O UNICORNIO DE SANTA MARÍA

ARTIGO PUBLICADO O DOMINGO 17 DE MARZO NO SUPLEMENTO “A REVISTA” DO DIARIO DE PONTEVEDRA

Páginas desde17032013revista_3

DESCARGA-LO ARTIGO:

17032013revista_3 10

O UNICORNIO DE SANTA MARÍA

 Rafael Quintía

O unicornio, ó igual co dragón, é un dos poucos animais míticos que poderiamos considerar de carácter case universal. A súa figura está presente na mitoloxía popular de Europa, Asia, África e América, de aí que atopemos diferentes descricións  físicas do unicornio segundo as latitudes. Na Idade Media, e posteriormente no Renacemento, o unicornio adquiriu en Europa unha grande fama, dotándoo a lírica dunha gran beleza, maxestosidade e nobreza que fixo que se distanciase da idea que se tiña deste animal na antigüidade. Froito desta popularidade xurdiu a descrición máis estereotipada e coñecida por todos nós, isto é, un animal con aparencia de cabalo branco —ás veces con corpo de cabra ou cervo— e cun corno recto e espiralado na metade da fronte.

 702px-Historiae_animalium_1551_De_Monocerote

As primeiras referencias sobre a criatura unicorne veñen do historiador e médico grego Ctesias de Cnido, no século V a.C., pero outros autores como Aristóteles,  Megasthenes, Heródoto de Haliparnaso ou Plinio o Vello tamén o mencionan nos seus escritos. Pero a fama e importancia deste animal débese, sobre todo, ós supostos poderes e a maxia do seu apéndice corneo. Dende tempos pretéritos vénse empregando na medicina distintas substancias, compostos e preparados co ánimo de manter e preserva-la saúde ou de potencia-la xuventude e o vigor físico e mental. Os Bezoares, o marfil,  a Terra Sigillatta, ou a  Triaca, entre outros foron intensamente usados para preservar e contrarresta-la acción dos velenos e sandar todo tipo de envelenamento. De entre todos estes preparados o corno de unicornio salientou polas súas virtudes de antídoto universal e incluso ó emperador Filipe II, na súa agonía final no mosteiro do Escorial, foille administrado pó de suposto corno de unicornio.

278px-Weltliche_Schatzkammer_Wienb

Non se sabe a ciencia certa cando entrou o mito do unicornio en España e, por extensión, en Galicia. Para algúns investigadores este viría da man dos musulmáns, que xa falaban do unicornio e ademais dominaban a medicina europea dende o século XIII. Tamén cabe a posibilidade de que a crenza sobre o unicornio árabe fose achegada polos cruzados que foron a Terra Santa, nesta liña poderiamos citar que no “Alexandre” de Wolfram von Eschembach xa se fala dos poderes terapéuticos do corno e do carbúnculo. Pero eu inclínome a pensar que a entrada do mito do unicornio en Galicia prodúcese de xeito parello á entrada do cristianismo. E isto débese principalmente  a un  feito histórico fundamental na transmisión do mito do unicornio: a súa introdución na Biblia a raíz da elaboración na Alexandría do século III a.C. da Biblia dos Setenta e da errada tradución de Re´em  por Monokeros (unicornio). Os tradutores posteriores da Biblia, seguidores da versión dos Setenta, traduciron monoceros ás súas respectivas linguas contribuíndo deste xeito á propagación do mito por toda Europa. Á influencia que tivo a Biblia únese a importancia que adquiriu na cristiandade o famoso libro redactado  entre o século II e IV coñecido como “Physiologus” ou “Fisiólogo Grego”. Libro que deu orixe a tódolos bestiarios medievais e que contribuíu decisivamente a fixar na mentalidade popular a peculiar relación entre o unicornio e as virxes, e a populariza-lo marabilloso poder curativo do seu corno. Incluso autores como San Isidoro de Sevilla se fixeron eco do unicornio nas súas obras, pasando entón a ser representado en debuxos, tapices,  capiteis, etc. No pulo dado á crenza nesta mítica criatura non podemos esquece-la  importancia que tiveron os comerciantes portugueses que traían da India os bezoares, os cornos de rinoceronte ou as pedras da serpe, todos eles potentes antídotos que proviñan da zona xeográfica onde posiblemente se orixinase a lenda do unicornio.

396px-RochesterBestiaryFolio021rMonoceros

Se ben o unicornio é unha criatura de escasa representación no Románico, si é posible atopalo nalgúns templos ó longo do Camiño de Santiago —sobre todo en Burgos— representando e simbolizando a pureza e a virxindade. En Galicia é moi difícil atopa-la súa estama decorando igrexas ou ermidas. Malia iso, os que vivimos en Pontevedra e nos gustan estas vellas historias témo-la sorte de poder gozar dunha das escasísimas —de feito é a única que coñezo— representacións do unicornio, refírome ó baixo relevo da dama e o unicornio que adobía o interior da porta principal da basílica de Santa María, velaí está o máxico unicornio deitando a súa cabeza sobre o colo dunha dama, nunha iconografía que nos lembra a aquilo que dicía del o “Fisiólogo Grego”: El é un animal pequeno, como un neno, pero sorprendentemente feroz para o seu tamaño, cun corno moi afiado na súa cabeza, e ningún cazador pode collelo pola forza. Hai un truco que se utiliza aínda para atrapalo e é este: Os homes levan unha virxe ó lugar onde el vive e déixana soa alí. En canto o unicornio vexa esta virxe, caerá prendado da súa beleza, correrá ata ela e porá a cabeza no seu colo. Ela mímao e el dorme. Os cazadores  achéganse entón,  captúrano e  lévano ó palacio do rei.

santa maría

Pero que fai un unicornio representado na basílica de Santa María? A resposta é doada pois a imaxe do unicornio foi adoptada pola cristianismo e así, no século II con Tertuliano, a besta convértese nun símbolo de Cristo. Dise entón que o unicornio, pola súa pureza, representa a Cristo e o seu corno representa á cruz. No Concilio de Nicea (ano 385) o corno de unicornio pasou a interpretarse como símbolo da unidade divina representando a unión de Cristo con Deus, do fillo co pai. A incapacidade do cazador para subxugalo sería o recordatorio de que a vontade do Mesías non está suxeita a ningunha autoridade terreal e a estatura pequena do animal é un sinal da humildade de Cristo. As representacións medievais que amosan a caza do unicornio son tamén alegorías que representan a paixón de Cristo ou a súa morte, onde o unicornio é Cristo, a doncela a Virxe María, o peito simbolizaría a Igrexa, o bico da rapaza a paz e o soño do unicornio a morte.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Por todo isto, se quixo deixa-la pegada do unicornio no templo máis grandioso da nosa cidade, unha imaxe en pedra da besta fabulosa xunto a esa virxe —a Virxe María— que o atrae e reconforta. Agora xa saben onde se agocha a mítica criatura unicorne e o que ela significa, así que se queren ter un encontro cara a cara co misterio e a lenda visiten a basílica de Santa María, alí agárdalles na penumbra do templo o máxico unicornio.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: