UNS APUNTAMENTOS SOBRE O ENTROIDO GALEGO


Cadro do pintor Francisco Sutil

O Entroido, tamén chamado Antroido, Entruido ou Carnaval, segundo as zonas de Galicia, é unha festa tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo. Coincide co período inmediatamente anterior á Coresma cristiá, polo que non ten datas fixas. Malia ser celebrado en toda Europa, non se coñece con certeza a orixe da festa do Entroido. Para algúns investigadores a súa orixe podería estar nos cultos ós deuses clásicos Baco ou Dionisios, outros atribúen a súa orixe ós pobos celtas. O que si parece claro é que é unha festa de orixe precristiá que coa chegada do cristianismo, como ocorreu con outras celebracións pagás, sería asimilada e redefinida pola nova fe. Deste xeito, esta celebración, que tiña posiblemente un significado de despedida do inverno, mesturouse co simbolismo cristián da despedida da carne antes do período de abstinencia que marca a Coresma e que comeza no día do Mércores de Cinza. Hoxe en día, o Entroido é unha festa popular que marca no noso calendario a fin do inverno e o comezo da primavera e na que conflúen rituais cristiáns e pagáns.

O Entroido é o tempo da transgresión, a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de identidade e dedicarse á sátira e á burla das institucións máis importantes da sociedade. Dicía Antonio Fraguas que o Entroido libera, a través da transgresión, as tensións acumuladas na rigorosa observación das múltiples normas que rexen a vida en sociedade. Nestes días festivos quedan abolidas, simbolicamente, as pautas que regulan o comportamento ordinario. Segundo Vicente Risco, no Entroido caducan tódolos preceptos, usanzas, costumes e leis do tempo ordinario; é un tempo de tolería, que dura o tempo que dura o boneco de palla. Mais a tolería ten tamén as súas leis, tan estreitas e rigorosas, ou máis, do que son as dos días correntes. Hai, como di Risco, unha “lei”, un “estatuto” do Entroido, con valor de “dereito positivo”. Entre as obrigas dos veciños están as de levar ben as bromas por pesadas que sexan; de non traballar no luns e martes; de aturar que lle boten a un auga, farelos, borralla, tinta, ovos chocos, etc.

A celebración do Entroido presenta no noso país, diferentes características ou peculiaridades propias de cada zona. Así, segundo as poboacións, varía a duración do tempo festivo, o tipo de disfraces, os tipos de celebracións, as esmorgas ou os xogos típicos destas datas. Uns son de soa ben coñecida e atraen milleiros de persoas cada ano, como o de Laza ou o de Verín, noutros casos, en cambio, a súa fama non pasa do ámbito local. Quizais os Entroidos máis famosos sexan os que se celebran en Xinzo de Limia, Laza, Verín, Manzaneda, Maceda, Viana, Sarreaus, Vilariño de Conxo, a Ulla, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa ou o Hío, pero é unha festa amplamente estendida e celebrada por todo o territorio.

A etimoloxía da palabra Entroido deriva do latín introitus, que significa entrada ou comezo, o que pode facer referencia á chegada da primavera e do rexurdimento da vexetación. Pola súa banda, a palabra Carnaval probablemente veña do latín vulgar carne-levare que significaba “abandona-la carne”, que era a prescrición obrigatoria para todo o pobo durante tódolos venres da Coresma (tempo de xaxún de corenta días anteriores á Pascua, conforme o calendario cristián). Antigamente, a partir do Martes de Entroido viña o período de abstinencia que duraba ata a Coresma, por iso era tradicional nestas festas (sobre todo o domingo e o martes) a celebración de comidas familiares e sempre en abundancia. Existen unha serie de comidas típicas destas datas como é a vincha (doce feito enchendo a vexiga dun porco e típica lambonada enxalzada na Festa da Vincha de Cerdedo), os petotes (doce en forma de ovo ou cilindro, feito de masa de fariña de trigo e centeo que se coce en auga e se recobre de azucre), a famosa bica, as tradicionais filloas, a androlla, a cacheira, a orella, os chourizos, o lacón ou o caldo, entre outros pratos propios destas festas.

Os xogos non podían faltar nestas celebracións festivas. O chicote, especie de xiringa coa que os rapaces botaban auga ás rapazas á volta da misa, as batallas de fariña, as guerras de formigas, as farrapadas, as piñatas, as corridas de galos (celebradas no Domingo de corredela) nas que se penduraba un galo cabeza abaixo e había que degolalo dun sabrazo e cos ollos vendados. En Pontevedra os rapaces adoitaban facer un xogo bastante bárbaro: pedíanlles pez ós zapateiros e untábana na man, despois cando atopaban unha moza estampábanlle a man na cara de xeito que a pez lles quedase pegada na face, facendo que perdesen cellas e pestanas cando tentaban desfacerse da negra cataplasma.

O denominado ciclo do Entroido comprende distintas datas coas súas celebracións e ritualidades particulares. Este ciclo varía tamén segundo as vilas, e nin se celebran todas estas datas en tódolos lugares nin existe exactamente o mesmo tipo de celebración en tódalas zonas. Ben por perda da tradición ben porque non era costume. Posiblemente sexa o Entroido de Xinzo o máis longo e o prototipo deste ciclo festivo. As súas datas fundamentais, por orde, son:

1. Domingo fareleiro
2. Domingo oleico
3. Xoves de compadres
4. Domingo corredoiro
5. Xoves de comadres
6. Domingo de Entroido
7. Luns de Entroido
8. Martes de Entroido
9. Mércores de cinza
10. Domingo de piñata

O “Domingo fareleiro” abría o tempo de Entroido e con el empezaban os xogos e as brincadeiras. Os mozos collían bolsas cheas de farelo ou fariña (de aí o nome de Domingo fareleiro) e botábanllelas ás mozas e ás mulleres da aldea. Outras veces, e tamén segundo os lugares, estas bromas destinadas a emporca-las mozas facíase con borralla, serradura, tinturas, etc. O “Domingo oleico” toma o seu nome do xogo das olas, típico deste día. Os mozos da aldea, pois é un xogo tradicionalmente masculino, póñense en círculo e lánzanse uns ós outros unha ola de barro chea de fariña, auga ou confeti, entre outros recheos posibles. A quen se lle rompa a ola será obxecto de mofa e escarnio público. O “Xoves de compadres” e o “Xoves de comadres” constitúen unha representación simbólica da guerra de sexos. O “Domingo corredoiro” é o día no que se empeza a corre-lo Entroido. Os mozos percorren a parroquia cun carro cargado co Meco, ou cun monicreque de palla similar, saen as máscaras pola aldea e continúase coas bromas que comezaron no Domingo fareleiro. Tamén se fai o xogo das olas, as corridas de galos, as guerras de formigas, as farrapadas e os mozos armados con chicotes (xiringas improvisadas con cana) mollan as mozas. O “Domingo de Entroido” e o “Martes de Entroido” son os días grandes da festa. O “Mércores de cinza” é un día de loito simbólico pois o Entroido vai chegando á súa fin. Esta morte da festa represéntase co enterro da sardiña e as súas múltiples variantes locais. A comitiva fúnebre, cos seus sacerdotes e plañideiras, vai seguida de tódolos veciños que finxen choros, prantos e laios ata que o remate do Entroido se escenifica coa queima da sardiña. En Pontevedra, por exemplo, isto faise o venres coa queima do loro Ravachol. Nalgúns lugares o Entroido prolóngase ata o “Domingo de piñata” no que se fan piñatas e outros xogos para os nenos e non faltan as máscaras e os disfraces.


“O Entroido chega á vila de Manzaneda”. Video da Sociedade Antropolóxica Galega.

Dende o século XIX, comezou a celebrarse nos liceos de cidades e vilas un Entroido máis burgués e urbano, con disfraces e bailes máis elaborados. O
Entroido da cidade da Coruña tamén data do século XIX, con celebracións na rúa e a representacións do “Apropósito”, esperpéntica obra de teatro que anualmente repasaba a actualidade en clave satírica mesturando personaxes reais e míticos. En canto á cidade de Ourense, a pesar de ser un Entroido urbano mantén moitas características propias da celebración tradicional galega como son a celebración dos “Xoves de comadres” e dos “Xoves de compadres”. Na vila de Pontevedra o primeiro evento deste tipo (urbano e burgués) data do ano 1877, cando, pola iniciativa da familia Muruais, foi organizada unha grande representación da batalla entre o Rei Urco, que ansiaba tomala cidade, e Teucro, mítico fundador e defensor desta. A batalla, realizada con armas de pan, rematou coa sinatura da paz e un desfile pola cidade. Dende esa data, o Entroido foi celebrado ata que foi prohibido coa chegada da ditadura franquista. Pero a festa volveu ás rúas no ano 1984.

En canto ás variantes máis tradicionais do Entroido, podemos falar por exemplo das “momadas”. As momadas eran agrupacións de mozos disfrazados que ían de casa en casa percorrendo a parroquia. Antonio Fraguas describiunos en que consistían estas comparsas en terras pontevedresas de Cotobade. A comitiva estaba formada polos lanceiros, os madamitos, as madamitas, as muradanas, os maragatos, os vellos e aqueles que ían disfrazados de oficios, como o paraugueiro, o limpabotas, o sacamoas, o retratista, os pobres, o barbeiro, o zapateiro, etc. Abrían a festiva confraría os lanceiros, vestidos de traxe de gala militar, adobiados con capa, un mantón de manila, gorro con cintas (ás veces en forma de tricornio), un mantón de cor cruzado polo lombo e unha bandeira de cores suxeita a unha pica. Os maragatos e os vellos seguíanos dando saltos e botando aturuxos. Cando chegaban a un grupo de casas dábanlles apertas ás mulleres, ás vellas e ás mozas da momada sacábanas a bailar. Os maragatos levaban un traxe improvisado e remendado co que atopaban, tapaban a cara cun anteface, usaban un gorro cónico ou trapezoidal adornado con cintas e levaban unha corda para sacar a baila-la xente. Os vellos, como di a palabra, ían disfrazados de vellos e levaban axóuxeres ou chocas penduradas do cinto, un sombreiro de palla, traxe feito con sabas ou unha colcha colorida. Ó igual que os maragatos, tamén se axudaban dunha corda para sacar a baila-la xente. Detrás ían tamén os oficios disfrazados de xeito estrafalario.

Ás veces levaban tamén un gaiteiro ou unha pandeireteira que tocaban as melodías para facer bailar ó pobo. Os madamitos ían de ganchete coas madamitas, e cando tocaba bailar facíano en parellas e á parte dos demais para lucírense ante os veciños, xa que eran os que mellor bailaban. Os madamitos visten traxe negro sen adornos e anteface. As madamitas levaban traxe de raso negro e moitas alfaias. Por último, ían tamén as muradanas vestidas con refaixo, dengue e mantelo, a xeito do traxe tradicional. Levaban unha pandeireta e unha roca e botábanlle-la boaventura ós mozos a cambio de cartos.

En moitas parroquias da nosa contorna facíanse comparsas para ir de troula pola aldea. Tamén era frecuente facer un boneco de palla ó que chamaban “o Entroido” e con el percorríase a aldea facendo barullo cos instrumentos e bucinas á vez que se ía polas casas pedindo un “aguinaldo”. Nalgunhas parroquias pontevedresas a estas comitivas carnavalescas chamábanlles “os entroidos”, noutras “os mascaritos” ou “mascaritas”, como en Xeve ou Salcedo, e noutros lugares referíanse a eles como choqueiros. Botábase man do que había na casa, improvisábanse caretas e os homes adoitaban vestirse de mulleres e as mulleres de homes, era o mundo ó revés.

Outra das tradicións do Entroido propias dalgunhas parroquias da nosa terra era o sermón do Entroido. Discurso burlesco e alusivo ás festas, ós abusos destas datas, ós acontecementos vividos na aldea ó cabo do ano, ou ás peripecias e vivencias que lle ocorrían ó Entroido (moneco que se levaba nun carro polas casas da aldea, como se fai co Meco) no seu percorrido pola parroquia. Ás veces, como apuntou Vicente Risco, o sermón adoita a forma dun testamento, que pode se-lo testamento do propio Entroido, doutra persoa ou dun animal. No caso da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo existía a tradición dos chamados “predicadores”. Estes personaxes inventaban para a ocasión coplas e poesía satíricas sobre os veciños. A xente xuntábase nun torreiro e alí os predicadores comezaban o seu especial responso entre as risas da xente. Noutras zonas, como en Soutomaior, eran típicas por estas datas as corridas de galos nas que, co tempo, o galo sería substituído por unha ola de barro que había que escachar cun pau e cos ollos tapados.

Tamén son propias do Entroido determinadas cerimonias ígneas como o Folión do Venres de Entroido, no que se lle dá lume ós fachóns cos que se percorre a aldea iluminando a noite, as terras e os homes.

Respecto ás distintas figuras típicas do Entroido, podemos falar dos Peliqueiros de Laza, os Cigarróns de Verín, a Pantalla de Xinzo, o Felo de Maceda, o Vergalleiro de Sarreaus, o Troteiro de Bande, o Boteiro de Viana do Bolo, o Volante de Ribeirao, o Oso de Salcedo (na Pobra de Brullón), as Madamas e os Galáns de Cobres (Vilaboa) ou os Generales e Correos da Ulla, por citar só algúns dos múltiples persoeiros que toman as rúas e camiños nestas datas de don Carnal. Cada unha destas figuras ten a súa propia vestimenta e o seu particular proceder.


“Poñer o cigarrón”. Video da Sociedade Antropolóxica Galega

Vemos pois, con estes breves exemplos, que a riqueza do Entroido galego é amplísima e chea de matices. Non nos estenderemos máis pois coido que non é o motivo deste libro facer un estudo intenso do noso Entroido tradicional, senón achegar uns esquemáticos apuntamentos que sirvan para ilustra-las características xerais desta festividade e para espertar no lector o interese e amor por este verdadeiro tesouro cultural a conservar e revitalizar.

Bibliografía:
Textos extraídos do libro “Para cantar veño eu. Unha viaxe pola cultura musicla galega da man dos Chichisos”. Rafael Quintía. 2011

Lectura recomendada:
Para aquel que estea interesado en profundar máis sobre o tema remítoo a extensa e interesante obra de Vicente Risco ou ós traballos de Antonio Fraguas sobre o Entroido en terras de Cotobade. Se o que se quere é coñecer dun xeito breve e conciso un resumo das distintas celebracións do Entroido en Galicia tamén se pode botar man da guía editada por La Voz de Galicia “Carnavales de Galicia”, escrita por Omayra Lista.

 

(Fotografías: Arquivo da A.C. Os Chichisos)

Posted on 16 Febreiro 2012, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 08. MULTIMEDIA. Bookmark the permalink. 1 comentario.

  1. Hola!
    Permíteme presentarme soy Norma administradora de un directorio de blogs, visité tu portal y está interesante, tienes temas muy buenos. Me encantaría poner un link de tu web en mis sitios y así mis visitas puedan visitarlo también. Si estás de acuerdo no dudes en escribirme
    rinconturismo@gmail.com
    Éxitos con tu blog.
    Saludos
    Cleofé

Deixar un comentario