Daily Archives: 20 Setembro 2011

O HOME QUE FALA COAS ÁRBORES

Ás veces, na miña particular peregrinaxe iniciática pola nosa terra, un ten a sorte de toparse con xente dotada dun don especial, dunhas calidades persoais que fan que esas persoas poidan facer cousas que o común dos mortais nin sequera soña con poder chegar a facer algún día. Estas persoas tocadas por ese don, cando se saben posuidoras del e dedican a súa vida ó seu desenvolvemento, acaban converténdose en artistas sublimes, en verdadeiros xenios. Hai unhas semanas tiven a sorte de bater cun destes estraños seres.

A persoa da que hoxe lles falo non so é capaz de traballa-la madeira como se fose o propio mar e o vento senón que tamén posúe a capacidade de falar con ela e, o que é máis importante, de escoitala e coñece-la súa linguaxe segreda.


O Ollo de Larouco


O Oso deitado

Di o amigo Miguel que o Fin García, que así se chama o artista, adquiriu o seu don para falar coa madeira despois de ser iniciado —ós sete anos de idade— nos misterios das árbores e das fragas polos mouros carpinteiros do interior da Pena Boeira, eses que moran por riba da aldea de Gondulfes.

O Trono da Moura

Non sei canto hai de certo nesa poética afirmación, aínda que non son eu quen de dubidar da súa veracidade. Pero o que si sei é que as súas ciclópeas obras de mobiliario so poden estar inspiradas polos espíritos máis poderosos da nosa natureza, por unhas crenzas panteístas e animistas que fan que o Fin descubra, coma se dun “Corpo aberto” se tratase, o espírito que mora en cada cachopa, en cada árbore e en cada anaco de madeira que cae nas súas mans. Este coñecemento da linguaxe segreda das árbores fai que Fin teña que traballar a soas coa madeira, pois tan prezado don non pode ser posto ó alcance dos mortais sen unha preparación previa, sen unha coidadosa e longa iniciación na ancestral arte que el domina a perfección. Ademais, a milagre da comunicación entre o home e a árbore xamais se daría en presenza do profano non iniciado.

Árbores mortas


A madeira comeza a falar

E por iso que Fin García pasa horas e noites enteiras diante desas inmensas cachopas de castiñeiro e de carballo agardando que a madeira lle fale, que eses anacos de árbores, hoxe vencidos polo lume ou secos e doentes, recobren a súa vida grazas o labor alquímico do noso artista.

O laboratorio alquímico de Fin García

Coma se fose un compoñedor de osos Fin traballa a madeira coas súas mans, apalpa cada nó da madeira, cada fenda, cada palmo de madeira buscando ó xeito de darlle vida, ensablando os seus membros, as súas articulacións, as distintas pezas da súa obra sen usar cravo, parafuso ou remache algún. Tan só madeira con madeira, buscando o xeito natural de que cada cousa vaia ó seu debido sitio.


Fin García co seu discípulo

O amigo Fin García é un home modesto, así que non é dado a publicita-lo seu incrible traballo, de feito quen non entre na parte traseira do seu bar xamais podería imaxina-los tesouros que alí agocha.

O Fin nunca expuxo a súa obra, pese a que as súas cadeiras, mesas, bancos e tronos son verdadeiras obras de Nature Art, nin tan sequera lles puxo nome porque como el di, a madeira xa fala como para ter que falar por ela. Máis eu voume permiti-la ousadía e bautizar algunha das súas obras.

O Mouro


O Cíclope


Lume


Axis mundi

O “Bar do Jorge”, nome do peculiar museo onde Fin expón as súas obras, fica na parroquia de Tintores, no concello de Verín, provincia de Ourense, e foi bautizado como o primeiro EECUIG de Galicia, é dicir, o primeiro “Espazo de Expresión Cultural dos Indíxenas Galegos”, como di o Miguel: ” O venerable lugar de reunión dos membros fundadores da SAGA (xa explicaremos que é iso) e onde un volve ser un indíxena atlántico grazas á exposición permanente do mobiliario ciclópeo en madeira do Fin de Tintores, inspirado nos lexendarios reis dos mouros de Galicia.

Así que amigos, agora xa sabedes onde se atopa o fantástico lugar e, como di o anuncio: Gárdasme o segredo?

Bar de Jorge
32600 – Tintores – Orense – Galicia
988412101