Monthly Archives: Maio 2016

TRAILER DE “MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA”

capa muíños

ESTREA DO DOCUMENTARIO “MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA”

Este xoves ás 20h na Casa Social de Salcedo (Pontevedra). Alí nos vemos para gozar desta viaxe pola nosa cultura a través dos muíños: a memoria da auga.

estrea moinhos

“MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA”

Velaiquí o noso novo traballo audiovisual. O vindeiro xoves 2 de xuño ás 20h estrearémolo en Salcedo. Dende aquí o meu agradecemento a todas as persoas que colaboraron neste proxecto achegando o seu coñecemento e lembranzas vitais. A Daniel Blanco polas súas explicacións, a Carmen e Cesar pola fantástica banda sonora, a Paz por volver a prestarnos a súa voz, a Miguel-Ângelo polo traballón 3D e ao concello de Pontevedra e, en especial ao seu concelleiro de Patrimonio Histórico Luís Bará, por considerar que este traballo etnográfico tiña o valor suficiente como para financiar a súa realización.

capa muíños

contra capa muíños

SINOPSE:

Os muíños son uns dos elementos etnográficos máis senlleiros e identificativos da paisaxe cultural e natural de Galiza. Construcións vencelladas á vida agraria cuxa función foi fundamental para a supervivencia das xentes e para o desenvolvemento económico da sociedade. Os muíños de río eran auténticas fábricas de maná, que en forma de fariña facían posible a fabricación do pan, alimento básico na dieta dos labregos.

Ester novo documental da Sociedade Antropolóxica Galega achéganos á historia dos muíños de río, á súa arquitectura e funcionamento, aos seus usos e costumes, ao patrimonio inmaterial a eles vencellados e ao papel económico e social que xogaron nas comunidades agrarias galegas ao longo do tempo.

FICHA ARTÍSTICA:

DIRECCIÓN: Rafael Quintía

GUIONISTA: Rafael Quintía

REALIZACIÓN: João Bieites

GRAVACIÓN E MONTAXE: João Bieites

RECREACIÓN 3D: miguel-Ângelo Bieites

VOZ EN OFF: Paz Castro

MÚSICA: Carmen Gallego e César Loureiro

PRODUCIÓN: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

FICHA TÉCNICA:

PRODUTORA: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Un documental realizado co finanzamento do Concello de Pontevedra, Concellería e Patrimonio Histórico.

TÍTULO ORIXINAL: “MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA”

TIPO: Documental

XÉNERO: Etnográfico

Produción propia realizada a cor

ANO: 2016

DURACIÓN: 93 minutos aprox.

ORIXE: Galiza

IDIOMA V. O.: Galego

PUBLÍCASE “ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA”

A partir de hoxe empeza a distribuírse nas librerías o meu novo libro correspondente ao traballo premiado no “XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais”. Se alguén está interesado en adquirilo tamén pode pórse en contacto comnigo a través deste blog ou coa Fundación Vicente Risco.

portada a moura

Datos técnicos:

Autor: Rafael Quintía Pereira

Editorial: Fundación Vicente Risco

Impresión: branco e negro

Tamaño: 21×15

257 páxinas

Ano: 2016

I.S.B.N. 978-84-942726-7-7

ACTO DE ENTREGA DO “XX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS”

Hoxe tiven o honor de recibir o “XX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS”, galardón co que se premiou o meu traballo “Análise simbólica e estrutural do mito da Moura galega”. O acto celebrouse na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), na cidade portuguesa de Vila Real, e a cerimonia foi presidida polo Prof. Dr. Alberto Baptista (Pró-Reitor da UTAD e Diretor do CETRAD) e polo Prof. Dr. Luís Risco (Presidente da Fundación Vicente Risco ).

DSC_6447

O Prof. Dr. Humberto Martins, vice-reitor da UTAD, presentando o acto.

DSC_6449

O Prof. Dr. Luís Risco presentando o libro do traballo premiado.

Durante o acto presentouse o libro que recolle este meu traballo e leuse o comentario da obra que realizou o Prof. Dr. Humberto Martins (UTAD) e ao que lle agradezo enormemente as súas palabras de recoñecemento ao meu traballo. Tamén tiven a oportunidade de realizar unha comunicación sobre o mito da Moura e debater cos presentes diferentes aspectos desta investigación e do propio mito.

DSC_6452

No transcurso da conferencia sobre o Mito da Moura.

Quero aproveitar a ocasión para reiterar o meu sincero agradecemento aos organizadores deste premio e aos membros do xurado que tiveron a ben outorgarme este recoñecemento e que cito a continuación: Teresa Devesa Grana representante do Concello de Allariz, Fernando Acuña Castroviejo en representación do Concello de Castro Caldelas, Antonio Blanco Rodríguez e  Xosé María Eguileta Franco en representación da Fundación Vicente Risco, Humberto Miguel dos Santos Martins e Timothy Leonard Koehnen en representación do CETRAD da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e Francisco Fernández Rei en representación da Fundación Sotelo Blanco. As miñas grazas tamén ao profesor Luís Risco e ao vice-reitor da UTAD Alberto Baptista. Por último, moitas grazas aos compañeiros e compañeiras que antes ca min gañaron este premio e a todos aqueles que se teñen presentado ao certame por achegarnos a todos  parte do seu saber e do seu traballo.

DSC_6460

De esquerda a dereita O Prof. Dr. Luís Risco, un servidor e o Prof. Dr. Humberto Martins.

DSC_6458

Non se pode disimular a alegría de ter un galardón co nome de Don Vicente Risco. 

premio

O meu agradecemento  á nosa Moura por tal galano.