O MONTE CASTELO E A ERMIDA DA NOSA SEÑORA DA ASUNCIÓN

Hai uns días andaba eu por terras de Salvaterra do Miño cando me fixei nun cartaz que anunciaba unha festa no Monte Castelo en honor á Virxe da Asunción. Unha fotografía ilustraba o cartaz e nela víase unha espectacular ermida encravada entre uns rochedos. Fiquei engaiolado con aquela imaxe así que tan pronto tiven un oco libre alí me fun. Preguntei a xente da comarca polo Monte Castelo e tras varias indicacións din coa parroquia e co buscado monte onde se atopa a curiosa ermida. A Ermida da Nosa Señora da Asunción localízase no lugar do Outeirño, na parroquia de Santa Mariña de Pesqueira, comarca do Condado e concello de Salvaterra do Miño (Pontevedra).

Ó chegar ó alto do monte, cuxa xeografía está inzada de peculiares penedos froito da erosión, deixei o coche no campo da festa e encarreirei os meus pasos cara a curuto do outeiro, onde se ergue a ermida.

Conforma o cimo do Monte Castelo un rochedo no que destaca un enorme bolo granítico cun abrigo natural que sería aproveitado para construí-la ermida.

O lugar é fascinante, non só polas fermosas vistas sobre o fértil val do Condado e as montañas circundantes, senón polo telúrico do emprazamento do templo cristián. Polo máxico da súa construción cavernícola, pola sinxeleza da súa factura, pois case todo o dispuxo a natureza. O templo lembra a un vello eremitonio rupestre deses primeiros cristiáns que buscaban a paz na montaña e o acubillo entre as súas pedras e covas.

Pódese acceder ó alto deste penouco grazas a unha rudimentaria escada de ferro cravada na propia pedra. Xa no alto do penedo, a acción dos elementos fixo que na terra alá enriba depositada medrara unha alta camposa e algún que outro arbusto e pequena árbore.

O cimo está rematado cun bloque de formigón de punto xeodésico adobiado cunha bandeira galega e outra española, imaxino que postas alí temporalmente con motivo da festa. A carón desta entroidada atopei, cuberto pola herba, o que me pareceu un antigo chantón ou marco deitado.

A ermida presenta un pórtico de pedra cun arco apuntado de medio punto sobre o que descansa un sinxelo campanario. O interior do templo está formado pola cova natural que forma a parte volante do grande penedo. ali, tras un muriño de pedra e unas columnas atopamo-lo sinxelo altar e unha figura da virxe da Asunción.

Segundo puiden documentarme pois, ó estar pechada a reixa de acceso, non me foi posible acceder ó interior da ermida, o interior da mesma e próximos ó altar existen diversos gravados, uns serpentiformes e outros similares a ferraduras. Existe a crenza popular —que non puiden verificar— de que no teito da ermida existe unha cruz, que aínda que se intenta borrar, reaparece sempre de novo.

Ó redor de todo o penedo que acolle a ermida existe un camiño circumbalatorio que percorre todo o perímetro do santuario dando a volta por detrás do rochedo.

Ás veces, un ten a sorte de, a parte de acceder ós tesouros materiais da nosa terra, poder facerse cun anaco dese outro patrimonio, do verdadeiro tesouro oculto e hoxe case esquecido, da outra historia, a oral, a “escrita” e construída polo pobo de boca en boca ó cabo dos séculos ou milenios e que conforman todo o noso imaxinario mítico, lendario e simbólico que constitúen a cerna e o auténtico significado da palabra cultura. Aquel día no monte Castelo eu tiven ese privilexio.

Alí na porta da ermida, e pegada a reixa pechada, atopei unha muller orando, como posiblemente se levase facendo incluso antes da erección da ermida. Agardei respectuoso e cando rematou fun cando ela para face-lo que cómpre facer cando alguén quere aprender algo, falar coa xente. A falangueira señora contoume que baixo a ermida existía outra igrexa subterránea. Debeu nota-la miña cara de incredulidade así que axiña me aclarou o asunto. Realmente non sabía se era outra igrexa ou que eran aqueles muros, o que se si sabía e que baixo o chan que pisabamos había un túnel e unhas construcións que debían ser moi importantes e que, segundo o seu avó, foran feitas polos mouros ou os celtas. O dos “celtas” chamoume a atención pois é a primeira vez que recollo que a xente identifique mouros e celtas, ou que asocie os celtas como os artífices das nosas construcións arqueolóxicas. A dúbida, e as reservas que me xorden, veñen de saber si realmente o seu avó xa lles chamaba así ós que fixeron eses túneles ou o de “celtas” foi unha incorporación “moderna” da muller, quen sabe si froito de ter oído falar destes pobos ou de alguén que llo teña comentado.

O caso é que, segundo me relatou a boa muller, cando ela ía na escola (hai diso uns corenta anos aproximadamente, segundo me aclarou) entrara unha vez neses túneles acompañada doutros rapaces. Di que o pasadoiro soterrado era moi longo, as paredes estaban feitas de muros de pedra e chegaba ata a metade da capela (uns 40 metros dende a suposta entrada do túnel), para alí anchearse no que semellaba unha grande sala. O que había máis aló non o sabe pois, como ían sen luz, tiveron medo de seguir máis para dentro. Tamén me contou que había pouco tempo o túnel se colapsara, abrindo unha profunda fochanca no eirado que hai diante da entrada da ermida. Para evitar que alguén caera dentro do perigoso burato puxeron unha lousa de granito decorada cuns deseños xeométricos, que aínda se pode ver diante do pórtico, o cal corrobora a versión da señora. Amosoume onde estaba a entrada do túnel, na parede do terraplén que se abre ós pes do pequeno adro da ermida. O lugar está agora cheo de maleza e silvas o que me impediu verificar si o túnel aínda está accesible ou non. Cómpre pois unha nova visita máis preparados para tal empresa. É posible que ese vello túnel do que me falou a señora fose unha cavidade natural conformada polos grandes bloques graníticos do lugar, pero tamén cabe a posibilidade de que fose unha vella mina ou os restos dalgunha construción do castro que aquí existiu.

Pero non remata aquí a historia. Esta muller da parroquia de Pesqueiras contoume tamén que polos arredores da ermida atopábanse moitas cousas, cousas dos mouros. O seu propio avó, que tiña as canteiras cuxos restos aínda se perciben nos penoucos que rodean o santuario, atopara un día un bastón de ouro. O fantástico achado foi levado á Tui para entregarllo á Igrexa. Nunca máis se soubo de tal tesouro. Non nos debe estrañar que a xente atopase cousas neste lugar pois o santuario erixiuse sobre un antigo castro, de aí posiblemente o nome de Monte Castelo. Por iso é habitual atopar nas súas inmediacións restos cerámicos, tégulas e quen sabe se algún que outro misterioso obxecto como aquel bastón de ouro dos mouros… ou dos celtas.

Documentándome un pouco sobre o lugar atopei na páxina de “ponteareasmaxica” unha fermosa lenda que relaciona este santuario e a Virxe da Asunción con outros seis santuarios máis da contorna. É a coñecida lenda dos Sete Irmáns, cuxo esquema argumental atopámolo noutras lendas similares asociadas a outros santuarios da nosa xeografía sacra. Como a lenda dos tres irmáns, que relaciona a capela do Pico Sacro con outras dúas capelas dedicadas a San Sebastián e San Benito ou o caso da lenda dos “Sete Santos do río Miño”, recollida por Eliseo Alonso no seu libro Pescadores del río Miño. Paso a transcribi-la versión local da lenda que fai referencia á Virxe da Asunción e ó seu santuario do Monte Castelo.

Os Sete Irmáns
Nin dos grilos da eira se escoitaba o cantar,
nin nas ponlas máis altas anda o vento a zoar,
nin murmurios, nin ecos, nin o máis triste son
se abre paso entre as rochas nesta leda ocasión.
Fronte á ponte de pedra, nun remanso de paz,
só se escoita a palabra que pronuncia un rapaz.

«Dixéronme que a ponte que tedes ante os ollos,
foi célebre nun tempo perdido entre mil soños
de néboas e nubeiros, de negras letanías,
de loitas entre os homes e inxentes agonías,
de mortes sen xustiza, traballos sen xornal,
de carne e de pecado, de vida sen moral…

Pois foi naqueles tempos, segundo me contaron,
que había sete irmáns de anguria asoballados
por tantas inxustizas, delitos e martirios,
pecados e podremia, matanzas e delirios.
E son os sete imáns Blas, Marta e Asunción
Cibrán, Lucía, Amaro e María de la O.

»Estes sete rapaces, todo amor e bonanza,
temerosos de Deus e da súa ensinanza,
decidiron un día predica-lo seu nome
para ver de salva-la alma impura dos homes.
Acordaron marchar a estende-la palabra
que aquel home da cruz unha vez pronunciara,
espallar polo mundo a mensaxe de amor,
de respecto e ledicia, de piedade e perdón.

»Una noite de lúa clara, doce e serena,
encontráronse os sete xunto á ponte de pedra.
Testemuñas do encontro son o río e os pastos,
o silencio, os camiños, os valados, os astros,
as estrelas que brillan, o rumor da corrente,
e unha ponte senlleira xa cansada e silente…
E na súa despedida os irmáns acordaron
que a pesar de que ían estar separados
manteríanse xuntos en cada momento,
vixiando un ó outro, ó irmán protexendo…

»Partiron dende a ponte en distintas direcións:
chegou ata A Picoña María de la O;
detívose en Ganade a súa irmá, Lucía;
dixéronme que Amaro botou raíz en Lira;
o monte atravesando disque partiu Cibrán,
e nun só día de marcha chegou ata Guláns;
ollando Ribarteme detivo Marta o paso;
entrou Blas en Areas e, caminiño manso,
chegou ata Pesqueiras a última, Asunción.
En todas estas vilas rezouse unha oración
na que pedían a Deus que alguén os alumara
naquela dura empresa e ós sete irmáns guiara…»

Os Sete Santos
Dun agosto abafante, cara á fin do serán,
a rodela de nenos descansando no chan.
Nin a auga do río nin o vento sutil,
aquel mesto silencio foron quen de ferir.
Fronte á ponte de pedra, nun remanso de paz,
só se escoita a palabra que pronuncia un rapaz.

«Esporadicamente retornaban á ponte
da que un día partiran baixo os ecos da noite.
E naquela xuntanza de lealdade e lecer
unha vella promesa acordaban manter:
que a pesar da distancia e de estar separados
manteríanse xuntos, un ó outro coidando…
Toda a noite falaban entre contos e risas,
e partían de novo á luzada do día.

»E din que tanta alma puñeron nas súas obras,
que tanta luz acesa deixaron entre as sombras,
que tanto amor levaron a cadansúa vila,
que pouco a pouco, ós sete, murchóuselle-la vida…

»E seica quixo o ceo, segundo me dixeron,
deixar algún sinal alí onde morreron
e que nas sete vilas creceran sete montes,
mirándose uns ós outros, mirando cara á ponte
da que os irmáns partiran naquela noite clara
para espallar ós homes a divina palabra.

»E seica quixo o pobo, segundo me contaron,
brindarlle unha homenaxe a aqueles sete santos,
e que nos sete montes nacidos dos irmáns
ergueron sete ermidas para ir e venerar
a súa alma e obra, a súa santidade.
Segundo eu oín, esa é toda a verdade…

»Por iso, en Ribarteme, a Santa Marta rezan;
alaban a San Blas en case todo Areas;
Guláns, a San Cibrán; a San Amaro en Lira;
veneran en Ganade disque a Santa Lucía;
devota é A Picoña da Virxe de la O,
e róganlle en Pesqueiras á Virxe da Asunción.
Por iso é que esta ponte, porque de aquí partían,
coñécena no mundo por Ponte das Partidas.»

Hoxe en día, celébrase o 5 de xuño no Monte Castelo unha romaría dedicada á Virxe da Asunción. O curioso do tema é que o día da Asunción é o 15 de agosto, non o 5 de xuño. Por que se celebra en xuño —datas por outra banda solsticiais e de renacer da natureza— esta romaría en honor á Asunción é algo que descoñezo, pero non é un caso isolado. Son moitas as romarías da nosa terra nas que se honran a santos en datas distintas da súa festividade oficial. En moitos casos temos indicios para pensar que se trata da cristianización dalgún rito ou festividade pagá, e que a elección dese santo como axente fagocitador da antiga fe non é casual. Xa sexa pola súa peculiar haxiografía, pola súa escura orixe, polos milagres que fixo, polas virtudes a el asociadas ou por determinados aspectos iconográficos, o caso é que se elixen eses santos porque son os que mellor se adaptan á cristianización do culto anterior, e iso xustificaría que se veneren e celebren en datas distintas da súa festividade.

Non sabemos pois o motivo da data da festa, nin coñecemos o motivo polo que se elixiu á Virxe da Asunción para cristianizar este antigo asentamento castrexo ou o que alí houbese. Pero si sabemos da importancia desta Virxe no santoral cristián. En opinión de San Xermán de Constantinopla, o corpo da Virxe María mantívose incorrupto tra-la súa morte e foi levado ó ceo, porque así o pedía non só o feito da súa maternidade divina, senón tamén a santidade do seu corpo virxinal. É por iso que o día da Asunción da Virxe —que xa era venerado en Oriente no século VI— celébrase unha das festas de máis transcendencia do calendario cristián. Nesta data conmemórase a morte da Virxe María e a súa subida ós ceos. A ascensión simboliza a alma tra-la morte e a fusión con Deus, polo que é unha data propicia para a hierofanía, para a manifestación do sagrado e a transubstanciación dos elementos profanos en elementos divinos. De aí que os ritos que se celebran no día no que a Virxe sube ós ceos, mostrándonos todo o seu poder, gocen dunhas características propiciatorias que non obteñen noutras datas.

Sexa como fose, e fosen cales fosen os motivos para erixir esta ermida, o certo é que o lugar é impactante. Dunha enorme fermosura e armonía entre o elemento natural e o elemento cultural. Semella como si a ermida fose a continuación natural da pedra. É posiblemente diso se trate, da continuidade ó longo de milenios do carácter sagrado dun lugar onde a pedra, con toda a súa carga simbólica, acadaba o protagonismo que a Virxe cristiá suplantou.

© Fotografías propiedade do autor do blog.

Posted on 10 Xuño 2011, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS. Bookmark the permalink. 9 Comentarios.

  1. Maravillado con este lugar. Otro enclave que he de conocer si o si. Gracias.

  2. Un post fascinante de vez!

    O sitio é todo un compendio, un sublimado da cultura galega do cal, como moitos outros do pais, un non comprende como é que non teñen dado en fonte de inspiración do audiovisual galego, ou como é que non forman parte diso que lle chamán “desarrollo curricular” nas escolas galegas, etc.
    Ou mais ben si, coido que si que sei o por que.

  3. Parabéns polo bo estilo e sensibilidade no tratamento do tema. Un exemplo de bó post.

    O sitio é todo un compendio, un sublimado da cultura galega do cal, como moitos outros do pais, un non comprende como é que non teñen dado en fonte de inspiración do audiovisual galego, ou como é que non forman parte diso que lle chamán “desarrollo curricular” nas escolas galegas, etc.
    Ou mais ben si, coido que si que sei o por que.

  4. non sei se coñeces http://www.geocaching.com, tratase dun xogo na que colgas este sitio nunha web e escondes un tupper con log book, recordos intercambiables “un tesouro”, descargas a app C:geo gratuita e con movil android activando o gps, diche os puntos que tes cerca, tratase de topar o tesouro e descubrir este tipo de lugares. Comentocho porque eu coloquei un xusto aqui, son de cerca e sempre me fascinou, un saudo

    • asombradebouzapanda

      Non coñecía ese xogo e paréceme moi interesante. Grazas pola información, cando volva polo Monte Castelo hei intentar atopar o teu tesouro. Un saúdo.

  5. Eu tamén vivo cerca, é un lugar máxico que xa forma parte da contorna, un dos pequenos grandes tesouros co que nos agasalla a natureza e a orografía galegas….

  6. O lugar no que se encontra, non pertenece para nada o OUTEIRO; iso son malas intención da xente da zona, que xa fai anos oubo pelexas e liortas por querer collerlle este santuario a Pesqueiras.

    • asombradebouzapanda

      Graciñas pola información e a corrección Juanma, iso foi o que me dixeron por alí. Quda claro, logo, que é de Presqueiras. De tódolos xeitos é algo habitual na nosa terra os intentos de apropiarse dos santuarios veciños, de feito ás veces varias parroquias levan as súas lindes ata os santuarios para tentar ter todas algo de ese espazo sagrado. Un saúdo.

Deixar un comentario