“FEITO NA CASA”. O TRABALLO DISCOGRÁFICO DOS CHICHISOS

Coido que despois de 21 anos, e daquela maqueta do ano 2005, xa era hora de sacar un disco. Así que velaí o noso traballo “Feito na casa“. Un traballo feito como se fan as cousas nesta terra, entre nós e na casa que así, como o viño, non fai dano. É para min un honor ver neste disco tres temas da miña autoría: María imos pra Mesía, Alicornio e Pasodoble pra Saínza. Así que o meu agradecemento aos compañeiros dos Chichisos por telos incorporado ao seu repertorio e a esta gravación. Se vos gusta a música galega, alegre, para bailar e divertirse, sen maiores pretensións que gozar un anaco coa nosa música pois igual vos gusta este traballiño.

capa feito na casa

Os Chichisos publican o seu traballo “Feito na casa”

Coincidindo con maio, mes da vida renovada, e coa festividade de santa Rira, patroa das causas imposibles, Os Chichisos publican o seu traballo discográfico “Feito na casa”. Toda unha declaración de intencións de que incluso en tempos escuros para a nosa cultura é posible facer cousas se cremos na nosa capacidade creadora e na vontade de ser donos do noso propio traballo e futuro.

O disco que agora ve a luz foi ideado e creado baixo as premisas da autoxestión integral do proxecto. Por iso a obra foi concibida como un auténtico traballo de artesanía dende o principio ao fin. Un traballo discográfico que recolle dez temas, nove dos cales son composicións propias.

O disco é froito de dous anos de traballo e ilusión, onde as limitacións técnicas suplíronse con cariño, dedicación e a vontade de ofrecer unha obra persoal e artesanal, que conserva a frescura da música ao vivo, das cousas feitas con agarimo na casa e a filosofía contestataria do feito por un mesmo. Un traballo discográfico onde, ademais do labor de composición, os propios músicos dos Chichisos arranxaron, gravaron, editaron, mesturaron e produciron todos os temas que integran o disco. Por último, o deseño e a maquetación da carátula do cd tamén correu a cargo dos membros da banda. De aí o ilustrativo e reivindicativo título da obra: “Feito na casa”.

Con este traballo sonoro Os Chichisos conmemoran os seus 21 anos de existencia, dende que aquel xa afastado 24 de abril do 1994 fixeran a súa primeira actuación oficial como grupo. É pois o noso humilde e sentido homenaxe a todos os que compartiron con nós estas dúas décadas de alegría, vivencias, aprendizaxe e amor pola música galega.

Que cante o merlo!

 contracapa feito na casa

interior

AS XOIAS E A SÚA LINGUAXE OCULTA

Artigo publicado na revista Alento nº7.

AS XOIAS E A SÚA LINGUAXE OCULTA

Rafael Quintía 

Coa chegada do movemento artístico do Barroco a ourivería galega viviu un importante pulo. O poder económico da Igrexa facía que as catedrais, os conventos e os templos fosen os principais clientes dos ourives, aos que lles demandaban cruces, sagrarios, relicarios e outras fantásticas xoias de ouro e prata que hoxe enchen os museos catedralicios do país. Paralelo a esta xoiería máis vinculada ao ámbito sacro os ourives galegos desenvolveron ao longo dos séculos XVIII, XIX e principios do XX un importante labor de confección de pezas que adobiaron durante décadas os corpos e as roupas das mulleres galegas. Unhas xoias que eran, ás veces, de servidume, isto é, elementos de grande beleza pero realizados cun fin práctico e funcional para a vestimenta, como por exemplo, as fibelas ou os broches.26 O sapo de Conchi

Sapo. Obra de Susi Gesto

Ademais destas xoias tamén tiñamos xoias exentas de servidume, é dicir, realizadas exclusivamente con fins decorativos, suntuarios ou, incluso, con fins protectores. É precisamente nestas xoias onde, dende unha perspectiva antropolóxica, podemos atopar a maior riqueza simbólica e polisémica destas alfaias. Unha linguaxe simbólica que xiraba fundamentalmente sobre dous aspectos: a forma e o material do que se facían.

Na ourivería tradicional galega destacan polos seu significado simbólico cinco materiais de entre todos os utilizados, cítense: ouro, prata, acibeche, nácara e coral. O ouro e a prata como material construtivo básico e soporte. O coral, a nácara ou o acibeche como complementos decorativos, aínda que tamén hai xoias feitas enteiramente de acibeche.

arracadas

Arracadas

O ouro representou para moitos pobos da Terra un material divino. Os gregos, as culturas mesoamericanas ou os galaicos fixeron uso e ostentación deste mineral como un auténtico obxecto de poder, poder social e poder simbólico, quizais divino. É ben coñecido tamén —pois así o sufrimos no pasado— a predilección dos romanos polo ouro da vella Gallaecia. A prata é un elemento, que pola súa cor e tacto frío, relaciónase coa lúa, coa auga e, en consecuencia, co feminino e coa muller. O acibeche, xunto co seixo, son as pedras máis poderosas da nosa cultura tradicional. Foi denominado polos clásicos succinum nigrum e lapis gagotes polos romanos. Empregouse dende antigo para realizar colares, colgantes, sortellas, pendentes e poderosos amuletos como a figa. Atribúeselle ademais un carácter terapéutico, protector, máxico e considérase como un material defensivo que protexe contra as malas enerxías e a mala ollada. O coral, sobre todo o coral vermello, foi considerado dende antigo un poderosos elemento protector da infancia, de ai que apareza utilizado en moitas xoias para nenos, en broches, axóuxeres, colgantes e outros obxectos para adobiar e protexer os berces contra o maligno, os malos espíritos, a enfermidade, o mal de ollo e as calamidades en xeral. Xa os romanos consideraban o coral como un material protector contra as catástrofes, os raios, as tormentas e incluso contra os naufraxios. En canto á nácara e a perla, tamén foron materiais considerados dende antigo como poderosos e máxicos. Para os cristiáns as perlas eran as bágoas que brotaban dos anxos ante os pecados humanos. Na Idade Media as nácaras foron usadas polos cabaleiros como un poderoso amuleto no combate. Para os musulmáns, así vén no Corán, as perlas medran nas pólas das árbores do Paraíso. Pero estas virtudes veñen de moito antes, xa os exipcios atribuíanlle calidades sobrenaturais e enterrábanse con elas. Asemade, consideraban que inxerir po de perlas disolto en vinagre tiña propiedades nutritivas. Os gregos relaciónana co amor e o matrimonio. Hoxe aínda é habitual regalarlle colares de perlas ás amadas.

axóuxere de prata e coral

Axóuxere de prata e coral

Ademais dos materiais empregados, as xoias galegas conteñen debuxos e filigranas que arremedan figuras que, como todo na cultura, nunca son casuais. Son representacións, a meirande parte delas, que teñen unha alta carga simbólica. Ás veces protectoras, como os círculos, as cruces, os ollos, os trevos —símbolo da Trindade—, as mans —lémbrense as nosas figas de prata ou acibeche—, as rosáceas —xa presentes na iconografía románica e moito antes na castrexa—, as follas de carballo —árbore sagrada dende antigo e vinculada na tradición galega a ritos curativos e esconxuradores— ou as follas de loureiro, quizais un dos vexetais cun valor protector e purificador máis marcado, valores incluso adoptados polo cristianismo. Temos tamén símbolos astrais como as estrelas e as espirais. Non faltan as figuras estreitamente relacionadas cos valores tradicionalmente atribuídos á muller, a principal portadora das xoias. Temos así representadas na nosa ourivería medias lúas, lúas crecente —moi habitual na ourivería minhota e vinculadas á fertilidade—; triángulos —símbolo ademais da Divina Trindade, da perfección e do equilibrio e se están invertidos son símbolo da muller e da auga—; brincos con cabazas —moi habituais na Maragatería e símbolo vinculado á fertilidade—; temos brincos de maza cuxa forma fálica —ao igual que acontece con moitos dos petadores de porta tradicionais— é un elemento protector e, asemade, evocador da fertilidade; temos deseños de margaridas, asociadas á pureza, a beleza, a sinxeleza e á inocencia da xuventude, cantas mozas decoraban o seu cabelo con flores de margarida? Atopamos nas nosas xoias ademais pombas, vinculadas co Espírito Santo e coa alma; brincos de bolboreta, símbolo da transformación e tamén da alma; follas de acanto, símbolo da inmortalidade na antigüidade clásica, motivo reiteradamente esculpido en monumentos romanos e a planta máis representada no arte románico; cunchas de vieira, símbolo xacobeo e obxecto protector conectado tamén coas augas e coa muller. Non por nada á deusa Venus se lle representa saíndo do mar montada nunha cuncha de vieira.

colares de azibeche

Colares de azibeche

Todos estes deseños e moitos máis podémolos atopar nos nosos sapos, peitorais, brincos, arracadas, colgantes, broches, medallas, relicarios, rosarios ou incluso nas insignias de confraría. Como vemos, todo un repertorio de símbolos que a través dunha linguaxe encriptada na nosa cultura fan das xoias o que sempre dicimos, algo máis ca un mero elemento ornamental. Xoias todas elas confeccionadas cos materiais dos que falamos antes e que, como non, tampouco están exentos de significado. Vemos pois que as xoias, como tantas outras cousas da nosa cultura que nos pasan desapercibidas, fálannos dende o pasado cunha linguaxe que nos reflicte que as cousas sempre son algo máis do que a simple aparencia nos amosa. Velaí, unha vez máis, a maxia da cultura e o poder do símbolo.

rafael-quintia alento 7_Página_1

rafael-quintia alento 7_Página_2

REVISTA ALENTO Nº7

http://issuu.com/coxga/docs/maquetaalento7c?e=0/12772390

//e.issuu.com/embed.html#0/12772390

//e.issuu.com/embed.html#0/12772390

III SAÍDA POLA PARROQUIA DE SALCEDO

cartel 2015 1

triptico REFORMADO OPTIMIZADO

FALANDO DA FESTA DOS MAIOS NO FARO DE VIGO

Entrevista sobre a Festa dos Maios publicada este sábado 2 de maio no Faro de Vigo con gallo do meu pregón de “Benvida ao Maio” de Pontevedra.

entrevista maios 2015

PREGÓN DE “BENVIDA AO MAIO” DE PONTEVEDRA

20150420050419_slide-maios_v211144980_10205518077729039_636818123922008926_o

Este primeiro de maio tiven o honor de ter sido convidado polo Concello de Pontevedra para dar o pregón de “Benvida ao Maio” que abre o concurso anual de maios e que se celebra, dende hai lustros, na vila de Pontevedra.

IMG-20150430-WA0000

Para os que me pedíchedes o texto da “Benvida ao maio” aquí volo deixo. Graciñas a todos polas mostras de afecto recibidas.

PREGON

Benvida ao Maio

Benvidas pontevedresas, benvidos pontevedreses, veciños das parroquias que ennobrecen esta vila. Benvidos todos os que hoxe estamos aquí reunidos, nesta nobre ágora que é a Praza da Ferrería, neste torreiro de pedra para dar a benvida ao Maio e acoller o seu alento de vida no seo da Boa Vila.

Aquí vén o maio

florido e galán,

tódalas rapazas

amores lle dan.

E aínda que non sexa eu a moura fermosa de loiros cabelos, a costureiriña bonita de alferga de ouro, nin a labrega belida vestida de flores e hedras, caeu en min este ano o honor de anunciar a chegada do Maio, e a boa fe que o fago con orgullo e emoción.  Así que alá imos.

Érguete maio

Moito durmiches

Que pasou o cuco

E tin non o viches.

Pode alguén ter maior honra que dar a benvida á vida? Pode alguén anunciar feito máis celebrado que o esplendor da natureza, que o espertar da Nai Terra no seu anual rito rexenerador?

Invoquemos, pois, as forzas da natureza para esconxurar todo mal e toda ameaza. Loubemos as  virtudes da Terra que todo dá para abrirlle os brazos ao Maio, para acollelo na alma do pobo labrego, do pobo que cuspe Terra na fala incluso cando fala con lingua allea.

Na roda do tempo

Hoxe volve o maio

Como volve o cuco

Ao cabo dun ano.

Houbo un tempo en que toda Galiza se enchía de Maios, de Maias, de Ramos de Maio, de Árbores de maio, de Coroas e Cruces de Maio… de Maios humanos que percorrendo as parroquias anunciaban con ledicia a chegada da Nai que calquera fillo da terra agarda. Un tempo ancorado xa na miña infancia no que eu mesmo percorrín os rueiros de Salcedo levando o Maio de casa en casa.

Aí vén o maio

Cargado de flores.

Aí vén o maio

Sementando amores.

 Houbo un tempo e un país que cada ano se vestía de fiúncho, de carrasco, de margaritas e papillóns, de rosas e calas, de laranxas e ovos.

Este mes de Maio

É o mes das flores.

Cando os paxariños

Ven os seus amores.

Pois co Maio a primavera acada o seu máximo esplendor, e Pontevedra renace adobiada de Maios e Coroas. Engalanada de verde e ouro, esperta a Boa Vila do seu letargo invernal e co son dos paus, coas voces dos nenos, cos cantos das mozas pousa os seus ollos antergos nas lombas verdescentes da Fracha, nos cumios renacidos de San Martiño, de Santa María, de Santo André de Xeve.

Unha Pontevedra que soubo gardar, ao longo dos anos, o tesouro florido da nosa cultura tradicional mentres noutros lugares dilapidábamos a riqueza herdada de xeración en xeración.

Pontevedra boa vila

Daslle o Maio a quen pasa.

Remato xa e quero facelo lembrando as verbas do noso ilustre poeta Manuel Curros Enríquez cando, naquel poemario “Aires da miña terra” dicía:

Eu sonvos o probe

Do pobo gallego,

Para min nin hai Maio,

Para min sempre é inverno.

Dende aquí, co poder da auga da vella fonte da Ferrería, coa forza do mar de Lourizán, coa frescura do río de Tomeza, co arrecendo da carrasquiña do monte das Croas, co orgullo da Penalonga de Marcón, coa virtude do aceite de San Benitiño de Lérez e das candeas de San Brais, invoco de novo o espírito da Terra e do Maio para romper esa negra fada do pobo galego, para que dende hoxe sempre sexa Maio para Galiza, Maio de vida, Maio de esperanza, Maio para todos nós.

Eiquí está o maio

Co seu poderío.

Líbranos do trono

E do señorío.

 

Eiquí esta o maio

Para nos liberar

Do que é abusón

Ou quere abusar.

Non hai Maio sen ledicia, sen cantos, sen sátira ou sen risas. Así que nestes tempos incertos, de crise,  roubos e saqueos. Nestes tempos de volta á barbarie onde os imbéciles e escuros abrollan como o negro chapapote, chámote Maio canda nós, imploro o teu poder e a forza anovada que traes para librarnos de tanto mal e dos ratos que nos comen o millo da paneira.

Eu son o Maio

Do pobo galego

Sen bruxas nin trasgos

Nin caciques nin cregos.

E ata aquí chegou a benvida. Nin eu teño máis que contarlles nin eu podo máis contare. Tan só me queda unha cousa que dicirlles:

E víchelo Maio

E víchelo ben

E víchelo Maio

Ata o ano que vén.

Moitas grazas e que Vivan os Maios de Pontevedra!!

Rafa Quintía Pereira

1 de maio de 2015

pregon 2

jpg

Recibindo un fermoso agasallo de mans da concelleira de Festas Carme Dasilva (Foto: La Voz de Galicia)

DSCF4514

11144980_10205518077769040_8593232587510511281_o

Fotografías cortesía de Toño Vázquez, Miguel Àngelo Bieites e Carlos Fraguas.

ENTREVISTA NO FARO DE VIGO

Publicada hoxe día 07 de abril na edición de Pontevedra.

IMG-20150407-WA0000

EXPOSICIÓN “DO GRIS AO VIOLETA. ACHEGAS Á HISTORIA DAS MULLERES DE PONTEVEDRA”

11043314_10204057659101726_8357375081317863110_o

A magnífica exposición “Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra” é un deses eventos nos que participar fan a un sentirse orgulloso e con certo sentimento de pagar parte dunha débeda pendente. A iniciativa forma parte do proxecto A memoria das mulleres e coido que é un dos grandes acertos da Concellería de Patrimonio Histórico do concello de Pontevedra.

1

2

A través dunha ampla mostra fotográfica localizada na céntrica praza da Ferrería de Pontevedra faise un percorrido polas historia das mulleres que forxaron esta terra que máis que patria é sempre matria. Dend as mulleres anónimas e máis humilde ata as más coñecidas e reputadas. Todas igualmente dignas e importantes. De aí a necesidade de rescatar do esquecemento e do anonimato esa parte fundamental da nosa historia,  sempre oculta e ninguneada pero sempre presente entre as brumas dunha sociedade eminentemente machista.

10906065_673814489413370_4944092414681013535_n

A exposición esta dividida en 6 bloques temáticos:

  1. Pioneiras, heterodoxas e rebeldes

  2. As idades da vida

  3. Ciencia e conciencia

  4. Traballadoras

  5. Represaliadas e resistentes

  6. Liña do tempoDSC_0052 (2) - copia

Parte dos colaboradores na exposición. Foto da web Tesouros do Tempo

escanear0014

escanear0016

escanear0018

escanear0019

escanear0017

escanear0015

5

Para min foi un honor, repito, poder colaborar nesta exposición achegando fotos do meu arquivo persoal e texto, en concreto un merecido recordo á miña tataravoa Tana, muller humilde pero libre, forte e digna. Velaiquí esa sentida homenaxe a ela:

Cándida Agulla Garrido, coñecida como Tana. Natural de Salcedo, nacida en 1870 e finada en 1963. Nai solteira de dous fillos —Felisa e Benito— que criou en solitario tras emigrar o seu mozo a Arxentina. Muller orgullosa, non quixo saber máis dos homes, preferiu valerse polos seus propios medios e rexeitou sempre calquera axuda económica que lle quixo mandar o pai dos seus fillos. Compaxinou o seu oficio de costureira a domicilio co traballo do campo, o coidado dos animais, dos fillos e da casa. Coa súa máquina de maleta coseu para algunhas das familias máis importantes de Pontevedra. Co estalido da Guerra Civil os fascistas quixérona represaliar, posiblemente por ser un perigoso exemplo como nai solteira, e muller contestataria e autosuficiente, pero salvouse de ser rapada grazas a intervención dunha influinte clienta. Sempre fixo gala dun forte carácter, dunha saúde de ferro e dunha dignidade inquebrantable.

 11070255_691081731000382_159663711393259903_n

Cándida Agulla Garrido coa súa bisneta Mª Olivia Pereira Rey

 A foto que acompaña ao texto é unha desas fotos cuxo impacto visual é tan brutal que poderías facer toda unha tese doutoral ao redor do que conta. Dous mundos distintos  un a carón do outro, o pasado e o futuro esperanzador, a muller vella, costureira, de negro como a dura vida que lle tocou vivir a carón da bisneta, vestida de branco e luz, futura avogada. A potencia do xesto, amosando orgullosa a chave da vida, a chave do santo sagrario do pan, a vella chave de ferro -auténtico amuleto e obxecto de poder na nosa cultura- que pecha a porta do hórreo, da paneira como dicimos nós, do santa santorum do que durante séculos foi o maná matafames dun pobo.

A foto, que conservamos na familia, sempre me lembrou a aquelas vellas mulleres palestinas que garadaban e conservaban orgullosas as chaves das súas antigas casas xa derruídas polos asentamentos xudeos nos territorios ocupados de Gaza. Unhas chaves que simbolizaban a esperanza de algún día regresar á súa terra. Igual que esa chave da paneira representaba a esperanza dunha vida mellor para fillos, netos e bisnetos. Esa é a maxia desta imaxe que tanto conta sen dicir nada.

3

Máis información sobre a exposición nas webs:

 http://tesourosdotempo.pontevedra.eu/actividade/exposicion-do-gris-ao-violeta-/

http://pontevedraviva.com/cultura/18536/gris-violeta-exposicion-mulleres-pontevedra-fotos/#/0

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2015/03/05/ignoradas-vez-primer-plano/1196039.html

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 79 segidores

%d bloggers like this: