Monthly Archives: Xuño 2009

OS CHICHISOS, QUE COUSA CHICO!!

DSCF0130

Ás veces, na vida, un ten a sorte de coñecer xente coa que, por algún tipo de conspiración cósmica e mistérica, establece un tipo de relación especial na que, con sutís fíos de arañeira, constrúe unha irmandade baseada na complicidade, na amizade e no feito de compartir un universo, un rueiro común de valores, crenzas, afeccións, inquedanzas e soños cos que sobrevivir neste mundo incerto e inxusto no que nos tocou vivir. Eu tiven esa sorte. E digo sorte porque co crecente número de miserables que nos rodean día a día atoparse cun grupo de xente así tórnase máis e máis difícil. Iso é o que a min me aconteceu cos Chichisos.

Os Chichisos é un deses grupos incatalogables. Non sei moi ben se é un grupo de música tradicional, un grupo folk, unha charanga, unha asociación cultural, unha plataforma reivindicativa, un grupo de amigos que se xunta para tocar e facer festa ou unha confradía da Tribo Aturuxo. Non sei, quizais sexa todo iso ó mesmo tempo e moito máis. Pero esa indefinición só sería un problema se lles quixésemos pór unha etiqueta, mais iso só se fai cando se quere vender un produto e os Chichisos non están en venda nin se venden.

Se houbese un Iker Jiménez da música tradicional posiblemente xa os tería levado ó seu programa para falarnos de tal fenómeno musico-socio-político-cultural. Se fosen un coche serían un todoterreo e posiblemente puidesen beneficiarse dalgunha das subvencións ó sector da automoción que tan de moda están nestes tempos de crise, pero como son músicos tradicionais, galegos e teñen inquedanzas pola nosa cultura non recibirán nunca subvención, nin axuda, nin pataco ningún. É o prezo que ten a honestidade e a independencia. En canto á desesperación da lucidez e á loita contra tanta ruindade, iso cúrase con licor café, e se é de Castro Caldelas mellor.

Esta imposibilidade de catalogalos vén dada pola amplitude de actividades na que se moven, que de seren un neno a boa fe sería diagnosticado de hiperactividade aguda. Non é difícil atopalos xa sexa en concertos, festivais, fiadeiros, ruadas, seráns, tabernas, furanchos, festas, romarías ou magostos como en vodas, enterros, pasarrúas, procesións, actos culturais, actos reivindicativos, homenaxes e todo tipo de evento no que o son das súas gaitas sexa requirido e agradecido. Posiblemente a súa axenda estea máis chea cá do presidente Obama e mesmo hai quen di que o don da omnipresencia xa non é exclusivo do Deus cristián.

Esta actividade desaforada lévaos a ter relacións —e enténdase ben— con moita xente da vida social e cultural da súa contorna, e aínda con moitas máis persoas, que como dicía o inolvidable John Ballan, non che é o mesmo. Se unha persoa é medida pola calidade dos seus amigos, os Chichisos acadarían a máxima puntuación de Galicia Calidade-Galicia Calidad, non sexa que protesten os de Galicia Cunilingüe.

É certo que son moitas as asociacións, os colectivos e os particulares que contaron nestes anos coa desinteresada colaboración dos Chichisos, ós que, porque non dicilo, lles deben agradecemento pola súa constante predisposición a axudar. Pero non é menos certo que tamén hai xente á que os Chichisos lle deben da-las grazas. A todos aqueles que confiaron neles, nos malos tempos en nos bos tempos, cando non había cartolos no peto e cando había millo na paneira, ós que agradecen e dignifican a súa musica, ós que se honran coa súa amizade. Prometo estarte agradecido, cantaba Rosendo Mercado e eles fanlle o coro. Sería inxusto non citar algunhas desas persoas e non citar a outras, polo que non nomearei a ninguén, pero máis inxusto sería non citar, cando menos, o seu mestre de gaita Xulián, pola amizade, polo saber e pola paciencia mutua.

Os Chichisos é deses grupos que acollen sen prexuízos a todo o que ame a nosa música e queira tocar con eles, xa sexan con papeis ou sen papeis. Non hai legalización nin trámite de regulación máis efectivo e válido ca unha boa actuación ó abeiro e á calor da taberna. Se houbese ritos de paso no grupo, ese sería o obrigado; e se houbese rito bautismal, ben certo é que se faría nunha grande cunca de viño de Barrantes.

Posiblemente iso, e unha afección cinéfila, sexa o que explica que pasasen de ser catro no ano 1997 —como Dartagnan e os 3 mosqueteiros— a ser sete no 2001 —como Os sete magníficos— e a doce no 2009 —como Os doce do patíbulo—. Só agardo que non se lles dea por ve-lo filme de Os trescentos, coido que a Royal band of pipes and drums da Deputación de Ourense non gusta de competencia. Os Chichisos debe se-lo único que medra nestes tempos de recesión, iso e os famosos “brotes verdes”, claro. Pero así son eles. Éche o que hai e non é pouco.

Se eu fose un pastequeiro de Tomeza diría que teñen a maxia da beizón de san Cibrán, que a súa música ten as virtudes purificadoras do alicorno e o poder da chave de san Pedro. Se eu fose pastilleiro da rota do bacallao á portuguesa diría que o seu ritmo total mola mazo, nen!! Se eu fose sociólogo diría que a través da súa música fan un importante labor de cohesión social. Se fose psicólogo non dubidaría das propiedades da terapia grupal dos seus concertos. Se fose antropólogo diría que a súa actividade cultural responde a un instinto tribal de supervivencia e de reafirmación galaica. Se fose economista diría que como empresarios non teñen futuro. Se fose historiador lembraría a Estrabón dicindo que os Chichisos son veloces coma as eguas da Lusitania que parecen preñadas polo vento. Se fose crítico musical diría que merece a pena escoitalos mais nunca soarán nos 40 principais. Se ademais de crítico fose un poeta cursi diría que a frescura do seu directo é coma as ondas do mar bravo que bican as areas da Lanzada na noite de San Xoán. E se fose o bardo Calros Solla diría que dende a Eira das Neghras ata os muíños do Batán, pasando polo alto da Cruz do Seixo, non hai Rabisaco, nin Pirocha, nin perello que non deveza por escoita-lo son grileiro e chuotador das súas vinchas repoludas rebulindo no ar da Pena D´aigha entre a espenuca desta terra esgrevia.

Pero como son amigo e parte implicada, Que podo dicir? Tan só, e arremedando o comezo daquel libro do capitán Alatriste, que quizais non sexan o mellor grupo do mundo pero son un grupo digno e honrado. Chámanse os Chichisos e teñen a alegría da chispa ourensá e a xenerosidade da Boa Vila que dá de beber a quen pasa. Iso si…augha nin vela!!

E agora …que cante o merlo!!!

UNHA VERDADE INCÓMODA

MAPA%20FRANXA%20LEXANA_2009-150PPP

Esta é a verdadeira magnitude das repercusións que teñen as franxas de seguridade da BRILAT de Figueirido (Pontevedra). Esta é a realidade que se nos mantiña oculta a tódolos veciños de Pontevedra, Vilaboa e Marín. Non só se establece unha franxa de seguridades cercana senón que se ocultou a existencia dunha franxa de seguridade lonxana que abrangue 2.880 hectáreas de territorio -núcleos de poboación incluidos- pertencente ós tres concellos, o que pon en serio perigo o desenvolvemento económico da zona, a conservación do patrimonio natural, material e inmaterial e os dereitos máis básicos á liberdade e á libre disposicións das propiedades privadas e das mancomunais.

O sometemento da soberanía popular e as liberdades civis ó mandato do exército supón un atentado ós principios democráticos inaceptable nunha sociedade de dereito, un atentado case tan grave como a ocultación intencionada de información e o engano malicioso da cidadanía.

Na seguinte dirección podedes ver un magnífico video explicativo desta problemática:
http://www.nonafranxa.tk/

A PEDRA DA PEZOÑA E OUTRAS PEDRAS SANDADORAS DA CULTURA POPULAR GALEGA

TRABALLO PUBLICADO NA REVISTA DE GALICIA ENCANTADA

Visítese:
http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=13&id=1555

TÍTULO: A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega.
AUTOR: Rafael Quintía Pereira.
Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca
ISSN 1887-2859
__________
Resume:
Magnífico artigo sobre as pedras-amuleto (amuletos minerais) que preveñen ou combaten o mal, e a súa importancia na cultura popular galega: pedra da pezoña, pedras feitas, pedras do trono ou pedras do raio, pedra da serpe e pedra da cobra, carbuncos, pedra corvina, pedra bezoar e pedra caimán, pedra alidoña, pedra do lince ou lincurio, pedra do leite, ollo de boi vidal,Ollo de Bouciga e pedras furadas, pedra do sangue, maclas e cruz de santo André, cantacucos, pedras borneiras, pedras da fartura e endegos.

APLICACIÓNS CURATIVAS DO ALICORNIO

SDC10575
TRABALLO PUBLICADO NA REVISTA GALICIA ENCANTADA

Visítese :
http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=1524

TÍTULO: Aplicacións curativas do alicornio na medicina tradicional galega.
AUTOR: Rafael Quintía Pereira.
ISSN 1887-2859
__________
Resume:
Traballo que trata sobre a orixe do mito do Alicornio, o uso, aplicacións e os rituais asociados na medicina tradicional de Galicia.

WELCOME TO IRELAND

53
3 razóns para visitar Irlanda

58
Comparti-la música nacida dun alma celta común293
Unha conversa cos amigos ó calor do pub165
Unha pinta e unha historia ó carón do lume antergo, Sláinte!!

(Fotografías: arquivo da A.C. Os Chichisos)