Monthly Archives: Xaneiro 2016
PARTICIPAMOS NAS “I XORNADAS DO ENTROIDO” DA ASOC. ETNOGÁFICA A MERDEIRA
Este sábado 30 a partir das 18 h o compañeiro da SAGA Xosé Anxo Rosales e eu estaremos dando un par de conferencias sobre o entroido nas “I Xornadas do Entroido” organizadas pola Asociación Etnográfica A Merdeira. Alí nos vemos. Con estas xorndas os amigos de A Merdeira celebran os 10 anos de recuperación da figura do Merdeiro, tradicional do entroido de Vigo ata comezos do pasado século XX.
VIDA E APOTEÓSE NA II MASCARADA IBÉRICA
Dende hai dous anos vénse celebrando en Vilariño de Conso e Viana do Bolo un dos eventos de divulgación do Entroido máis importantes da Península Ibérica. Refírome á Mascarada Ibérica. Unha xuntanza de irmandade e empoderamento dalgúns dos entroidos peninsulares máis importantes e fascinantes. Como todas as cousas boas, a incoativa naceu da propia sociedade e son eles quen a organizan, neste caso a Comisión do Entroido 2016 de Viana do Bolo, a Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso, a Asociación de Mulleres Rurais de Viana do Bolo e a Sociedade Antropolóxica Galega (Saga), que temos a sorte e o privilexio de que nos deixen formar parte deste importante acontecemento cultural.
Esta pasada fin de semana tivo lugar a segunda edición deste espectacular encontro. Como non podía ser doutro xeito, tiñamos que estar con eles e vivir xuntos eses emocionantes momentos. Así que alí nos desprazamos unha representación da Sociedade Antropolóxica Galega.
Foi un auténtico pracer atoparse con amigos como Xosé Manuel e Carme Seixas ou os grandes coñecedores e investigadores do Entroido Carlos Ares, José Rodríguez Cruz ou Eloi dos Freiría. Un pracer tamén falar con Ramos Perera, presidente da Sociedad Española de Antropología y Tradiciones Populares que, xunto cunhas colegas, desprazáronse dende Madrid para coñecer de primeira man este evento. Non me quero esquecer tampouco da tribo de fotógrafos, como o compañeiro Pedro Losada, a grande Cristina García Rodero (MAGNUM PHOTOS) e todo un mito ou Roberto de la Torre e compaña, que como auténticos devotos da nosa cultura percorren entroidos, festas e santuarios plasmando nas súas imaxes algunhas das expresións culturais máis representativas e íntimas deste pobo.
O fotógrafo da SAGA Pedro Losada en plena acción
Este ano os veciños destas esgrevias serras e todos os que se achegaron a vivir esta mascarada puideron gozar da ritualidade coreográfica de oficiantes e figuras tan simbólicas como os Volantes e Maragatos do Entroido ribeirao de Santiago de Arriba, os Vellaróns de Riós; os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros, en Ourense; os Troteiros de Bande; os fulións de Buxán, das Carelas, da Mourela para acá, de Mormentelos, ou os fulións rurais, Casco Vello e Fulión Alternativo de Viana do Bolo. Pola banda non galega estiveron presentes personaxes ancestrais como os Jurros de Alija del Infantado, en León; os Caretos de Parada e Lazarín de Portugal; os Sidros de Valdesoto, en Asturies; a Visparra e Talanqueira de Vigo de Sanabria e San Martín de Castañeda, en Zamora ou os Zamarrones de Paré de Piasca, en Cantabria.
Unha auténtica comuñón entroideira e identitaria entre pobos irmáns de Galicia, León, Asturies, Cantabria, Zamora e Portugal. Unha poderosa explosión de forza cultural que, curiosamente, a TVG (televisión pública galega) non quixo cubrir malia ser o evento de exaltación do Entroido peninsular máis importante de cantos acontecen no noso país. Seica querían cobrar por ir recoller a noticia. Mellor ir filmar unha paparota ou inauguración dos políticos de turno que lles dan de comer aos directivos deste medio no que, dito sexa de paso, traballan —cando lles deixan— grandes profesionais, algún dos cales teño o pracer de coñecer e de gozar da súa amizade.
E xa que estamos no momento de crítica construtiva, unha pequena corrección para o Faro de Vigo, o que se viu nesta mascarada non son “disfraces”, son os traxes duns seres case sagrados, entidades hiperreais e liminais, seres teriantrópicos, e auténticos oficiantes que representan un rito ancestral á altura da relixión máis poderosa do mundo.
Quero facer público, dende este humilde blog, os meus parabéns por un traballo tan ben feito e tan digno e o meu agradecemento á organización e a todos os amigos destas nosas montañas polo trato, cariño, hospitalidade e xenerosidade recibida. Sodes moi grandes por iso tendes o Entroido vivo e potente que tendes. Grazas a Jorge Minas Domínguez Couso da Comisión do Entroido de Viana do Bolo; ás amigas da Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso; a Iván Fernández Fernández, que leva a o folión no sangue e cuxa nai mantén viva a tradición das máscaras de Boteiros; ao danzante xiróvago e mázcara Dani Domínguez do Fulión da Mourela para acá e a todos os veciños que habitan nun dos lugares máis fermosos e poderosos da nosa terra.
- Con amigo Dani Domínguez, do fulión da Mourela para acá
Co amigo Xosé Manuel Seixas, do entroido ribeirao
Se mo permiten voulles dar un consello. Vivan vostedes o Entroido, participen no rito purificador alá onde vaian, déixense levar polo son das chocas, das esquilas, dos cornos e buguinas que xa están soando polas aldeas. Reciban a bendición das zamarras dos Peliqueiros ou dos Cigarróns; das vinchas das Pantallas; déixense bautizar pola borralla do Óso de Salcedo, da farrapada de Laza ou dos farelos de Xinzo de Limia. Fertilicen os seus campos ou os xeranios do balcón co lumen novo e os fachóns; salten coma os Troteiros e os Boteiros; dancen como Madamas e Galáns; non lle discutan a un Xeneral da Ulla, que quen manda manda; dean grazas por toparse coa forza fecundadora e multicolor dos Volantes ou síntanse honrados de toparse cun Felo, un Zarramanculleiro ou calquera dos centos de seres máxicos que dende Reis ata finais de febreiro transitarán polo noso mundo terreal. Síntano como propio aínda que non sexan do lugar, pois o Entroido galego é patrimonio non só dos galegos e galegas senón de toda a humanidade.
Non me queda máis que dicir, tan só agardar que cheguen os días grandes do Entroido para peregrinar ás montañas orientais Galicia —cada quen ten o seu santuario— e poder volver sentir as células do meu corpo vibrar e emocionarse co son telúrico, atávico e ancestral dos fulións; para sentir a forza iconográfica dos Boteiros ou deixarme levar hipnotizado pola danza cósmica e catártica das mázcaras xiróvagas. Jorge, Carlos, Dani, Iván…alá nos vemos amigos.
ENTREVISTA NO XORNAL SERMOS GALIZA CO GALLO DE TER RECIBIDO O XX PREMIO VICENTE RISCO CIENCIAS SOCIAIS