Monthly Archives: Xuño 2016

PUBLICAMOS O NOVO NÚMERO DE “FOL DE VELENO.ANUARIO DE ANTROPOLOXÍA E HISTORIA DE GALIZA”

Como vimos de anunciar no blog da Sociedade Antropolóxica Galega, xa está na rúa o noso anuario Fol de Veleno 2016. Este ano estamos de celebración, pois cúmprense 10 anos da creación da cabeceira Fol de Veleno que, como xa temos explicado, naceu no 2006 como un fanzine etnográfico e de opinión. Así que para celebrar este feito decidimos facer un número especial do noso anuario, e especial por varios motivos. Primeiro, pola súa extensión: 359 páxinas. Segundo, polo número de artigos: un total de 15 que van dende a antropoloxía do son, ata a arqueoloxía, pasando pola arquitectura, o manga, a investigación antropolóxica, a historia ou a crónica de viaxes. E por último, un número especial pola súa maquetación, coa que quixemos render homenaxe a aquelas publicacións decimonónicas de historia, antropoloxía e viaxes. Unha portada que reflicta a visión que dende a Sociedade Antropolóxica Galega temos do que debe ser o noso traballo e a nosa filosofía, unha ollada ao mundo pero dende o noso particular xeito de ser como galegos, unha metafórica viaxe en globo polas paisaxes da cultura propia e allea pero sempre dentro da nosa barquiña de vimbios coa que voamos e navegamos seguros de non perder o rumbo e a ilusión.

Tan só nos queda agardar que este novo número sexa do gusto de todos aqueles que gustan destes temas, non defraudar aos nosos lectores e aos nosos colaboradores e agradecer a todos eles estas anos de apoio. Moitas grazas e que gocen da lectura de Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza nº6 – 2016.

PORTADA FOL DE VELENO 2016 N6

01_fol_2016_1-108 401_fol_2016_1-108 5

01_fol_2016_1-108 6

A CLAVE “LATÉNICA” DO MOSTEIRO DE OIA

Os que seguides o meu blog ou os meus artigos xa saberedes do meu gusto pola comparación transcultural e non por unha teima por extrapolar conclusións dunha cultura a outra —algo, ás veces, realmente difícil e arriscado— senón mais ben por aquelo e facernos reflexionar sobre a diversidade das culturas humanas e, á vez, sobre as enromes similitudes que compartimos todos como membros dunha única especie.

En todo caso, cómpre aclarar que a comparación supón unha selección dirixida por suposicións teóricas, e moitas veces baseada en evidencias físicas. Segundo os antropólogos Kaplan e Manners, a comparación proporciónanos un método para suxerir formulacións xenerais sobre un fenómeno cultural. Pero para garantir a comparación cómpre asegurarse primeiro de que os fenómenos que se van comparar son o suficientemente próximos en forma, estrutura ou proceso. É neste marco acoutado no que a comparación resultará útil aínda que, cando menos, como recoñeceu Leach, o método comparativo sempre servirá para crear discernimento e xerar ideas.

DSC_3748

Pois ben, volvendo ao noso asunto, hai xa uns anos e por motivos que non veñen ao caso, andaba eu polo mosteiro de Oia (provincia de Pontevedra) cando reparei nunha das claves que unían os nervios das bóvedas empedradas do teito das naves do mosteiro. Aquela decoración requintada e sinuosa lembroume inmediatamente a unha outra pedra que coñecía ben, así que procedín a fotografala para, chegado a casa, poder facer as comparacións pertinentes. O tempo foi pasando e aquilo ficou pendente ate hoxe, momento no que me decidín a compartir con quen isto lea esta curiosidade decorativa.

DSC_3678

E é que aquela antiga clave que sostiña os nervios da bóveda estaba decorada cunha serie de deseños curvilineos e espirais que lembraba e forma clara as típicas decoracións célticas da cultura centroeuropea de La Téne. En consecuencia, aquela pedra semiesférica que como se dun ónfalo ou ovo cósmico penduraba do teito do mosteiro resultaba unha sorte e imaxe inversa da famosa pedra irlandesa de Turoe ou a Turoe stone.

A pedra de Turoe é un monólito granítico dun metro de alto aproximadamente que na actualidade —pois foi desprazado da súa localización orixinal— se atopa perto de Bullaun, no condado irlandés de Galway. Este monumento está datado entre os séculos III e II a.c. e foi atopada nun castro da Idade do Ferro. A parte superior da pedra está labrada e decorada cun deseño céltico continuo e curvilíneo pertenencente á cultura de La Tène. A parte media está decorada con franxas.

turoestone

Fonte da imaxe: http://www.handofhistory.com

Non é a única pedra deste estilo que existe en Irlanda. A Castlestrange stone é outro exemplo significativo, Neste caso, a pedra de Castlestrange, situada perto de Athleague no condado de Roscommon, presenta unha decoración de espirais concéntricas de estilo La Tène e está datada na Idade do Ferro, entre o 300 a.C. e o 100 a.C.

IMG_CastlestrangeStone2771

Fonte da imaxe: Wikipedia

Cal era a función e o uso destas pedras é unha cuestión que os arqueólogos non teñen aínda dilucidado. En calquera caso, todo parece indicar que teñen que ver co universo relixioso ou ideolóxico destas comunidades. Quizais poderían constituír marcadores de espazos sagrados ou asemblearios, como onfalos ou pedras da tribo (Trebopalas, denominas o arqueólogo André Pena) ou como marcas sagradas de territorialidade.

Vaia por diante que o contexto histórico e ideolóxico  nada ten que ver. As pedras irlandesas remóntase á Idade do Ferro e a un contexto céltico precristián e a nosa clave “laténica” corresponde a un templo cristián da Idade Media pero as similitudes estilísticas están aí. Precisamente iso é o interesante do asunto e as preguntas que eu me fago son: pode ser a decoración da clave do mosteiro de Santa María de Oia unha reminiscencia estilística laténica? É simple casualidade? Hai algunha conexión simbólica entre ambos os dous elementos? Perduran nos templos cristiáns motivos e símbolos pagáns e se é así por qué?

DSC_3678 - copia

Non vou responder a estas preguntas, eu teño a miña opinión ao repecto pero coido máis interesante que cada quen saque as súas propias conclusións, pois para iso era o artigo: para facernos reflexionar. Despois que cada un opine libremente como debe ser e se alguén quere atoparse cara a cara co misterio desta “clave laténica” tan só ten que achegarse ao fermoso e esgrevio concello de Oia e alí, fronte ao duro e salvaxe Océano Atlántico adentarse na penumbra do vello mosteiro de Santa María e mirar cara ao ceo. Entre os nervios da bóveda da nave lateral da dereita, sobresaindo dos perpiaños perfectamente labrados polos nobres canteiros e como se dun gardian durminte se tratase, vixía o ollo cósmico das espirais e pedra, a clave onfálica que sostén os mosteiro e, quen sabe, se tamén o mundo.

DSC_3663

 

 

 

OS MEDIOS FANSE ECO DA PUBLICACIÓN DO DOCUMENTAL “MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA”

faro de vigo

Entrevista no Faro de Vigo

Diario de pontevedra

Diario de Pontevedra

Aproveito a ocasión para volver destacar o grande traballo de realización do compañeiro João Bieites, responsable da gravación, montaxe e edición deste audiovisual.

PRESENTACIÓN DO LIBRO “ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA” NA FEIRA DO LIBRO DE OURENSE

Este venres ás 21h estaremos presentando na Feira do Libro de Ourense o meu libro “Análise estrutural e simbólica do mito da Moura”, a obra premiada con XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Un luxo estar acompañado no acto polo compañeiro da SAGA Miguel Losada e por Antonio Blanco e José Mª Eguileta.  Será un pracer atopármonos alí.

Cartel_OURENSE_28x48_

PROGRAMACIÓN DE ACTOS DO DÍA:

Día 5.  Domingo.

  • 12.25.  Sorteo Coas túas compras gañas libros. Colaboración con o CCA Ourense Centro.

  • 12.30. Cata poética.  Presentación e lectura do libro Lindos abrollos, do escritor Carlos Abeledo, publicado por Edicións Embora, con cata vertical de viños da Adega Pousadoiro.

  • 18.00.  Contacontos e presentación do libro Ñumen de Feliciano dos Santos por Editorial Vampiro de Libros.

  • 19.00. Cancodrilo pasea pola feira. Os mais pequenos poden coñecer ao seu personaxe.

  • 19.00. Presentación dos libros Mi vida sin ti,  de Joaquín González Acuña,  Diario de un invierno de JoséLuis Salamanca e A tinta viva, de Ana Alonso Ferrer, por Editorial Vampirodelibros.

  • 20.00. Ramón Caride Ogando presenta Liquidación de existencias, por Edicións Xerais de Galicia.

  • 21.00.  Preséntase o XX Premio Vicente Risco de CCSS, Análise estructural e simbólica do mito da moura de Rafael Quintiá. Participan Miguel Losada, Antonio Blanco e José Mª Eguileta.

    ACTUALIZACIÓN DO POST: Fotos do acto. 

13315299_1359895687357592_2692094494736673271_n

 

“ARQUEOLOXÍA, CASTROS E COMUNIDADES RURAIS”. Curso de verán da USC

Este ano teño o pracer de participar neste curso de verán organizado pola Universidade de Santiago de Compostela  onde daremos a  conferencia “Salcedo no tempo e a intervención no castro de As Croas”.  Se estades interesados en asistir aquí tendes toda a información.

image

Programa_curso Muras_002Programa_curso Muras_001