Monthly Archives: Xullo 2011

O SANTUARIO DA NOSA SEÑORA DO LEITE EN SAN BREIXO (PALAS DE REI)

Hai un tempo, e por mor dunha fin de semana de relax no balneario do Pambre, tiven a oportunidad de descubrir uns deses recunchos máxicos do noso país.

En Palas de Rei, na parroquia de Santa María de San Breixo, existe un santuario coñecido como santuario da Nosa Señora do Leite, adicado ó Ecce Home e a varias advocacións marianas. A lenda conta que a Virxe se apareceu xunto a unha fonte que abrolla perto da igrexa e na veira do río, a hoxe coñecida como Fonte da Nai de Deus. Dise que esta misteriorsa aparición da Virxe foi o que motivou que se erixise o templo. Debido a este milagre a xente atribúe as augas desta fonte milagreiras propiedades. Dise que esta auga cura as doenzas relacionadas coa pel e tamén as doenzas dos animais. Os que aquí se achegan beben a auga do manancial e lavan a parte doente do corpo cun pano que logo cómpre deixalo a carón da fonte. A medida que o pano vai podrecendo así irá desaparecendo a doenza. Tamén hai xente que leva a auga en botellas para casa co obxecto de usala como remedio curativo.

Os días 8 e o segundo, terceiro e cuarto domingo de setembro celébrase neste santuario a famosa romaría da Nosa Señora da Nai de Deus, tamén coñecida como Virxe do Leite ou Virxe da Saleta. A tradición popular di que a Virxe do Leite e avogosa das mulleres que van parir e tamén dos animais produtores do leite. É por iso que se lle ofrecen a esta virxe moitos queixos, produto lácteo tan típico da comarca da Ulloa. Estes queixos serán posteriormente poxados polo sancristán.

Nesta romaría, como ocorre en moitas outras de Galicia, os devotos realizan diversos ritos e ofrendas con fins propiciatorios da divina intervención ou ben como acción de grazas polos favores e curacións recibidas por parte da Virxe. É habitual os ritos de imposición dunha pequena imaxe da Virxe e os diferentes rituais de contacto coas imaxes sagradas, ben pasando por baixo das andas da Virxe das Angustias ou do camarín do Ecce Homo e da Virxe do Leite, ou ben tocando a imaxe da Virxe coa man, con panos e outros obxectos que se impregnan, deste xeito, das bondades e poderes da divindade.

Este santuario ofrécenos outro fermoso exemplo de cómo os ritos relacionados coas augas foron absorbidos pola cristianismo conservando a súa esencia pero baixo a advocación dunha virxe, santa ou santo. Asemade, as virtudes da Virxe do Leite como protectora das mulleres preñadas e do gando produtor do leite non deixa de conserva-las propiedades básicas das antigas divindades da fecundidade e da fertilidade da Nai Terra. Aquelas vellas deusas que garantía ós pobos o sustento da vida a través da bonanza do tempo, da fertilidade da terra e dos animais e da fecundidade das mulleres. Non quero deixar pasa-lo dato de que na veciña freguesía de San Martiño de Cubrián se atopou un ara votiva cuxo epígrafe foi interpretada polo sacerdote e investigador Nicandro Ares Vázquez como: Bandue Bolecco Sulpicius Xincerus C(uravit) V(otum) S(oliere) L(ibens) M(erito), que en galego viría a significar: Sulpicio sincero procurou cumprir gustoso en xustiza un voto a Bandua Bolecco. Segundo as interpretacións dos historiadores, Bandua sería unha das deidades galaicas con carácter acuático, ó igual que Nabia, que tería tamén un carácter tutelar e guerreiro. O achado desta ara poríanos trala pegada dun posible culto precirstián ás augas ou, máis ben, ás divindades ou numeres que habitaban nelas.

Moi pertiño do santuario e a carón da estrada comarcal atopamos o Oratorio da Santa Cruz, unha fermosísima mostra de arte popular relixiosa. O oratorio foi construído con motivo dunha daquelas populares misións celebrada polos Pais Capuchinos no ano 1927.

No interior do peculiar monumento existen tres cruces de madeira, dúas instaladas na parede e outra no centro do recinto, sobre unha base de pedra a xeito de cruceiro. Esta cruz presenta toda unha serie fermosos motivos decorativos de madeira policromada que fan referencia á simboloxía cristiá. Cítese. Unha pomba, a inscrición INRI, un galo, unha coroa de espiñas cun sagrado corazón, unha custodia, un látego, unha escada, unhas teazas, un martelo e na base unha caveira con dous ósos cruzados. A cruz vai adobiada, ademais, con dúas lanzas cruzadas, unha cunha esponxa cravada.


Toda unha marabillosa mostra dos elementos simbólicos da detención, martirio e crucifixión de Cristo resumidos nunha simple cruz de madeira que servía de recordo ós fregueses das ensinanzas recibidas na misión.

Para saber máis sobre este santuario recomendo le-lo traballo de José Manuel Blanco Prado que leva por título “O complexo artístico-relixioso de San Breixo (Palas de Rei, Lugo)”.


Quen se achegue a este recuncho de Galicia que non perda a oportunidade de visita-lo espectacular castelo de Pambre, construído por Gonzalo Ozores de Ulloa a finais do século XIV e a única fortaleza que resistiu á revolta irmandiña de 1467, e, por suposto, que non deixe de facer unha camiñada ata os torrentes de Mácara ou polas beiras do Ulla e do Pambre. A boa fe que merece a pena.

UN “SUNSHINE AWARD 2011” PARA Á SOMBRA DE BOUZA PANDA


O ben querido amigo Antonio Reigosa dende o seu marabilloso universo mítico da web Galicia Encantada tivo a xenerosidade de outorgarlle a esta humilde bouza virtual un Sunshine Award 2011, polo cal estamos enormemente agradecidos.

Agora cómpre acata-las normas do premio: amosa-la distinción recibida no meu blog, pór un enlace ó blog da persoa da que recibín o premio, facer partícipes desta distinción a outros doce blogs do meu interese, publica-lo seu enderezo e comunicarlles a concesión de tal galardón. Velaí os meus galardoados co Sunshine Award 2011:

El lejano Oeste de Ibias
Por construír un universo de fermosura que devezo por coñecer.

El blog de Karkallón
Por amosarnos o lado misterioso deste país.

Defende o Monte Pituco
Pola súa loita sen descanso en prol da conservación e protección do Monte Pornedo.

O blog de Francisco Sutil
Por que ninguén coma el sabe amosárno-la beleza da paisaxe natural e humana de Galicia.

Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
Por seu unha proxecto polo que merece a pena traballar.

El Tablero de Piedra
Por facernos pensar.

Non á Franxa
Por manternos informados.

O Noso Patrimonio
Polo excelente labor inventariando ó noso patrimonio.

A Lanzada
Polo pioneiro traballo de divulgación do noso patrimonio arqueolóxico.

Da Cerna
Por cultivarnos coa riqueza da nosa lingua.

Os Chichisos
Por tantos anos de música e festa.

Amigos do patrimonio de Castroverde
Para que sigan traballando así de ben.