Sete Camiños un veciño de Marín, falando de lendas e mouros, contounos que nun determinado lugar do monte de San Xulián de Marín que non acertaba a identificar contaban que se aparecía unha vella moura que agochaba grandes tesouros que, de cando en vez, sacaba a asollar. Algún camiñante debeu ter a oportunidade de albisca-lo fabuloso tesouro, do contrario ninguén podería saber das preciosas alfaias que custodiaba a moura.

Non nos debe estrañar a existencia da lenda asociada a esta parte do monte se temos en conta que é precisamente na parte alta de San Xulián onde se atopa un dos complexos de arte rupestre máis importante do concello de Marín (cítense por exemplo os conxuntos da Carrasca ou de Champás) e, ó igual que ocorre cos petróglifos da Pedra do Fundamento en Salcedo, estes restos arqueolóxicos aparecen en Galicia, frecuentemente, asociados a lendas de mouras e de mouros.

A existencia deste tesouro da moura oculto nos cimos da parroquia de San Xulián levoume a pensar se non será o mesmo tesouro que cita o famoso Libro Magno de San Cipriano. O Ciprianillo, nome co que se coñecía popularmente a este grimorio, foi un libro de poder buscado e demandado durante séculos por curandeiros, pastequeiros, nigromantes e buscadores de tesouros que ansiaban posuír un deses faliosos exemplares, pois nel, non só se explican os esconxuros para desencantar tesouros, senón que se dá unha extensa listaxe de tesouros ocultos polos mouros nas terras galegas.

O famoso Ciprianillo, libro estruturado en varias partes, inclúe instrucións sobre o círculo protector que se debe trazar no chan para que os desenfeitizadores de tesouros se metan dentro e fiquen protexidos de todo mal. A continuación ofrécenos unha serie de conxuros e letanías en latín dedicadas a distintos santos e que son a ferramenta necesaria para desencanta-los tesouros. Tamén explica a imprecación final que se debe recitar para que acuda no noso socorro Xesús Cristo e faga que Satanás e tódalas pantasmas regresen ó máis profundo do inferno.

Por último, inclúese unha listaxe de 148 lugares de Galicia nos que se atoparían tesouros encantados. Cómpre ter en conta que moitos destes lugares citados no libro son topónimos que se repiten ó longo do noso territorio o que, por unha parte dificultaba a súa busca e localización, pero por outra fai que si algún lugar da nosa parroquia coincide con algún dos citados nesa lista de tesouros agochados podamos pensar que se refire ó noso lugar e non a outro, e esa é a maxia do Ciprianillo. Así que, volvendo ó principio, vexamos que nos di o famoso grimorio de San Ciprián ó respecto destes tesouros de mouros, que el identifica e confunde cos sarracenos. No capítulo dedicado a referencia-los tesouros do Reino de Galicia cita co número 91 un tesouro enterrado en San Julián.

Fará referencia a San Xulián de Marín? Será o mesmo tesouro que agocha a vella moura encantada? Quen sabe… de tódolos xeitos, exista o tesouro encantado do libro de San Ciprián ou non, o que ninguén poderá negar é que nestas lombas que baixan dende o cimo dos Sete Camiños unha misteriosa moura garda un fabuloso tesouro de ouro e alfaias, e iso si que é emocionante porque amosa a verdadeira riqueza e o auténtico ouro desa antiga e opulenta Gallaecia: a súa cultura popular e a súa máxica visión do mundo que nos rodea. Afortunados somos os que podemos gozar de tales tesouros.

O NOSO PATRIMONIO

Había tempo que non facía ningún artigo de opinión, así que hoxe toca. Os galegos temos grandes virtudes, pero tamén grandes defectos. Quizais o peor de todos eles, na miña modesta e subxectiva opinión, sexa o pouco amor que amosamos polo noso. E iso serve tanto para a lingua, como para a paisaxe ou, o tema de hoxe, o patrimonio.

Non vou entrar a analizar cal é a orixe deste mal endémico, asunto complexo que daría para toda unha tese doutoral. Mais poderíamos resumi-lo e condensalo nun termo ben coñecido: a autoxenreira. Un sentimento de vergoña do propio, de autoodio e de desprezo por todo aquelo que supón unha expresión material ou inmaterial da nosa cultura agás, claro está, algunhas mostras festivas da nosa relixiosidade cristiá e, por suposto, a comida e as festas gastronómicas. Algúns dirán que esaxero ou que non son xusto, pero como membro da miña propia etnia (no sentido de cultura) teño o dereito de criticarme a min mesmo e de opinar o que me pareza, pois coido que teño coñecemento de causa, e ás probas me remito.

É certo que somos moi tradicionais para conservar determinadas costumes e tradicións, como por exemplo o caciquismo, pero non nos treme o pulso á hora de botar abaixo a nosa casa matriz, algo impensable en Euskadi, onde a casa —o ETXE— adquire o rango de lugar sagrado, de verdadeiro templo. Dicía o insigne José Miguel de Barandiarán:

O “etxe” é terra, albergue, templo e cemiterio, soporte material, símbolo e centro común dos membros vivos e defuntos dunha familia.

O triste é que en Galicia a casa tiña un carácter similar pero, como tantas outras cousas, parece que o esquecemos. Tampouco temos problema en botar abaixo carballeiras, soutos e sobreiras con tal de plantar catro eucaliptos e sacarlle uns pataquiños ó monte aínda que isto supoña unha ruína ecolóxica para o país. Tampouco hai que remexer moito —baste dar un paseo polos nosos montes— para toparse con centos de vertedoiros incontrolados e moreas de lixo e cascallos a beira de calquera corredoira ou camiño forestal. Algúns de vós dirán que iso son catro. Non digo que non, pero eses “catro” fan moito vulto e moito dano.

Por suposto, os políticos , verdadeira expresión do pobo, non son alleos a este mal. Se a isto se lle engade unha dose de desidia, neglixencia e certa falla de educación cívica (que non cultura) o cóctel “molotov” está servido. Por iso non debe estrañarnos que unha estrada da deputación —aínda que podería ser de calquera outra administración— leve por diante un espectacular dolmen en Castiñeiras (concello pontevedrés de Vilaboa) pese a posuír unha das poucas mostras de pinturas rupestres, que unha devasa, liña eléctrica ou porto exterior pase por riba dun castro ou de que fagamos canteira duns petróglifos, total temos milleiros. Sei que sería inxusto se non dixese que hai moitos colectivos do país, persoas e incluso institucións e concellos que teiman día a día pola defensa, conservación e posta en valor do noso tesouro arqueolóxico, histórico-artístico e etnográfico. Pero, por desgraza, a día de hoxe este exército aínda conta con minguadas tropas e o exemplo non se extende como nos gustaría, e así están as cousas…

Pero o motivo deste post non é falar do noso patrimonio e do desleixe co que o tratamos senón do patrimonio da Igrexa —que tamén é noso— e o seu lamentable estado de abandono. Hai poucas semanas andaba eu pola aldea de Vilasouto (Lugo) e tiven a sorte, e a magoa, de poder visita-la súa igrexa vella e o mosteiro adxunto. As imaxes que achego falan por si mesmas, xulguen vostedes.

O certo é que o do estado de ruína de moito do patrimonio rural da Igrexa é un caso peculiar, porque a esta milenaria institución se lle presupón certo bagaxe cultural e educación, polo menos a xusta como para que tiveran conta e valorasen o que teñen. Coñezo o seu argumento para xustifica-la desfeita que, obviamente, non é exclusiva de Galicia, baste dar unha volta polo románico Burgalés, por exemplo. Tamén coñezo a desculpa dun Estado ó borde do colapso financieino, que casualmente é a mesma que a da Igrexa, a falla de cartos.

Non sei cal será a solución a esta traza que pouco a pouco vai roendo toda a nosa herdanza cultural na súa expresión material e monumental, aínda que teño algunas ideas, como tantos outros. O único que sei é que mentres uns discuten, os máis botan a pelota duns ós outros e moitos miran para outro lado, o noso patrimonio material vai esmorecendo paseniño pero sen tregua. En canto ó patrimonio inmaterial, dese xa non lles falo por non estragarlle-lo día.

GRANDE ACOLLIDA DO DOCUMENTAL “COMUNEIROS”


(Fotografía de Miguel-Ângelo Bieites)

Onte, como xa anunciamos, tivo lugar a presentación do documental “Comuneiros. 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”, unha produción da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa Comunidade de Montes Salcedo. O audiovisual fai un percorrido por un século de vida e de explotación tradicional do monte comunal —verdadeira e única fonte de subsistencia para moitas xeracións de galegos— e polos aconteceres e desgrazas que, co cambio dos tempos e co gallo das distintas usurpacións do monte comunal, tiveron que sufri-los veciños da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo.

Fermosa figura que recibimos dos comuneiros en mostra de agradecemento polo documental

O compañeiro João Bieites máis eu queremos agradece-las numerosas mostras de cariño e agradecemento que recibimos, dos alí presentes, polo traballo audiovisual que tivémo-la sorte de estrear dentro das “II Xornadas de montes comunais” que organizou a Comunidade de Montes de Salcedo. Para nós foi un grande privilexio que case unha vintena de veciños tiveran a ben deixarnos recolle-la testemuña da súa vida coas nosas cámaras. E foi, asemade, unha grande satisfacción poder facer este traballo e contar coa incondicional colaboración e apoio da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Salcedo así como de tódolos veciños que participaron neste traballo, sen os cales non tería sentido este documental. Dende este espazo virtual que me ofrece a rede quero dárlle-las grazas a todos eles, así como a todo o público que abarrotou o salón de actos do CEIP de San Martiño de Salcedo. Pola nosa banda, prometemos que o documental estará dispoñible o antes posible para que todo aquel que queira visionalo poida facelo.


Diario de Pontevedra



Faro de Vigo

O DOCUMENTAL “COMUNEIROS” NO DIARIO DE PONTEVEDRA

Reseña publicada hoxe día 04/11/2011 no Diario de Pontevedra.