A SANTA MARIÑA E AS CABEZAS DECAPITADAS DO MUNDO CELTA

A lenda orixinal da Santa Mariña é de procedencia oriental e a súa paixón foi escrita en grego alá polo século VI. Cando se traduce a versión grega ó latín, a Santa Mariña pasa a ser Santa Margarida, sen que estean moi claras as razóns deste cambio. A primeira noticia escrita que se ten na Península Ibérica sobre a Santa Mariña data do século IX e fala das súas reliquias. Aparece en Occidente por primeira vez no Martiroloxio de Rabano Mauro, realizado entre os anos 840 e 856, versión na que atopamos a historia da Santa Mariña desdobrada xa na de Santa Margarida. Á súa vez, os haxiógrafos hispanos transformaron a Santa Margarita de Antioquía nunha santa local producíndose un desdobramento da santa e mártir de Antioquía, e así o martirolóxico romano marca o 18 de xullo como día da santa galega Mariña:

Gallaeciae in Hispania sanctae
Marinae virgis et martyris.

Dende o punto de vista haxiográfico, parece aceptado que a lenda galega da Santa Mariña é unha transposición da historia da santa de Antioquía instalada e adaptada á xeografía e sociedade galaica para que así cobrase maior credibilidade a narración. Pero a eleccións dos lugares de advocación a Mariña fálanos da transformación de antigos locus de culto pagán á nova relixión cristiá, e os elementos simbólicos que entran en xogo na lenda galega indícannos a intención de substituír crenzas anteriores de raizame céltico. Este proceso posiblemente se deu no século VI, que é cando se estende o culto de Santa Mariña en España. Ó noso entender, foi nesta adaptación galega da vida e martirio da santa de Antioquía onde se introducen os elementos indíxenas de carácter céltico que podemos atopar na lenda da Santa Mariña de Augas Santas e nas súas variacións e adaptacións locais segundo os diferentes lugares de Galicia onde se lle rende culto. É posible que o ánimo deste proceder fose cristianiza-lo culto e a pegada dalgunha pagá deidade galaica, de igual xeito que se faría en Irlanda coa adaptación de Santa Bríxida para neutraliza-la presenza da deusa Brigit.

Contan que a fermosa Mariña, filla dun nobre pagán, foi criada na fe cristiá pola súa aia. Parece ser que o prefecto romano Olibrio, que gobernada por aquel tempo estas terras, tentou seducila, aínda que sen éxito. Indignado polo seu rexeitamento, e sabedor da fe que profesaba a rapaza, apresouna coa intención de que se dobregase ós seus desexos, máis isto non produciu o efecto desexado polo que o pérfido Olibrio someteuna a diferentes tormentos, e así tentou queimala viva e mesmo afogala. O prefecto Olibrio, ó non poder creba-la vontade da santa e non poder acada-los seus desexos polos métodos anteriores, decidiu acabar coa vida de Mariña decapitándoa. A cabeza deu tres botes no chan e alí onde os seus beizos bicaron a terra abrollou unha fonte.

Ata aquí a lenda. Pero a historia da nosa Santa Mariña presenta certas características significativas que nos permiten conectala co mundo celta e mesmo, como xa dixemos, comparala con algunha outra santa de Irlanda, como pode ser Santa Bríxida, cristianización da vella deidade celta Brigit. Pero iso será motivo doutro artigo. Hoxe falaremos tan só da súa cabeza…decapitada.

As cabeza cortadas tiñan un gran simbolismo dentro do universo céltico. No mundo simbólico celta a cabeza é a residencia da vida e da alma. Era práctica habitual na guerra secciona-las cabezas dos inimigos e isto por varios motivos:

—Coa posesión da cabeza obtíñase parte da forza do inimigo caído.
—A decapitación tamén supuña un xeito de vinganza pois atentaba contra a idea da integridade humana, fundamental na orde de crenzas espirituais dos celtas.
—A posesión das cabezas dos inimigos supuña un elemento de prestixio e de lembranza das fazañas do guerreiro, feito fundamental neste tipo de sociedades.
—Por último, a cabeza tamén constituía un elemento protector, unha especie de amuleto fronte ó mal.

Na lenda irlandesa da Batalla de mag Tured (Cath Maighe Tuireadch) cóntasenos que Diancecht, o deus médico dos Tuatha De Danna, aseguraba poder curar das súas feridas, e mesmo da morte, a todo aquel guerreiro que non fose decapitado. Algo similar atopamos na historia da Santa Mariña, quen resistiu milagrosamente —ou resucitou, segundo como se mire— os mortais martirios e execucións á que foi sometida por parte do malvado prefecto román Olibrio, ou resucitou, segundo se mire. Foi queimada viva e non morreu, sandando das súas feridas, foi afogada e tampouco faleceu. Tan só conseguiron que perdese a vida sen posibilidade de resurrección cando foi decapitada.

Estas cabezas decapitadas tiñan un significado máxico na tradición celta. Podían incluso te-la capacidade de seguir con vida e falar unha vez morto o seu dono ou mesmo de facer profecías. Na lenda da Santa Mariña de Augas Santas (Ourense), a súa cabeza decapitada botou tres veces no chan e abrollou unha fonte en cada un dos tres lugares onde a cabeza da santa tocou a terra. Pero, segundo narra a lenda, esta cabeza decapitada berrou por tres veces, tantas como botes deu, dicindo: “creo, creo, creo!” Polo tanto a cabeza da mártir seguiu falando unha vez decapitada o que tamén é un trazo común na mitoloxía céltica. No Mabinogion, obra máis importante da literatura galesa, Bran “O bieito” é decapitado o que lles trae sorte ós seus compañeiros. A lenda irlandesa de Lomma conta como lle cortaron a cabeza e como esta cabeza, a pesar de ser cravada nunha estaca, seguiu falando. A cabeza do heroe norirlandés Conall Cernach foi utilizada como cunca para beber leite polas súas propiedades para reanima-los homes febles do Ulster. Atopamos outro exemplo destas capacidades imputadas ás cabezas cortadas na culura celta cando MacCecht decapita a Conaire e a cabeza decapitada de Conaire recita un poema antes de morrer definitivamente.

Existe, así mesmo, unha relación entre as cabezas decapitadas e os mananciais, pois estas adquirían aínda máis poderes se se colocaban nunha fonte sagrada. Unha lenda irlandesa fálanos dun violento combate entre dous grupos de guerreiros no que só houbo un supervivinte, Riach. Finalizado o combate, Riach arrancou as cabezas dos mortos e levounas a unha fonte. Inmediatamente despois a fontela que alimentaba esa fonte comezou a desenvolver poderes diabólicos e traía a mala sorte a todo aquel que se achegaba ó lugar. Riach construíu unha especie de alpendre para protexer e cubri-la fonte coa idea de rete-lo mal dentro pero foi inútil. A forza e a maldade da auga que contiña dentro acabou facendo rebentar violentamente a fonte e as augas asolagando o territorio e mataron a Riach e a toda a xente que vivía nesas terras.

O interesante desta lenda é que relaciona o poder das cabezas decapitadas co valor simbólico das fontes na cultura atlántica ou coa forza da auga como elemento de castigo. Esta é a mesma relación que se establece na lenda galega da Santa Mariña. No caso de Santa Mariña de Augas Santas, a súa cabeza decapitada fai abrollar tres fontes con poderes sandadores, algo moi propio dentro da tradición celta. No caso que nos de Santa Mariña do Seixo a súa cabeza decapitada dá lugar ó nacemento de tres pozas que acabarán formando as lagoas de Xestido que, como castigo, asolagaron a cidade de Tentrinán matando a tódolos seus pecaminosos moradores, incluído o pagán Olibrio, quen provocou o castigo divino coa decapitación da santa. As similitudes de ámbalas lendas, celta e galega, son bastante clarificadoras para explica-lo poder e o valor simbólico e ritual que os pobos celtas lles atribuían ás cabezas decapitadas.

Pero hai outro aspecto moi importante dentro desta lenda, e que nos volve conectar directamente co mundo céltico, é o tema simbólico da triple morte celta ou as tres formas de execución. Sacrificio indoeuropeo común a celtas e xermanos no que algúns estudosos ven reflectida a trifuncionalidade defendida polo antropólogo francés G. Dumézil. A historiadora Sira García relaciónao coa concepción triple da divindade, así a Teutates sacrifícanselle vítimas afogándoas nun caldeiro, a Esus mediante despezamento ou aforcamento e a Taranis mediante o lume, queimándoas. Non en van, o tres era o número mítico para os pobos indoeuropeos. Casualmente, ou non, estes son os tres martirios que sufriu Santa Mariña en mans do pagán Olibrio: afogouna, queimouna e decapitouna. No relato Silva Gadelica do século XI lémbrase a historia da morte do rei Diarmaid, quen no século VI foi sacrificado ritualmente no transcurso dunha festa. A súa morte produciuse ó ser ferido con arma, queimado con lume e afogado. Triple xeito de execución que tamén se aprecia na autopsia dalgunhas das vítimas de sacrificios que se atopan momificadas nas turbeiras de varios países do arco atlántico, como Irlanda, Gales ou Dinamarca. Tal sería o caso do Home de Lindow, atopado nun pantano ó noroeste de Gales, na rexión de Cheshire, que mostra indicios de ter sido degolado, asfixiado cunha corda e afogado. No seu estómago atopouse a presenza de pole de visgo e pan torrado o que se considera indicio dunha comida ritual previa ó sacrificio polo ben da comunidade.

Vemos pois, que na lenda galega de Santa Mariña consérvanse trazos simbólicos que poderíamos identificar claramente co universo da cultura do Atlántico celta. Mais, como os materiais “inmateriais” cos que traballamos son sempre susceptibles de interpretación e especulación, agora queda para cada quen saca-las súa propias conclusións.

Advertisements

Unha resposta

  1. el lugar es una preciosidad

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: