UN TRONO PARA O REI DOS MOUROS

Xa sei que teño falado outras veces, dende esta atalaia virtual que construín á sombra de Bouza Panda, dos mouros, a nosa particular e omnipresente raza mítica. Mais hoxe voulles falar doutro deses recunchos máxicos da nosa xeografía onde o mito e a lenda se materializan nos elementos naturais —ou construídos— que conforman estes peculiares espazos. Falareilles dun lugar onde a mitoloxía faise pedra, onde atopa o seu escenario físico que sustenta a ancestral crenza, a realidade tanxible dende a que actúa o noso subconsciente, o noso imaxinario colectivo que da forma á nosa persoal cultura tradicional, á nosa cosmoloxía e cosmogonía. Hoxe falareilles do trono dun rei mouro, da Pena da Silla do Rei Mouro, no cimo do Espicho do Faro.

O Espicho do Faro, que malamente sobrevive rodeado de canteiras que van pouco a pouco rillando a súa impoñente fisionomía, é unha desas montañas ou promontorios graníticos que aparecen espallados polo territorio e que foron en tempos recuados privilexiados lugares de control de rotas terrestres, fluviais ou marítimas. Puntos de vixilancia —de aí o topónimo de facho ou faro— onde avisar de posibles ataques e incursións de xentes que non sempre viñan de fóra.

Este faro atópase na parroquia de Entienza, no concello pontevedrés de Salceda de Caselas. Dende o alto do Espicho do Faro, hoxe convertido nunha desas areas de lecer ou parque forestal que ás veces abusan dun excesivo urbanismo e axardinamento que pouco ten que ver coa contorna natural que os rodea, pódense albisca-las terras do veciño Portugal, a serpe prateada que fai o Miño polo Condado, o Faro de Budiño, O Monte Castelo, os fértiles vales de Salvaterra do Miño e Salceda de Caselas e infinidade de cumios máis que a lenda popular da zona quixo ligar coa lenda dos Sete Irmás, deses sete santiños cos seus santuarios respectivos nos sete cumios que conforman esta xeografía sacro-mítica.

Pero non é a súa privilexiada localización, nin as espectaculares vistas o que fai deste lugar un sitio peculiar e, dalgún xeito, único. Non é isto o que fai do Espicho do faro unha topografía mitopoiética senón o que podemos atopar no seu cimo, aquel pequeno tesouro etnográfico que me levou ata aló arriba.

O cumio do faro é unha chaira circular que arremeda a croa dun castro. O chan da zona máis elevada desta superficie está cuberta por grandes lousas de granito que presentan un grande número de cazoletas e pías froito da erosión (aínda que é posible que non todas). Estas formacións, tan típicas do granito de Galicia, presentan unha peculiaridade que as diferenza das que podemos atopar noutros lugares e é o feito de estar conectadas unhas con outros a través de canles feitos artificialmente.

Pola profundidade e forma do suco parecen feitas cun punzón de ferro polo que a datación podería ser medieval ou máis actual, aínda que non podería dar unha datación certa e tampouco me imaxino o motivo para facer este traballo nunha época e nun contexto cultural onde as pías deixaran de te-la funcionalidade ritual ou relixiosa que, posiblemente, tiveron nun pasado máis remoto.

As pías así conectadas constitúen un circuíto en cascada polo que pode circular a auga —ou calquera outro líquido— dunha cazoleta a outra ata os seus desaugadoiros. Non me pregunten que é isto ou para que serviu, pois hoxe teño limitado o meu cupo de hipóteses e elucubracións, así que este labor ou exercicio imaxinativo queda para vostedes. Pero o que si lles podo dicir é que o conxunto é único, dotado dunha orde e harmonía coherente cun fin funcional e non un mero capricho do azar ou un entretemento dun canteiro aburrido…aínda que nunca se sabe. Este tipo de formacións focalizan narracións tradicionais nas que as pías se interpretan como as mesas dos mouros, os seus bebedoiros para recoller auga ou para facer ofrendas, os seus asentos, os berces, etc, etc.

Moi perto desta grande laxe das pías e a man esquerda mirando cara a Portugal atópase o coñecido como Penedo da Silla do Rei ou do Rei Mouro. En realidade son dous penedos esféricos un dos case (o da esquerda) forma un acubillo natural, un abrigo ou unha desas espenucas que forman entre os cons e que garda un tesouro, o trono dun rei mouro.

A pequena cova, de apenas seis metros cadrados, garda o que semella unha cadeira labrada na pedra da súa parede da dereita. Dá a impresión de que a rocha foi retraballada para darlle esa fasquía de rexio asento que preside o habitáculo dende o que o rei mouro dirixía a súa asemblea de notables e gobernaba, segundo a lenda popular, os designios da mourindade que moraban nas terras que, ós pes do Espicho do Faro , se estenden ata o horizonte.


A Silla do Rei

Enrique Couceiro no seu recomendable artigo “El palimpsesto montaraz. Imaginario y prácticas en torno al monte en Galicia” recolle unha lenda popular, en boca dun veciño de Entienza, referente e este enclave e que nos explica dun xeito minucioso e case histórico a función que tería este monte e estes faros que tanto abundan na nosa toponimia:

Contan que os mouros vivían no alto dos montes e que cando viña o inimigo avisábanse dun monte a outro. Por exemplo, avisaban dende o monte santa Tecra ó de San Xulián (monte Aloia), e dende alí pasaban aviso ó monte Faro de Entienza e ó Castelo e tamén ó Faro de Portugal. E así estaban preparados para cando viñera o inimigo. Para pasarse aviso acendían fachos no alto dos montes, nós chamamos fachos así, ós lumes, ás fogueiras. Por iso son faros, porque dende eles avisaban.


O Faro de Budiño visto dende o Espicho do Faro

Como se dunha historia de Tolkien se tratase, o pobo galego foi tecendo dende a noite dos tempos un relato histórico-mítico sobre a nosa xeografía. Nela atopamos os lugares onde vivían, acampaban, comían, cociñaban, cocían o pan, bebían, loitaban, morrían ou gobernaban o mundo a nosa raza mítica por excelencia: os mouros.

Os mitos manteñen unida á comunidade, xeran un contexto que dá valor ás cousas, que ordenan a nosa realidade e nos dan ferramentas para entendela e desenvolvernos nela. En cada parroquia temos ó noso particular Abismo de Helm, un Rohan unha Terra Media á espera de que a descubramos. En cada comarca deste país pendurado á beira do Mar Celta temos a nosa Pena do Rei, a nosa Casa da Moura, a nosa Eira das bruxas, o noso Forno da Santa, Outeiro dos mouros ou a cadeira ou trono dende a que eles reinaron na terra que hoxe ocupamos e destruímos.



Peculiar penedo en forma de mesa con pía na súa parte superior

Coma ese Penedo dos Mouros –hoxe desaparecido polos traballos de cantería— que se alzaba no Monte Castelo, na mesma parroquia de Entienza, e que atesouraba unha fermosa lenda de serpes, mouras e encantamentos:

Dicían os vellos que, antes, os mouros facían uns nós cunha corda. Estes nós
significaban unhas palabras que facían que a corda se convertira nunca cobra
grande; e a cobra gardaba o tesouro que estaba no Penedo dos Mouros. […]
Un día, un cazador que andaba a cazar por eses sitios ouviu un dulce canto.
Entón, achegouse para alá, e mirou enrriba do penedo unha criatura que
era metade cobra e metade muller. Coma a parte de muller era moi goapa,
o cazador namorouse dela; e ela contoulle que saía sempre ás doce do día
e ás doce da noite, e que se quería casar con ela, tiña que matare a metade
da cobra, para desfacelo encanto. E logo, o cazador marchou… Volveu á
hora que ela tiña que sair, e matouna. E de seguido, desfixouse o encanto,
e a grande cobra convirtiouse nunha muller moi fermosa coa que casou o
cazador. Despois o encanto, cando quedou desfeito, marchou pró fondo do
mar. E moitos din que nise momento foi cando rachou o penedo
(Lenda recollida no artigo citado de Enrique Couceiro)

Dende eses cumios das nosas serras estou seguro de que aínda nos contemplan en silencio. Aqueles que estiveron antes que nós pero que, segundo crenza popular, non son os nosos devanceiros; aqueles seres que construíron eses monumentos arqueolóxicos que hoxe chegan a nós a duras penas, eles que aínda habitan baixo a croa dos castros e das mámoas, dentro de penedos encantados e de fontes misteriosas.


Penedo coñecido como A Seta

O outro día subían aló arriba, ó cumio do Espicho do Faro, adentreime temeroso coma quen profana un lugar sagrado naquela espenuca da Peneda da Silla do Rei. Profanei o lugar, pedían permiso e sentei no trono do rei mouro e entón pensei que mentres exista un vello que nos conte o segredo da máxica existencia dos mouros, mentres exista un penedo sagrado, un tesouro agochado, un rapaz ansioso de bica-lo beizos encantados dunha fermosa moura ou mentres quede un feitizo no ar eles, os nosos ancestros mitificados —os mouros—, hoxe coma onte, seguirán aí…vivos, aínda que de nós non quede máis cas cinzas da nosa carne mortal e os soños de grandeza duns reis xa destronados.


A Silla do Rei Mouro

Por se queredes unha banda sonora para este post 😉

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: