PUBLÍCASE “DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica”

Hoxe edítase o meu libro Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica (Ed. Serpe Bichoca).

Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo é un modesto intento de interpretar e dotar dunha coherencia e cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura este monte, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña, isto é, a cultura céltica do Atlántico europeo. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra do Monte do Seixo.

O libro é froito dos catro anos de investigación que, ó abeiro do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, fun levando a cabo no Monte do Seixo. Con esta obra complétase a triloxía adicada a esta importante e descoñecida montaña sagrada da nosa xeografía galega (véxanse as obras: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, do compañeiro Calros Solla) e dáse por finalizado o traballo que o G.E.E. Serpe Bichoca realizou no proxecto de investigación e divulgación da Montaña Máxica. Novas aventuras nos agardan coa entrada do novo ano.

Se algún de vós está interesado en adquirilo pódese pór en contacto comigo a través deste blog ou no email: serpebichoca@yahoo.es . Lembrade que, como ocorre con tódolos traballos da Serpe Bichoca, os ingresos da súa venda irán destinados a novos proxectos de investigación.

Quero aproveita-la ocasión para dárlle-las grazas ós meus compañeiros Calros Solla, por descubrirme a máxica mitoloxía desta montaña e prologa-lo libro, e a João Bieites, polo seu apoio incondicional e o seu traballo de maquetación.

So me queda agardar que gustedes da súa lectura, dárvolas grazas polo apoio e desexarvos a todos un Bo Nadal!

Posted on 22 Decembro 2010, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 02. ARQUEOLOXÍA E HISTORIA, 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS, 09. NOVAS. Bookmark the permalink. 1 comentario.

Deixar un comentario