Monthly Archives: Marzo 2012

A SAGA NO PROGRAMA “O SOMBREIRO DE MERLÍN”. ENTREVISTA EN RADIO OBRADOIRO

Este sábado día 31 de marzo o compañeiro Miguel Losada e un servidor participarán no programa literario e cultural “O sombreiro de Merlín”, de Radio Obradoiro. Alí falaremos do proxecto da Sociedade Antropolóxica Galega e presentararemo-lo anuario “Fol de Veleno”, neste momentos no prelo a piques de publicarse. O programa emítese os sábados de 12-13h.

Ligazón RADIO OBRADOIRO:
RADIO OBRADOIRO

Máis información sobre o programa:
O SOMBREIRO DE MERLÍN

HOXE FALAREMOS DO ALICORNIO NA RADIO GALEGA

Hoxe á noite, a iso das 12.30h, no propgrama Milenio da Radio Galega falaremos do poder do corno de unicornio, do alicornio galego e das súas propiedades e usos na medicina tradicional galega.


Unicornio. Ilustración de Myriam Quintía

LIGAZÓN DO PROGRAMA:
http://www.crtvg.es/rg/programas/milenio

Achego un artigo en pdf sobre as propiedades curativas do alicornio que publiquei hai un tempo na Revista de Investigación de Galicia Encantada.

ARTIGO (PDF):
Aplicacións curativas do alicornio

A PENA BOEIRA, O “NIÑO DA ÁGUIA” DOS MOUROS

É por todos coñecida a famosa casa de retiro ou refuxio que Adolf Hitler tiña
nos Alpes de Baviera, dentro do complexo nazi do Obersalzberg. A privilexiada localización de Kehlsteinhaus, como así se coñecía a este idílico retiro pendurada no alto da montaña alpina de Kehlstein (a 1834 metros de altitude), valeulle o sobrenome de “O Niño da Águia”.

Pois ben, salvando as distancias e sen querer contaminar de tal reprobable ideoloxía á nosa querida raza mítica, os mouros teñen no noso país o seu particular Niño da Águia, refírome á Pena Boeira, tamén coñecida como Pena de Feilas ou Monte Sextil.

Cunha altitude de 1000 metros, a Pena Boeira álzase maxestoso sobre o val do Támega. O seu cimo coroado por unha inmensa formación de seixo (posiblemente de ai veña o de Monte Sextil, por deformación de Seixil) destaca na paisaxe coma o cairo branco dun narval. Alá arriba, no máis alto curuto deste bloque de cristal érguese unha fortaleza esquecida, a fortaleza onde viven os mouros.


Pedrafita no camiño de acceso ó alto de Pena Boeira

Totalmente amurallado, salvo na súa parte occidental na que os grandes cortados e cantís inexpugnables fan innecesaria a muralla, este recinto fortificado duns 80 metros de ancho por 130 metros de longo domina todo o val e o paso natural entre estas montañas. Nunha terra xenerosa en minas de estaño, onde se cruzan as vías naturais de entrada no territorio galaico a situación estratéxica desta fortaleza debía ser inmellorable.


Distintos tramos da muralla da fortaleza de Pena Boeira


Farallóns e cantís na cara oeste da fortaleza

Cómpre lembrar que ós pés de Pena Boeira pasaba a vía romana XIV e fronte á nosa montaña, ó outro lado do val, ábrese o importante couto mineiro de Vilar de Cervos, onde xa se sacaba estaño en tempos dos romanos e xa en datas recentes wolfranio e tantalita.


Situación de Pena Boeira respecto á vía romana XIV


Mapa das vías romanas do sur de Galicia. De J. Taboada Chivite. “La vía romana del valle del Támega”. Separata do fascículo 3-4 Vol.55 LV da Revista Guimarães. Ano 1946.

Precisamente, tal como observou en 1786 o director da empresa mineira de Monterrei —o Sr.García Álvarez— de seixo branco como o que forma o cimo da Pena Boeira están compostas moitas das vetas de mineral de estaño que tanto abondan nestas terras. Xa o xeógrafo e humanista J. A. Cornide de Folgueira y Saavedra, que estudou este territorio entre os anos 1751-1762, comenta que:

“con la simple operación de levantar algunos céspedes en los sitios que conocen, suelen hallar muy buenos pedazos de este metal que aun es más puro que el celebrado de Cornwalles, el que benefician a subido precio. […] Todas las montañas que rodean el valle abundan en casiterita. El poco ánimo o la impericia estorban su debido aprovechamiento, que nos excusaría de mendigar de los paises extranjeros.”
(Recollido no libro “Viaje de Cornide por Galicia”, transcrito por P. Pedret Casado.)


Situación de Pena Boeira respecto ós principais coutos mineiros da zona

Non por nada elixiron este cumio aqueles que decidiron erguer esta construción que algún identifican cun castro pero que pouco parece ter de castro e moito de primitiva fortaleza alto medieval.


Os compañeiros João Bieites e Miguel Losada inspeccionando os restos da muralla


Ruinas de estructuras anexas á muralla

Perto da fortaleza de Pena Boeira, e cara o este, álzase o monte Castelo onde intuimos que tamén pode habe-las ruínas doutro recinto fortificado, o castelo de Monteveloso.

A crenza popular conta que no alto da Pena Boeira, entre os muros da esquecida fortaleza, habitan os mouros. Uns mouros que, como ocorre en moitos outros lugares da nosa xeografía mítica, teñen túneles subterráneos que conducen dende o alto desta montaña ata a aldea de Marbán. Hoxe en día aínda é posible atopar unha cova ou mina na faldra desta montaña, perto da aldea de San Paio. Quizais aí estea a orixe do mito dos túneles dos mouros de Pena Boeira.

Tamén se conta que os mouros botaban o día a limpar e refrega-los grande bloques de seixo que coroan esta atalaia natural sobre as terras de Verín e o val do río Támega. Seica con este intenso labor de limpeza os mouros conseguían que o cimo da montaña —verdadeiro niño de aguias— brillase coma un facho e destacase sobre a xeografía montesía que a circunda.


O seixo que coroa a Pena Boeira

Bruno Rúa, na súa recomendable “Guía arqueolóxica do Alto Támega” recolleu unha lenda que lle escoitou a unha veciña da aldea de Feilas e que segundo ela lle acontecera a súa bisavoa. Vexamos cal era esa historia:

A bisavoa desta muller de Feilas tiña un porco que tódalas mañás marchaba cara a fortaleza da Pena Boeira e alí no alto botaba todo o día ata que regresaba a casa polo solpor. O ver a señora que o porco nunca chegaba famento da súa diaria excursión e comprobar que tampouco comía nada na casa pese a estar gordo, forte e fermoso pronto empezou a sospeitar se non lle estarían dando mantenta os mouros que habitan na fortaleza da Pena Boeira. Chegado o tempo da matanza a dona quixo facer do animal o que se fai nestes casos pero seica o porco non quixo acabar feito chourizos e fuxiu para a montaña non volvendo xamais.


Ruinas da fortaleza na súa cara norte

Non é este o único misterio que rodea a Pena Boeira. Segundo testemuñas do lugar na Pena de Feilas prodúcense avistamentos de luces misteriosas que sobrevoan o curuto da pena. A última vez que se viron estas misteriosas luces foi a mediados dos anos 2000. Segundo lle contaron ó compañeiro Miguel Losada, unha noite hai uns sete anos un grande resplandor iluminou todo o cimo da montaña, facendo que por uns segundos a noite se fixera día. Hai case dez séculos un suceso semellante serviulle ó ermitán Pelaio para localizar a tumba do apóstolo Santiago. Hoxe en día daríanos para unha película de encontros na terceira fase ou para a formar un grupo de contactados.


Anoitece en Pena Boeira

Os tempos cambian pero a nosa esencia humana segue sendo a dun home que pintaba estrañas formas na parede dunha gruta. Os fillos daquel homínido curioso que un día decidiu aventurase máis alá das terras que hoxe chamamos África. Tal e como hoxe facemos nós, aventurándonos dende o alto da Pena Boeira nos territorios descoñecidos da nosa xeografía mítica e do noso particular universo inmaterial.


Homínidos profanando o Niño da Águia dos mouros

AUDIO DA ENTREVISTA NO PROGRAMA “MILENIO” DA RADIO GALEGA

ENTREVISTA A RAFAEL QUINTÍA NO PROGRAMA “MILENIO” DA RADIO GALEGA.
TEMA DA ENTREVISTA: O SANTUARIO DA NOSA SEÑORA DA LANZADA
Programa emitido o día 8 de marzo ás 24h.

ESCOITA O AUDIO DIRECTAMENTE DENDE O BLOG OU DESCÁRGAO DENDE IVOOX:
http://www.ivoox.com/santuario-da-nosa-senora-da-lanzada-entrevista-a_md_1098521_1.mp3″ Ir a descargar

Ligazón do audio do programa completo:
milenio-milenio-do-dia-08-03-2012-261804