A MOCA E A LOITA CON PAUS, UN ARTE MARCIAL Á GALEGA

Hai un tempo, andaba eu buscando documentación sobre os xogos tradicionais galegos cando din cunha referencia de Eugenio Reguera y Pardiñas  que me chamou poderosamente a atención. O texto do que lles falo está incluído no libro “Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano”, escrito polo citado autor entre os anos 1840-1858, e dicía o seguinte, e cito literalmente:

Moca: el garrote corto y ochavado hacia el extremo inferior, por donde es más grueso, que llevan en la mano, o colgado de la muñeca por un cordón con unas borlas pequeñas, los paisanos de la antigua provincia de Santiago cuando van a las romerías, [ferias] y viajes. En las ochavas acostumbran a ponerles clavos dorados, con lo cual el arma es más dañosa en sus golpes. Antiguamente en vez de las borlitas o del nudo con que terminan los cordones de la moca, le echaban unas agujetas, y era común el llamar paus d’agulletas a esta clase de bastones, denominación con que todavía acostumbran a llamarlos por tierra de Salnés y de Pontevedra.

Galego armado cunha moca. Gravado do século XIX

Tan pronto lin este texto o primeiro que me veu á cabeza foi o famoso cadro de Goya “La riña”, máis coñecido como Duelo a garrotazos. Unha impresionante obra pictórica onde se representa a dous homes loitando armados co que, a todas luces, semella unha moca, é dicir, un garrote curto e máis ancho no extremo co que se golpea. O cadro, pintado por Goya na Quinta del Sordo entre os anos 1819-1823 foi visto como unha simbólica mostra da loita fraticida entre os españois, que en época de Goya enfrontaba a liberais contra absolutistas. Hoxe en día, esta obra converteuse nunha icona universal das guerras civís, das loitas fraticidas e da discordia entre os homes, pero non sempre foi así.

La riña. Cadro de Goya. Fonte: http://commons.wikimedia.org

Tirando do fío interpretativo do cadro de Goya din coa referencia de varios críticos estranxeiros do século XIX que vían nesta obra unha pintura costumista e non unha representación simbólica ou alegórica da violencia. De entre todos estes autores destaca Charles Yriarte que adicou o seu libro “Goya, sa vie, son oeuvre”, escrito en 1867, a estuda-la obra e vida do ilustre pintor. Foi Charles Yriarte quen viu en “La riña” de Goya unha representación dun bárbaro costume rural español que o escritor francés localizou en Galicia.

Mozo galego pelexando cunha moca na man. Ilustración do libro Recuerdos de un viaje por Galicia

Imaxino que a estas alturas estarán pensado o mesmo que eu. E se resulta que o magnífico Goya representou nun dos seus cadros máis famosa a loita tradicional galega con mocas? Non se debe perder de vista o feito de que a interpretación simbólica e a costumista non son excluíntes senón complementarias. O feito de que o cadro represente ese odio e loita entre irmáns non quere dicir que non estivese inspirado nun feito real, lembremos que Goya foi durante a Guerra da Independencia o equivalente ós corresponsais de guerra do seu tempo, ilustrando con grande crueza e realismo a barbarie da guerra.

Galego cun chuzo para caza-lo xabaril. O Piornedo  en 1968.  E. De Arce. Fonte: http://elpais.com

Pero sigamos tirando do fío a ver que atopamos. O citado texto de Eugenio Reguera y Pardiñas non remataba aí, senón que seguía falando doutra variedade de loita, a loita con paus ou varas:

En Portugal se usa un palo alto que llega hasta cubrir el labio superior del sujeto que lo lleva y estílase por lo menos en los países fronterizos a Galicia, y de ellos tomaron esa costumbre los gallegos de las fronteras de Tuy y Orense, que como a ese límite se le llama en gallego á raya de Portugal, a sus moradores les dicen rayanos. Para las ferias va haciéndose general el usarlo, con un aguijón, aguillón, en el extremo superior. Es un arma contundente muy terrible esta pértiga o varal; juéganla bien los rayanos, con lo que se hacen temibles en las romerías, ferias, mercados y concurrencias públicas; dicen ellos que el juego del palo tiene veintisiete puntos (suertes defensivas y ofensivas), y aprendieron ese manejo de los portugueses, siendo muy frecuente su entretenimiento en los pueblos de las regiones fluviales del Miño y del Duero los días festivos, en las plazas en donde se ponen a enseñarlo los maestros del arte. Intervienen en estos espectáculos, apuestas, porfías y aun golpes, pues no siempre la prudencia es su reguladora.

 

Jogadores de varapau em S. Lourenço da Montaria.  (1868-1957). Fonte: .http://lugardoreal.com

Segundo a referencia de Eugenio Reguera, a loita con paus collérona os galegos dos portugueses da raia. Así que a seguinte parada desta viaxe na procura das artes marciais galaicas ímola atopar  en Portugal, na súa loita de paus. Hoxe en día, aínda se segue a practicar en Portugal o que chaman o Jogo do Pau. Un deporte herdeiro daquelas loitas de paus das que falamos, unha esgrima portuguesa —como din eles—que se desenvolveu devido a necesidades reais de combate e autodefensa.  O Jogo do pau é, pois,  unha técnica de loita, na que a arma empregada é un pau dereito e liso, da altura aproximada dun home, e que conta cunha técnica depurada e numerosos mestres e clubs onde practicalo.

 

O mestre Joaquim Baú. Vello loitador portugués. Fonte: http://jogodopau.tumblr.com

Vemos logo, que era tradicional entre os mozos galegos, cando menos do sur de Galicia, os combates con longas varas. Unha loita que non era unha mera pelexa sen normas senón que constituía un auténtico arte marcial cos seus movementos defensivos e ofensivos perfectamente deseñados e estipulados, como ocorre con calquera outro tipo de loita deportiva. Unha loita que contaba con verdadeiros mestres que coñecían os segredos do combate e uns combates frecuentes, segundo as crónica da época, en festas, mercados ou romarías onde nunca faltaba o momento no o sangue novo fervía e era necesario solucionar un conflito de xeito violento ou simplemente facer unha demostración de forza e virilidade diante da concorrencia e, sobre todo das mozas.

 

A feira e festas na Moita. Publicado na “Ilustração Portuguesa” , 19 de Setembro de 1904. Nº46. Fonte: http://jogodopau.tumblr.com/

En Galicia, ata hai ben pouco e se me apuran tamén hoxe en día, era normal que nas festas parroquias houbese liorta entre os mozos da parroquia e aqueles outros que viñan de fóra ó baile. O motivo sempre era o mesmo; as mozas. O sentimento de posesión que os mozos de cada parroquia tiñan cara as súas mozas veciñas facía que cando un rapaz ou home de fóra intentaba achegarse a unha moza da parroquia, ben para pedirlle un baile ou ben facerlle as beiras, as chispas saltasen e a pelexa estivese servida. A competencia polas mozas nunha sociedade rural onde o matrimonio era o normal e a base do artellamento social, os piques por ver quen quedaba coa  moza elixida ou a necesidade de amosar que un era un home garrido e sen medo eran semente suficiente para garantir estes enfrontamentos entre os mozos das distintas parroquias que, para o caso, funcionaban como auténticas tribos. Aínda lembro as historias que me contaban os meus avós sobre as rivalidades que se montaban nas festas entre os mozos de Salcedo, Tomeza ou Marcón. E non faltan testemuños que contan como os mozos ían ós bailes e fiadeiros armados con mangos de sachos e o ferro no peto por se era necesario monta-la “arma” e learse a garrotazos ou sachazos.

 

Feira da Pastoriza. Ano 1905. Autor: Pedro Ferrer

Cando imaxino a eses mozos galegos enfrontándose en loitas de paus (ou con mocas) nas feiras e romarías, retándose en duelos onde amosa-lo seu valor  e forza ou, simplemente, resolvendo as súas disputas a golpe de moca ou vareazo non podo máis que pensar nesas ritos de paso e loitas rituais que celebran cada ano despois das colleitas os mozos da etnia africana Surma. Falo do famoso rito do Donga, tan estudado por antropólogos dende o século pasado, e no cal os mozos Surna, armados con longos bastóns ou varas rematados nunha especie de glande afiado, enfróntanse de dous en dous, os dun pobos contra os dos outros nuns espectaculares e sanguentos combates. Os Surna loitan así cada ano para demostra-la súa masculinidade, para obter esposa, para acadar máis prestixio dentro do seu pobo ou para resolver vinganzas persoais. Un xeito ritualizado de canaliza-la violencia que todos levamos dentro e de reconducila nun rito de paso e nunha celebración que reforza os lazos sociais da comunidade, facilita relacións sociais e intercambios matrimoniais e funciona, asemade, como lugar onde dirimir disputas e conflitos entre pobos e xentes.

 

Loitadores Surna no ritual do Donga. Fonte: http://unaantropologaenlaluna.blogspot.com.es

Pero volvamos a Galicia. Cómpre ter en conta un factor á hora de analizar este tipo de loitas e armas, e  é o feito de que antigamente en determinados contextos e espazos non existía a seguridade que hoxe existe. Os camiños eran frecuentados por delincuentes e asaltantes que non dubidaban en botar man das armas para facerse co botín, así que andar armado cun bo pau non só era recomendable senón necesario. Como exemplo do dito transcribirei o que Francisco de Paula Mellado  dicía ó respecto da seguridade dos camiños galegos na súa obra “Viaje por España”, publicado en 1849 e reeditado en 1987 co nome de  “Recuerdos de un viaje por Galicia”

Los caminos son en general muy malos y difíciles, presentando también a los viajeros el peligro de salteadores, que abundan bastante en Galicia, por las muchas gargantas, encrucijadas e espesuras que en el terreno se encuentran a cada paso, y por la cercanía a Portugal, donde se ocultan los malhechores  en cuanto perpetran un robo, burlando la persecución de las tropas.

Paus para manexa-las greas no monte. (Orixe descoñecida)

Ou o dito polo escritor británico George Borrow na súa obra “The bible in Spain” onde relata as súas experiencias viaxeiras pola España do 1837 e o seu paso por Galicia:

Permanecimos unha semana en Lugo e, logo, endereitámo-los nosos pasos cara á Coruña, distante unhas doce leguas. Erguémonos antes de rompe-lo día para nos aproveitar da escolta do correo xeral, en compaña da que viaxamos máis de seis leguas. Falábase moito de salteadores e partidas voantes da facción, por este motivo a nosa escolta era considerable.

Lembremos tamén, por exemplo, que o famoso bordón —o bastón dos peregrinos— cumpría non só a función de axudar na marcha senón tamén de ser unha poderosa arma defensiva. Temos outro exemplo no Canne de combat  —bastón de combate— que era un arte marcial francés de orixe medieval que utilizaba un bastón de madeira como arma e que  foi practicado polos franceses no século XIX como medio de defensa contra os ataques de foraxidos.

 

Gravado de peregrinos publicado en La Ilustración Española y Americana. Ano 1874. 

A parte dos perigos nos camiños, o traballo no campo, nos montes ou o pastoreo facía que os labregos estivesen expostos ó ataque de animais salvaxes, de aí a necesidade de andar armado cunha vara, aguilloada ou moca, pois en caso de necesidade estas ferramentas supuñan un bo arma defensiva.

Vemos entón que o uso defensivo e ofensivo de longos paus e mocas era algo frecuente en Galicia ata ben entrado o século XX pero non era o único lugar da nosa xeografía onde se realizaba este tipo de loita.

Nas illas Canarias é moi popular o xogo do pau canario —Juego de Palo Canario— un tipo de loita cuxa orixe hai que buscala nos aborixes canarios —os Guanches— e nos seus xogos bélicos e técnicas de loita. Este arte defensivo e de ataque pasou despois ós pastores que o conservaron por centos de anos e xeracións ata os nosos días, malia as  prohibicións imposta polos gobernadores que impedían entrar nas poboacións portando paus. Os pastores utilizaban estes combates de paus para resolver ofensas e rifas e, entre outros usos,  decidi-la propiedade dos animais e das zonas de pastoreo. Era costume tamén que os mozos de cada familia demostraran a súa habilidade nas romarías populares nas que, moitas veces,  tiñan que facer fronte a duelos polas rifas que existían entre as familias. Os bailes, como ocorría en Galicia, tamén eran sitio idóneo para estes enfrontamentos, sobre todo polos celos con algunha muller ou por provocacións entre os mozos. Co tempo cada clan familiar desenvolveu o seu propio estilo de loita con pau que foron transmitindo ata os noso días. De feito, hoxe existen tres modalidades de loita dentro do Juego de Palo Canario: unha na que se emprega un pau curto, outra con vara, que ten unha medida similar á portuguesa (ata o queixo ou o ombreiro) e que é o máis  utilizado e por último,  o garrote ou lata, que é un pau máis pesado e longo, superando a altura dun home.

Libro sobre o Juego del palo canario. Fonte: http://www.libreriadeportiva.com

Tamén no Pais Vasco existía un tipo de loita tradicional con paus, a makil borroka, que están tentando recuperar, como fan os vascos con aquelo que lles toca de perto. Unha técnica de combate e defensa con paus que empregaban dende os pastores para defende-las súa ovellas do ataque do lobo, ata os recadadores de débedas que tiñan que transitar camiños inhóspitos para cobrar, co perigo de ser atacados por ladróns; ata o pobo combatendo nas guerras carlistas contra fusileiros que tardaban máis en recarga-los seus fusís que eles en darlles un pau na cabeza. Era a técnica dos makilkaris.

Loita a garrotazos. Fonte: http://gana.blogs.sapo.pt

Xa no ámbito europeo e fóra da Península, podemos cita-la loita con paus de Irlanda que se basea na cachiporra, un arma similar á nosa moca e elaborada cun pau feito da raíz da árbore do espiño negro. A raíz conformaba o extremo groso da cachiporra e podía estar reforzada con cravos ou chumbo. Esta perigosa arma era de uso común nas loitas entre faccións ou bandas que se enfrontaban entre sí en violentas pelexas. Quen vira o filme “Gangs of New York” terá un claro exemplo deste tipo de combates.

Loita irlandesa con cachiporras. Fonte: http://www.reocities.com

Podemos concluír, pois, que as loitas con paus ou bastóns son unha tradición cunha ampla presenza tanto temporal como xeográfica. Presente en tódolos continentes e dende a máis remota antigüidade, este tipo de loita conservouse en moitos países chegando a se transformar en deportes de contacto, a  formar parte das artes marciais máis populares ou conservándose, noutros lugares, nun estado máis tradicional e ritual. Tamén ó longo da historia atopamos moitas referencias a este tipo de loitas con varas e moitos combates nos que a arma usada era un pau ou unha aguilloada. Por exemplo, no famoso episodio da mitoloxía grega onde Edipo mata ó seu pai cóntase que este matou ó seu proxenitor dun golpe dado co seu pau longo en resposta ó golpe que lle dera o seu pai cunha aguilloada para os bois. Na Biblia temos tamén o exemplo de Anat, fillo de Samgar, de quen din que matou a 600 filisteos cunha aguilloada de bois, salvando así a Israel.

Grabado de loita con paus entre indios Bocotudos da Amazonía brasileira (1823-1838).

Fonte: http://saladepesquisacapoeira.blogspot.com.es

Así que xa ven, tirando do fío foi así como se me abriu todo un universo de loitas ancestrais, técnicas de combate, duelos e retos onde os homes demostraban o seu valor e derimían os seus pleitos e asuntos de honor a golpe de garrote, pau ou moca, como sempre se arreglaron as cousas dende que o home é home e camiña erguido pola Terra.

Hoxe en día, os mozos galegos, e os non tan mozos, practican diversas artes marciais, como o karate, o judo,  o taikondo, o king boxing, aikido e moitas outras nas que usan katanas, nunchacos, paus e todo o arsenal típico das artes de loita orientais. Pero, á diferenza do que ocorre en Canarias ou en Portugal, xa ninguén practica nin ensina  a nosa tradicional arte marcial, a loita con mocas e con paus. Tan só na fala quedou o recordo daqueles combates a golpe de moca, e aínda é frecuente escoita-la expresión popular de: vouche dar unha mocada. Velaí outro exemplo máis de que, malia ter unha das culturas tradicionais máis ricas do mundo, os galegos seguimos a preferi-lo alleo ó propio e esa sí que é a nosa loita máis enxebre, a loita contra nós mesmos.

Xogo do pau. Fonte: http://www.mardb.com

ACTUALIZACIÓN CON INFORMACIÓN DE ÚLTIMA HORA:

A raíz da publicación deste artigo, puxéronse en contacto comigo para infórmanme de que dende a asociación A Gentalha do Pichel e a Sociedade Compostelá de Esgrima Antiga (SCEA) organizan seminarios e cursos de Xogo de Pau. Tamén hai algún ximnasio en Vilagarcía e un grupo de xente en Compostela que están traballando nesta dirección. Esperemos que esta iniciativa de recuperación da nosa loita tradicional con paus sexa un éxito, e dende aquí os nosos parabéns a estas organizacións polo seu traballo.

 

Posted on 16 Outubro 2012, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA. Bookmark the permalink. 3 Comentarios.

  1. Niso de que ninguen a practica ou tenta recuperala trabúcase.
    A Gentalha do Pichel e maila Sociedade Compostelá de Esgrima Antiga (SCEA) organizan seminarios e cursos de Xogo de Pau e tamén algún ximnasio de Vilagarcía. En Compostela algúns tamén levamos algún tempo tentando montar un grupo de Xogo de Pau.
    Aínda antonte troncei dous bos varais… 🙂
    Un saúdo é parabéns polo seu blogue

    • asombradebouzapanda

      Moitas grazas Antón, pola información. Dasme unha alegría ó saber que si se está a recupera-la loita con paus. Eu intentei buscar información en Galicia pero non atopei nada, así que agora xa sabemos que dende a A Gentalha do Pichel e a Sociedade Compostelá de Esgrima Antiga (SCEA) organizan seminarios e cursos de Xogo de Pau. Esperemos que esta iniciativa sexa un éxito e parabéns polo traballo.

  1. Pingback: Blog para ver | Cousas da vida

Deixar un comentario