GRANDE ACOLLIDA DO DOCUMENTAL “COMUNEIROS”


(Fotografía de Miguel-Ângelo Bieites)

Onte, como xa anunciamos, tivo lugar a presentación do documental “Comuneiros. 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”, unha produción da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa Comunidade de Montes Salcedo. O audiovisual fai un percorrido por un século de vida e de explotación tradicional do monte comunal —verdadeira e única fonte de subsistencia para moitas xeracións de galegos— e polos aconteceres e desgrazas que, co cambio dos tempos e co gallo das distintas usurpacións do monte comunal, tiveron que sufri-los veciños da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo.

Fermosa figura que recibimos dos comuneiros en mostra de agradecemento polo documental

O compañeiro João Bieites máis eu queremos agradece-las numerosas mostras de cariño e agradecemento que recibimos, dos alí presentes, polo traballo audiovisual que tivémo-la sorte de estrear dentro das “II Xornadas de montes comunais” que organizou a Comunidade de Montes de Salcedo. Para nós foi un grande privilexio que case unha vintena de veciños tiveran a ben deixarnos recolle-la testemuña da súa vida coas nosas cámaras. E foi, asemade, unha grande satisfacción poder facer este traballo e contar coa incondicional colaboración e apoio da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Salcedo así como de tódolos veciños que participaron neste traballo, sen os cales non tería sentido este documental. Dende este espazo virtual que me ofrece a rede quero dárlle-las grazas a todos eles, así como a todo o público que abarrotou o salón de actos do CEIP de San Martiño de Salcedo. Pola nosa banda, prometemos que o documental estará dispoñible o antes posible para que todo aquel que queira visionalo poida facelo.


Diario de Pontevedra



Faro de Vigo

Posted on 6 Novembro 2011, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 02. ARQUEOLOXÍA E HISTORIA, 07. PRESENTACIÓNS, CHARLAS E CONFERENCIAS, 10. SAN MARTIÑO DE SALCEDO. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario