A PENA DA MOURA de Toques

No monte Bocelo, en Toques (provincia da Coruña) e perto do campo tumulario da Muruxosa atópase a Pena da Moura. Un deses magníficos bloques de pedra que aparecen por todo o país vernizados de lendas, mitos e crenzas, o que nos fai pensar que moitos destes peculiares penedos foron nun pasado, posiblemente neolítico, tomados por lugar de hierofanía e, consecuentemente, asociados a ritualidades e cultos que hoxe en día non somos quen de adiviñar. Uns son penedos figurativos, outros encabalgados, outros inzados de pías ou signos labrados. Todos eles con formas ou elementos estraños que fixeron que os primeiros poboadores destas terras os tomaran como algo non natural e, polo tanto, expresión pétrea das divindades.

Conta a lenda que estando un sacerdote rezando no lugar onde se ergue a Pena da Moura viu que esta se abría amosando un fermoso altar de ouro. O crego quedou abraiado mirando para semellante tesouro e decidiuse a entrar na peneda na procura do prezado altar, mais tan pronto deixou o breviario no chan un golpe de ar remexeu as páxinas por onde estaba aberto facendo que a Pena da Moura se pechase de inmediato.

Outra lenda conta que a Pena da Moura foi traída ata alí por unha moura que a levaba na cabeza. Nun momento do seu percorrido a moura colocouna no chan para descansar un anaco. De súpeto comprobou asombrada que a pedra ía medrando cada vez máis ata converterse no enorme bolo granítico que é hoxe. A xente di que o peculiar asento de pedra sobre o que descansa a pena da moura é a rodela que levaba a moura sobre a cabeza para transportar a pedra.

Segundo Antonio Río López, os veciños de Toques teñen a esta peneda por barómetro ou referente da chegada do inverno. O dito “xa chegou o inverno a Pena da Moura” indicaría que o período invernal xa está enriba.

Cando estiven neste lugar, estudando e fotografando a Pena da Moura, puiden observar que ós pes da grande pedra (11 metros de alto), que amosa unha inquedante inclinación, había un floreiro con flores de plástico. Non sei quen levou ata alía aquela peculiar e sintética ofrenda, mais gustaríame pensar que foi alguén en agradecemento á moura por facelo digno dos tesouros e as alfaias que seguramente garda a oca peneda.

©Fotografías propiedade do autor.

NOTA:
Para saber máis sobre o patrimonio de Sobrado dos Monxes e contorna recomendo a lectura do libro: La cultura castreña en Sobrado de los Monjes de Antonio Río López. Editorial Deputación provincial da Coruña. A Coruña, 1986.

Posted on 2 Abril 2011, in 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario