SALCEDO E A COPA DA ÚLTIMA CEA

Achego o meu último artigo publicado este domingo 21 no suplemento “Revista” do Diario de Pontevedra.

SALCEDO E A COPA DA ÚLTIMA CEA

 Rafael Quintía Pereira

San Martiño de Salcedo é unha das parroquias pontevedresas máis ricas en patrimonio arqueolóxico e artístico. Boa mostra destes tesouros son os seus cruceiros, monumentos que xa foron obxecto de estudo por parte do ilustre Castelao, como así aparece recollido na súa mítica obra As cruces de pedra na Galiza.

 

Hai un cruceiro en Salcedo que destaca pola súa beleza e riqueza artística. Refírome ó cruceiro do Palacio, unha magnífica obra de estilo barroco, construído orixinalmente no 1802 pero que tivo que ser reconstruído en 1997 despois de que fose esnaquizado polas obras de ampliación da estrada de Vigo.  Hoxe, o cruceiro atópase pasada a Misión Biolóxica e a carón da antiga tabacaleira e da fonte e lavadoiro que alí hai. O seu varal está adobiado por imaxes de virxes e santos pero é a súa cruz o que máis chama a atención, pois xunto ó Cristo crucificado e ós seus pés figura a imaxe de Xosé de Arimatea recollendo nun cáliz o sangue que mana da ferida de lanza que o nazareno presenta no seu costado. Velaí unha representación do Santo Graal, do copo milagreiro que recolleu o sangue do fillo de Deus, o elixir da eterna xuventude buscado por cabaleiros e cazatesouros dende hai case dous mil anos.

Cruceiro do Palacio

Pero non é o único cruceiro de Salcedo onde se representa este bíblico episodio. Existe outro, non dos máis coñecidos pois pola súa localización coido que é privado,  situado no lugar do Pino, ó pasa-lo barrio da Ponte do Couto e xusto a carón da estrada de Vigo. Este segundo cruceiro é unha réplica case exacta do do Palacio, Santo Graal incluído. Pero aínda podemos volver  atopar unha terceira representación do sagrado cáliz. Esta vez cómpre achegarse ó cemiterio parroquial. Alí, sobre o magnífico mausoleo da familia De la Sota, unha escultura de muller alza o Graal cara ó ceo. É esta unha representación escultórica alegórica a unha das tres virtudes teologais: a fe, que adoita representarse como unha muller cos ollos vendados e que suxeita na súa man esquerda unha cruz e na súa man dereita un cáliz. Un cáliz que sempre é o mesmo, a icona  daquel que Cristo utilizou na última cea cos discípulos.

 

Panteón da familia De la Sota

É certo que existen varios cruceiros en Galicia onde aparecen Xosé de Arimatea e Nicodemus descravando e baixando a Cristo da cruz. Esta é unha escena que podemos ver, por exemplo, no famoso cruceiro de Hío. O que xa non é tan frecuente é que se represente o intre da recollida do seu sangue e, xa que logo, da creación da reliquia por excelencia da cristiandade: o Santo Graal, e menos aínda que nunha parroquia cunha decena de cruceiros en dous deles figure representado tan mítico episodio. Seica os canteiros que traballaron en San Martiño tiñan especial predilección pola sagrada reliquia da copa da eucaristía e do sangue de Cristo.

  

Cruceiro do Pino ou barrio do Couto

Moitos foron os que andaron á procura do sagrado cáliz, así como moitos son os lugares da Terra candidatos a albergar tan magnífico tesouro, entre eles a catedral de Valencia, á que chegou en 1437 por mandato do rei Afonso V, O Magnánimo,  despois dun longo periplo dende a súa saída de Roma no ano 258 e o seu posterior traslado a España por orde do Papa Sixto II, ou, cando menos, iso contra a tradición. Os galegos, como non podía ser doutro xeito, témo-lo noso particular Graal, o Santo Graal do Cebreiro. Se ben, este magnífico Graal non sería aquel da última cea no que se recolleu o sangue do Resucitado, senón que tería a súa orixe no famoso milagre acontecido no Cebreiro aló polo século XIV cando durante a eucaristía o viño se converteu en sangue e o pan en carne de Cristo.

 

Santo Graal do Cebreiro

Malia que o sangue de Cristo e o seu máxico e griálico contedor nunca estiveron en Salcedo, cando menos que se saiba, o que si descansa nesta parroquia pontevedresa, coma se dunha verdadeira reliquia se tratase, é o corazón do arcebispo Malvar. O clérigo de Salcedo quixo que o seu corazón repousase para a eternidade na terra que o viu nacer e así foi como en 1795, e cumprindo as súas últimas vontades, o seu corazón foi trasladado dende Compostela ata a igrexa parroquial de San Martiño onde se conserva dentro dunha urna de chumbo que se garda noutra de bronce na Capela Maior do templo. Alí, na parede do lado do Evanxeo xunto á caixa que conten o seu corazón figura a seguinte inscrición:

 

Igrexa de San Martiño de Salcedo

Aquí yace el corazón del Exmo. Señor D. Fray Malvar y Pinto, nació y se bautizó en esta parroquia, tomó el hábito de Nuestro Padre San Francisco de la Menor Observancia, en Salamanca a 5 de marzo de 1747. Fue Doctor y Catedrático de Teología en aquella Universidad. Obispo de Buenos Aires, Arzobispo de Santiago, Caballero, Prelado, Gran Cruz de la Real y distinguida Orden Española de Carlos III. Hizo a sus expensas el camino desde el Puente Valga al de San Payo. Falleció con general sentimiento en su palacio de Santiago a 25 de septiembre de 1795. De edad de 64 años, diez meses y un día. Se trasladó el corazón a este panteón el 17 de octubre del mismo año.

Pazo do arcebispo Malvar

Pero volvamos ó tema do Graal. Contábase, cando menos dende que Chrétien de Troyes o fixera famoso na Europa medieval do século XII coa súa obra Perceval, que o Santo Graal tiña a propiedade de proporcionar alimentos sen límite a todos aqueles que estaban libres de pecado, tamén podía curar tódalas feridas e sanda-los enfermos.  Esta especie de máxica cornucopia e amuleto milagreiro ten o seu paralelo na nosa cultura tradicional en forma de corno da besta unicorne, isto é, o alicorno ou licorno. O alicorno é o amuleto máis poderoso da medicina popular galega, e podo dar boa fe diso pois ó seu estudo adiquei seis anos. O licorno cura tódolos males da pel, especialmente a pezoña, protexe da acción do maligno, purifica as augas e incluso hai quen xura que fai milagres.

 

Alicornio ou corno de unicornio

Non dirán que non é un verdadeiro Santo Graal e, ademais, deses alicornos si que temos en Salcedo. e en Marcón, e en Tomeza, e en Mourente, e en Xeve e en case tódalas parroquias do concello de Pontevedra. Uns amuletos sandadores que aínda están activos nas nosas parroquias pontevedresa, e cuxo uso se estende ó tratamento de todas aquelas doenzas cutáneas que “non son de médico”, especialmente o mal da pezoña. Así que, malia a que o cáliz da última cea non recalou na parroquia pontevedresa de San Martiño, por moito que o teñamos representado nos nosos cruceiros, non debemos por iso entristecernos, pois témo-la santa reliquia do corazón do arcebispo Malvar e o noso máis potente e milagreiro obxecto de poder: o alicorno e iso si que é un tesouro digno de conservar e protexer, tanto como os cruceiros e toda a nosa cultura tradicional.

O autor no mosteiro de San Juan de la Peña (Aragón) , xunto á réplica do Santo Graal de Valencia 

Posted on 7 Outubro 2012, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 02. ARQUEOLOXÍA E HISTORIA, 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS, 10. SAN MARTIÑO DE SALCEDO. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario