Monthly Archives: Febreiro 2018

VI XORNADAS DO ENTROIDO DE GALIZA

Este venres 23 e sábado 24 organizamos dende a Sociedade Antroplóxica Galega (SAGA), e coa colaboración do Concello de Pontevedra,  as VI Xornadas sobre o Entroido de Galiza. É o momento de reflexionar, debatir e achegar coñecemento sobre esta a nosa festa ritual máis importante do ano. Un ano máis damos voz aos especialistas que estudan o noso Entroido e, sobre todo, a aqueles que o vivén, o sinten e que o manteñen vivo para ben da nosa cultura como pobo. Por último, quero anunciarvos que este ano teremos algunha sorpresa que non vén no programa. Estades todos convidados.

xornadas entroido

cartaz entrudo 6[7671]

programa entrudo 6[7673]

DOCUMENTAL “MADAMAS E GALÁNS” ONLINE

PORTADA MADAMAS

O Entroido tradicional galego é moi rico e diverso en personaxes, ritos e tradicións. Dentro desta riqueza de expresións destaca o Entroido de Cobres, no que as Madamas e os Galáns son os seus protagonistas máis senlleiros. Percorremos neste documental a historia do Entroido de Cobres e dos diferentes entroidos enxebres que se celebraban no concello de Vilaboa. Descubrimos o significado profundo desta festa ritual, os seus elementos constituíntes, os aspectos que se perderon co paso do tempo e o xeito no que hoxe se celebra este famoso entroido.

Dirección: Rafael Quintía
Guión: Rafael Quintía e Xosé Anxo Rosales
Montaxe: Miguel Alonso
Edición: Miguel Alonso
Música: Rafael Quintía e João Bieites

Unha producción de Ab Origine Antropoloxia promovida e financiada pola Asociación Cultural Cobres-Vilaboa. Coa colaboración do Concello de Vilaboa e da Deputación de Pontevedra. Ano 2016.

 

A ESTATUA DE BALIKLIGÖL E A FORZA HIPNÓTICA DA MÁSCARA DO VOLANTE

DSC_4312

Na miña humilde opinión e sen desmerecer a ningunha das marabillosa máscaras galega (un día falaremos delas), unha das máscaras máis potentes e impactantes do Entroido é a dos Volantes. O seu rostro hierático, apenas os mínimos trazos para representar unha face humana labrada a lume sobre capas de liño e vellas follas de xornal ou papel de estraza. A súa tona de verniz dourado feito a base de xema de ovo e a súa mirada baleira, case intimidatoria fan desta carauta unha das máscaras máis  hipnótica e fascinantes do noso rico e valioso Entroido.

Pero hai algo máis nesta careta que fai remexerse en nós algo por dentro, unha forza autenticamente atávica, unha enerxía nacida do máis fondo do subconsciente e que nos conecta con algo moi antigo, case numinosos diría eu. A mesma forza que posúen as primeiras representacións humanas daqueles ou daquelo que demos en chamar deuses.

DSC_5818

Por iso, non podo evitar cando vexo unha máscara de Volante lémbrame da Estatua Balıklıgöl, aparecida perto de Gobekli Tepe, o primeiro templo da humanidade, e considerada a estatua máis antiga coñecida, cunha datación de 13.500 anos de antigüidade.  Unha estatua, cuxo rostro apenas bosquexado, fálanos do camiño que percorremos dende o paleolítico ao neolítico, a face espida e impasible quizais dunha deidade, quizais dun espírito, dun morto ou dalgún deses seres estraños e fronteirizos entre o Alén e o Aquén, entre o humano e o animal, entre o home a muller e que, onte coma hoxe, fan acto de presenza en determinados momentos do ano para interactuar con nós, humildes mortais, nunha danza ou coreografía cuxos símbolos e intencións aínda non somos quen de desvelar na súa totalidade. Como tampouco somos quen de desvelar que se oculta tras a máscara do Volante, de onde nace a súa forza e que quere de nós.

Estatua Balıklıgöl.

A semana pasada tiven a sorte de poder gravar e fotografar todo o proceso de elaboración dunha destas máscaras grazas á xenerosidade dos queridos Juan Carlos González e Marisé Rey, sempre dispostos a dalo todo polo seu Entroido ribeirao de Santiago de Arriba e auténticos salvagardas desta súa e nosa festa. Quero agradecerlle a súa colaboración tamén a Iván, digno herdeiro da vocación e entrega do seu pai e da súa nai.

DSC_4315

Ao seu debido tempo publicaremos o vídeo, mentres tanto deixo aquí a secuencia fotografada de todo o proceso, esperando que sirva para divulgar, salientar e darlle o valor que se merece o enorme traballo de organizar un Entroido como este e á nobre e sagrada arte de facer que cada ano a vida volva a abrollar coa forza telúrica e celeste do Entroido.

11

1. Vanse superpoñendo capas de papel de xornal e liño pegadas con engrudo (auga e fariña). Tres capas de papel, unha de liño e dúas de papel.

12

13

2. Adáptase o papel ao molde (a forma) de madeira suxeitándoo con cordeis para que adopte a forma do molde. Póñense uns anacos de carozo ou rolla no lugar onde irán os ollos e boca, para que a carauta adopte a forma correcta.

14

15

3. Métese no forno durante 20-30 minutos

16

4. Sácase do forno, unha vez cocida e quítaselle a corda e os carozos

17

17.1

18

5. Despréndese a carauta da forma con axuda dun coitelo

20

21

21.1

19.1

6. Fánselle os buratos do nariz, ollos e boca cun ferro quente. Así como o burato para colocar a goma.

23

DSC_5805

7. Vernízase a máscara con xema de ovo

24

8. Cóselle o borde con cordel para darlle máis consistencia

25

9. Colócaselle a goma para suxeitala na cara

DSC_4445 - copia

10. úsese a máscara no Entroido ribeirao

Hai anos que colecciono máscaras. Sempre me sentín atraído pola forza deses rostros liminais. Teño máscaras de África, América, Asía e incluso de Europa. Agora, grazas a Juan Carlos e Marisé,  podo presumir tamén do grande privilexio de engrosar a miña colección coa fascinante máscara de Volante, aquela que nos mira á cara dende o fondo da tradición máis ancestral, tan antiga e fonda como a mirada daqueles primeiros deuses da Humanidade.

27