O BAILE AGARRADO

No noso folclore galego existen unha serie de bailes que, a diferenza dos máis tradicionais como a xota ou a muiñeira, execútanse en parella e agarrados. Exemplos destes bailes, que denominamos bailes agarrados ou agarradiños, serían o Charrasquiño, o Esparaván, a Mazurca, a Muiñeira corrida, o Pasodobre, o Chiqui-chiqui, a Polca, a Rumba ou o Valse. Este tipo de ritmos son de orixe estranxeira e popularizáronse en Galicia a partir do século XIX. Uns eran de orixe europea, como o pasodobre, a polca, o valse ou a mazurca; outros de influenza americana, como a rumba, pero todos eles foron pronto asimilados e adaptados ó xeito do país ata tal punto que acabaron desprazando nas festas e romarías ós nosos bailes soltos, máis tradicionais. Bailes como o Esparaván ou o Charrasquiño, a muiñeira corrida ou o careado son adaptacións populares destes ritmos foráneos.

Os bailes agarrados requiren contacto físico na súa execución, polo que a súa introducción no noso folclore e posterior popularización supuxo un certo escándalo, sobre todo entre as autoridades eclesiásticas que vían neste tipo de bailes un atentado á moralidade e unha oportunidade para a lascivia e o pecado da carne. Nicolás Tenorio recolleu como a principios do século XX o clero negábase a confesa-los fregueses que bailaban o valse ou a polca, é dicir, os bailes agarradiños. Así o recolleu a copla popular:

Ai Carmiña, Carmela
non bailes o agarrado
que dixo o señor cura
que era moito pecado

Debido a estas dificultades que a moral imperante puña para poder bailar agarrados, a imaxinación e creatividade popular fixo que se inventasen unha serie de xogos e trucos que facilitasen ese ansiado contacto físico. Así, entre baile, xogo, achegamentos e chiscar de ollos a mocidade ía satisfacendo como podía o impulso natural e capeando as prohibicións enfermizas dun clero obsesionado coa idea do goce terreal.

Hoxe, paradoxos dos nosos tempos, tras anos intentando arrechegarmonos uns ós outros cando se ía ó baile, a xuventude volve ó baile solto. Os ritmos actuais non gustan do baile agarrado e, salvo neses momentos íntimos en que o pinchadisos —agora chamado DJ— puña unhas pezas lentas para que os mozos se xuntasen un pouquiño, é case imposible bailar pegado, por moito que Sergio Dalma cante sobre ás súa innegables bondades. Os tempos cambiaron moito e hoxe, grazas a Deus, xa non é necesario esperar as lentas para poder sentir un corpo morniño ó teu carón.

(Imaxe: “O agharradiño”, cadro do pintor Francisco Sutil)

Posted on 4 Xullo 2010, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario