• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,200 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

A SEÑORA DE ANBOTO E OUTRAS LEMBRANZAS DE EUSKADI

Unha vez pasado o parón estival cómpre xa retomar as crónicas do blog e desta volta farémolo desprazándonos a unha terra pola que teño grande afecto e respecto: Euskadi. Ao País Vasco úneme un estreito vínculo familiar, pois a miña avoa é vasca e malia que eu non teña sangue vasco a miña avoa si, e iso fai que eu tamén me sinta un pouco daquela terra.

DSC_2569

Xa dende neno teño escoitado á miña avoa contar historias sobre a súa terra. Lembro, por exemplo, que nos cantaba un canto de arrolar ou de berce que dicía algo así como:

Lili lilo lué

Erremombolué

Erremonen alaba

Liona trokué

Desculpen a transcrición fonética pero o meu euskera é nulo, así que escribo as palabras como eu as cantaba. Ela foi tamén quen me ensinou hai xa máis de 30 anos a coller cogomelos cando nas Rías Baixas apenas había catro afeccionados a coller pan de serpe. Recordo que cando íamos ao campo e atopabamos un rei rei dicíanos que había que collelo na palma da man e para que non chovese e fixese bo tempo había que cantarlle á xoaniña:

Marigona gorri

Euritxe aterri

Aterri, aterri

O alaterri

(Transcripción fonética de andar por casa)

49751475

A miña avoa é euskaldun zahar (ten o euskera por lingua materna), aprendeu castelán aos 16 anos e conta que cando de moza ía a Bilbo (Bilbao) os urbanitas aculturizados da capital de Bizkaia (Vizcaya) ríanse dela por falar en euskera. Sóalles o conto, non si? A diferenza con Galicia e que agora ninguén ten valor en Bilbao para rirse dun vasco por falar na súa terra a súa propia lingua, cousa que no lar galaico acontece todos os días. Malia aquela discriminación que sufría de moza ela está fondamente orgullosa da súa identidade, da súa lingua, a variante do euskera que falaba hai 80 anos en Markina e que conserva como un fósil vivinte tras máis de 60 anos fóra da súa terra. A lingua que, segundo lles contaba o crego da aldea, era a que falara Xesús Cristo. Ese isolacionismo lingüístico ten un inconvinte pois, malia que cando vai ver á familia ao caserío enténdense perfectamente no seu euskera, di que agora cando le un libro en euskera batua (lingua normativa) hai moitas cousas que non comprende. Como non, a miña avoa tamén está moi orgullosa dos seus 16 apelidos vascos. Si, escoitaron ben, non 8 como na famosa película senón 16. Oito apelidos por liña materna e oito por liña paterna. A ver dos que me lembro: Celaya, Zuazo, Artamendi, Kareaga, Unionavarretxea, Azbitarte, Oranguren, Barretxea e así ata 16.

isabel

A miña avoa de moza

Falando da importancia e do valor da palabra dada, explicábame a miña avoa que cando na súa terra se quería pechar un trato ou outorgar unha herdanza, acudían ao abeiro da árbore de Guernika, porque os tratos feitos á sombra da sagrada árbore eran palabra de lei e a man dada baixo a árbore tiña rango de contrato legal.

El_Arbol_Viejo_de_Gernika

Vella árbore de Guernika

(Autor: Tony Blasco. Fonte: https://commons.wikimedia.org/)

 

Tamén me fixo partícipe dos seus costumes. Entre as tradicións que me contaba estaba a do pan de Noite Boa. Era costume no seu caserío —que, dito sexa de paso, data do século XVI— cocer pan (ogitxe) cada 8 ou 10 días. A principio de ano, cortaban o corrosco dun dos bolos de pan e gardábano na cómoda. Pasado o ano, e chegada a noite de Noiteboa, collían ese anaco de pan —que, curiosamente, se conservaba en perfecto estado e sen signos de putrefacción— e facían un caldo de repolo no que introducían o corrosco e despois todos comían dese caldo.

VLUU L100, M100 / Samsung L100, M100

Entre os recursos protectores do etxe —a casa— estaba o de colocar a carón da porta cando ameazaba tormenta un machado co gume cara ao ceo para protexerse do raio. Tamén era frecuente a adobiar as portas da casa coa flor do cardo silvestre —o eguzkilore—, símbolo solar e poderoso amuleto protector contra os malos espíritos. Non faltaban tampouco as cruces, medallas e imaxes de santos e virxes.

VLUU L100, M100 / Samsung L100, M100

Pero o que máis espertaba a miña imaxinación eran as historias que contaba do seu pai no tempo en que fora pastor vasco nas montañas Rochosas de EEUU. Naquel primeiro cuarto de século XX —e xa dende mediados do 1800— moitos foron os vascos que marcharon a Norteamérica para traballar como pastores naquelas esgrevias cordilleiras que tanto lles lembraban aos Pireneos. A comunidade vasca en Estados Unidos ten fondo raizame, incluso National Geographic adicoulle en xuño do ano 1966 unha reportaxe a estes pastores vascos en Norteamérica.

escanear0001

Causalidades jünguianas da vida fixeron que unha desas revistas que me traían meu pai das súas viaxes polo mundo cando eu aínda era un neno fose precisamente ese exemplar de National Geographic do ano 1966. Se ben é coñecido o traballo dos mariñeiros vascos nas costas e Canadá a historia dos pastores vascos en EEUU non é algo moi divulgado malia que a súa pegada aínda é visible nos cumios das montañas en forma de Harri Mutilak, esas construcións cónicas de pedras apiladas que nós chamamos mariolas, estantes, santiños ou homes mortos.

escanear0002escanear0003

Segundo contaba a miña avoa, o seu pai —alcumado Sansón pola corpulencia e forza que tiña— entre moitas outras aventuras coidando o rabaño foi quen de loitar corpo a corpo cun oso grizzly, tan abondosos na zona. Poden imaxinar quen gañou sendo Sansón un vasco de Markina de 1.80 m de alto e outro tanto de ancho. Poden imaxinar tamén como voaba a miña imaxinación cando vía a mítica serie dos 70 Grizzly Adams e lembraba as aventuras de Sansón nas montañas Rochosas.

 913cGK3qpOL._SL1500_

Agora, eu máis vello e curtido pero co mesmo interese e fascinación que de neno, adobiado por certa deformación profesional, sempre que teño ocasión pregúntolle á miña avoa polas cousas da súa terra e da súa cultura que, dalgún xeito, tamén sinto como algo meu, non por nada (segundo confesaron meus pais) eu fun enxendadro en Bilbo. Ao fin e ao cabo todos vivimos ao outro lado do Muro de Xeo. Así que voulles contar a última historia que ela me contou para que, deste xeito, non se rompa a cadea de transmisión oral —máis ben virtual— do rico patrimonio inmaterial de Euskadi.

VLUU L100, M100 / Samsung L100, M100

A lenda da Señora de Amboto

Segundo conta a miña avoa, a Señora de Anboto (ou Amboto) pagaba mal aos obreiros que traballaban para ela, aproveitábase deles e iso fixo que se condenase. Din que aqueles condenados que non cabían no Inferno mandábannos ao monte de Babilonia e andaban errantes como espíritos ausentes. Así que, segundo a tradición, a Sra. de Amboto xa convertida nunha sorte de alma en pena saía voando dende un monte da zona e dirixíase cara a cova de Santa Eufemia, en Markina. Conta miña avoa que a súa nai foi un día ao prado a recoller ás ovellas a iso do solpor e viu pasar polo cea á Sra. de Amboto botando lume pola boca. Cruzou por riba dela, coma unha nube, e viu como marchaba refuxiarse á cova de Santa Eufemia.

 santa-eufemi-22-300x225Cova de Santa Eufemia.

(Fonte:http://sustraiaknatura.com)

A cova de Santa Eufemia, tamén coñecida como cova-sima de Gabaro, atópase no monte Bedartzandi, entre os vales de Aulesti e o val Markina-Xemein, e é unha das covas máis grandes de Bizkaia. O monte Amboto (Anboto en euskera) forman parte del Parque Natural de Urkiola e,  cos seus 1.331 msnm., é unha das montañas máis relevantes do País Vasco, tanto no aspecto xeográfico como cultural e simbólico, pois alí se atopa, segundo a tradición, a morada principal de Mari.

 monte anbotoMonte Anboto.

(Fonte: http://tusfotos.elcorreo.com)

No é a única lenda que me contou de misteriosas personaxes condenadas polo seus actos. Tamén se conta que un cura en Mallabia, que ademais de crego era gran cazador, estaba un día dando misa e no momento da comuñón chegaron uns cans ouveando por diante da igrexa así que decidiu interromper o sacramento e botando man da escopeta marchou con eles de caza. Nunca tal fixese, dende aquel momento o crego condenouse pola eternidade e nunca máis se lle volveu ver pola aldea. Din que, ás veces, cando chegaba a noite escóitanse os cans ladrar acercándose a un e podes sentilos pasar ao teu carón pero non podes velos. Adoitaban pasar xunto ao río e malia sentir os seus pasos correndo, a súa terrible presenza á túa beira e o seu arrepiante ouvear nunca conseguías ver nada. Indagando sobre o conto que lle escoitei á miña avoa, descubrín que esta lenda —coa variante da lebre que aparece na misa ocasionado a fuxida do crego— é coñecida noutras zonas de Euskadi como a lenda de Mateo Txistu e que incluso o grande antropólogo J. M. Bariandarian no seu “Diccionario de mitología vasca” di que:

Ésta es la leyenda del cazador que, en castigo a su afición desordenada, corre sin tregua ni reposo por todo el mundo, acompañado de sus perros, formando parte del inmenso ciclo de cazas aéreas y nocturnas que figuran en los relatos míticos.

 1212480554_fMateo Txistu.

(Fonte: http://leiaa-cuentameuncuento.blogspot.com.es)

Pero volvamos a lenda da Señora de Anboto. Xa no 1510 o eclesiástico e humanista don Pedro Fernández de Villegas escribiu nestes termos sobre o misterioso e sagrado monte de Anboto:

Y en las montañas y provincias de Vizcaya, de otros que llaman de la sierra de Amboto que tenían diabólicos errores[…] En los cuales tratos también se entremeten, y mucho, unas falsas mujeres hechiceras que llamamos brujas y sorguiñas, las cuales hacen hechizos y maldades, tienen sus pláticas y tratos con los demonios […] En los procesos que se hicieron contra aquellos de la sierra de Amboto, se dice y confiesa por muchas personas haber visto al diablo y hablándole, a veces en figura de cabrón, otras veces en figura de mulo grande y hermoso […] y dicen éstas que se reconciliaron y confesaron su error, que si algunas veces aparecía el diablo en figura de hombre, siempre traía alguna señal que demostraba su maldad, como un cuerno en la cabeza o en la frente, o algunos dientes de fuera que se salían fuera de la boca, o cosa semejante.

 VLUU L100, M100 / Samsung L100, M100

Pero o que non me explicou a miña avoa é que a Señora de Anboto, tamén chamada Dama de Anboto, non é outra que un alter-ego da Mari, a divindade feminina máis importante da mitoloxía vasca. Mari personifica a nai terra, a deusa da natureza, xestiona as forzas climáticas e os meteoros e dela veñen os bens da terra e as augas dos mananciais. Dise que se presenta en forma e muller elegantemente vestida, que ás veces aparece a carón das súas covas peiteando os seus loiros cabelos cun pente de ouro pero tamén —como a Señora de Anboto— pode aparecerse voando como unha muller envolta en lume e arrastrando nubes.

 tumblr_inline_mwctwbNQZx1spdqtbMari.

(Fonte: http://mitologiavasca.tumblr.com)

De Mari dise que ten a súa morada na Mariren Koba (Cova de Mari) do monte Anboto pero como cada sete anos cambia de fogar tamén adoita atopar acubillo nos cumios do Oiz, do Aketegi, do Murumendi, do Txindoki, do Mugarra, do Aizkorri ou do Aralar.

Mari pode axudar a quen cre nela e, ás veces, fai de oráculo pero tamén pode castigar a quen minte ou rouba. Mari pode presentarse de forma dócil e seducir e namorar os homes pero pode tamén comportarse de xeito tiránico con eles e incluso beber a súa vida. En todo caso, a súa imaxe pode variar segundo a zona xeográfica de Euskadi, como tamén cambian as lendas que falan da súa orixe.

 DSC_2335

Unha lenda narra que Mari casou cun mortal de Beasain. O home quería bautizar os seus fillos pero como ela non era cristiá negouse e desapareceu envolta en lapas para fuxir cara as penas de Murumendi mentres berraba “os meus fillos para o ceo e eu para agora para Muru”. Outras lendas falan dunha orixe diferente, por exemplo, aquela que conta a historia dunha familia sen descendencia cuxa muller desexaba con todas as súas forzas ter un fillo malia que aos vinte anos tivese que ser levado polo demo. A moza quedou finalmente embarazada dunha fermosa nena e cando a filla xa ía cumprir os vinte anos a súa nai encerrouna nunha caixa de cristal que vixiaba noite e día. Mais o mesmo día en que a moza estaba de 20 aniversario o demo presentouse e, rompendo a caixa, levouna consigo para o cumio do monte Anboto, onde habita dende aquela. Outras veces fálase dunha rapaza que ficou cautiva de Mari a causa dunha maldición que lle botou a súa nai, dunha mala fada, como se di en Galicia cando se fala da conversión dos lobishomes.

????????????????????????????????????

Como ven, Mari presente grandes similitudes co mito da nosa moura galega, reminiscencia mitificada dunha antiga deidade vencellada á natureza, a vida e o destino. Vemos, xa que logo, que aquí como alá se contan historias de fascinantes seres míticos, de ánimas, aparecidos e estrañas criaturas que vagan ao amparo da escuridade da noite. Son lendas que conteñen a cosmovisión e as ideas morais do pobo que as constrúe pero non me digan que, como acontece coa versión da lenda da Señora de Amboto que me contou a miña avoa, sancionar coa condena eterna a vulneración dos dereitos dos traballadores non é un método marabilloso de garantir o respecto e a permanencia dos dereitos laborais conqueridos en máis dun século de loita obreira. É que, ás veces, unha lenda e a cultura poden facer máis polo proletariado ca un mal sindicato. Quizais por iso, e pola Señora de Anboto, en Euskadi teñen o nivel de vida e as condicións laborais que teñen.

CAM03031

 

Artigo dedicado á miña avoa Isabel Celaya Zuazo. Eskerrik Asko, avoa.

Advertisements

2 Respostas

  1. Mui boa entrada onde se nota o toque familiar do cariño.
    Aprendín muito desa terra basca que tanto me gusta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: