Monthly Archives: Xuño 2014

“A PIRATA DAS LOURIÑAS”

Aquí vos deixo un pequeno relato meu  que publicaron no libro de finalistas do “II Certame de Relato Curto”, organizado pola Federación Provincial de ANPA de Pontevedra. O libro é un deseño e produción de Kalandraka Editora.

 

escanear0001

escanear0002

 

“A pirata das Louriñas”

Agardou a que todos estivesen durmindo para erguerse da cama. Non quería que soubesen do seu segredo. Colleu a caixa debaixo da cama e, ás escuras, avanzou polo corredor cara á porta da casa. Baixou amodo as escaleiras, coas catiuscas na man para no facer ruído. Camiñou ata o alpendre e colleu unha laia. Unha lúa comesta vixiaba no ceo coma un facho na noite.

Levaba días pensando onde enterrar o tesouro. Tiña que ser un sitio onde non fose remexer ninguén e cumpría facer un plano para non esquecerse. Os piratas, que diso saben moito, sempre o fan. Se o enterraba na horta podían atopalo ao sachar as patacas. A súa avoa contaba que un día atopara a punta dun raio cabando na leira. Despois de darlle ao maxín decidiu que o mellor era agochalo preto do muro da casa. Alí non iría ninguén.

Dende o alpendre andou en liña recta ata a barrica do sulfato contando 33 pasos. Despois virou á esquerda e camiñou cara á pereira: 50 pasos. Agora cara a abaixo outros 25 pasos ata bater co muro. Espetou a laia no chan e cabou un burato.

Abriu a caixiña de lata onde gardaba as súas riquezas, o tesouro da pirata das Louriñas. Así a alcumara o seu avó pola súa afección a xogar con espadas de madeira. Repasou o seu enxoval. Un trompo, dúas canicas, un reloxo sen agullas, unhas cornas de vacaloura, uns botóns de acibeche, un anel de alpaca e unha notiña que puña: “A pirata das Louriñas, 7 de agosto de 1978”. Cun sorriso na faciana, tapou o burato e correu de volta á casa.

Pola mañá, unha nai cómplice limpaba as misteriosas pegadas de terra que unhas botiñas deixaran polo corredor aquela calorosa noite na que non puidera pegar ollo.

 

 

 

O ALICORNIO: ENTREVISTA NO XORNAL “NOVAS DA GALIZA”

Entrevista sobre o alicornio que me realizaron recentemente para o xornal Novas da Galiza. http://www.novasgz.com/

 

ENTREVISTA ALÑICORNIO