PUBLÍCASE “ALBIÓN GALAICA. UNHA VIAXE POLAS ANTIGÜIDADES E TRADICIÓNS DE GALES E INGLATERRA”
Sempre é un pracer dar a benvida a un novo libro que nos achegue ao mundo da arqueoloxía e a cultura dos pobos que tanto nos gusta. Pero se ese libro está escrito por un bo amigo e, ademais, un ten a honra de prologalo e achegar un par de capítulos esa satisfacción aínda é moito maior. Presentamos o primeiro traballo monográfico do amigo e compañeiro da Sociedade Antropolóxica Galega Miguel Losada. Un libro onde recolle as nosas experiencias, vivencias e conclusións xeneradas naquela viaxe de investigación que fixemos a Inglaterra e Gales no inverno do 2013. Certamente estamos ante un libro ameno, rogoroso, enormemente divulgativo e cheo de contidos interesantes que seguro serán do agrado de todos aqueles que gostan da historia e a antropoloxía. Tan só me quedan darlles os parabéns a Miguel polo traballo ben feito e desexar que o libro teña unha longa vida e percorrido, polo menos tan longo como o que nós fixemos polas vellas terras e historias de Albión.
Deixo a continuación a ficha técnica e o prólogo do libro.
Datos técnicos:
Autor: Miguel Losada
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: Branco e negro
Tamaño:20.5×15
314 páxinas
Ano: 2015
I.S.B.N.: 978- 84-16121-34-2
PRÓLOGO
Presentar esta nova publicación da Sociedade Antropolóxica Galega é para min un dobre pracer. Primeiro, porque supón pórlle o ramo ao primeiro libro que publica o compañeiro e amigo Miguel Losada, e iso sempre é de celebrar, sobre todo cando, coñecendo os numerosos artigos que xa leva escrito Miguel, a calidade do texto que aquí se achega está garantida. En segundo lugar, supón un enorme pracer prologar este traballo porque a través da súa lectura puiden rememorar unha viaxe de investigación que fixemos os dous xuntos. Unha marabillosa romaxe polos solares máis antigos de Gran Bretaña na procura daquelo que nos une, daqueles antergos vencellos do que un día foi unha cultura atlántica compartida.
Como aqueles míticos Milesianos que partiron das costas de Brigantia rumbo ás illas para levar a súa cultura, como aquelas poboacións prehistóricas que, segundo os estudos xenéticos, partindo de Galicia e do noroeste peninsular poboaron Gran Bretaña e Irlanda, o compañeiro Miguel e eu voamos dende A Coruña cara ás Illas Británicas nunha viaxe que, seguindo o impulso dos nosos devanceiros, nos levou a percorrer e investigar parte do fantástico legado arqueolóxico de Gales e Inglaterra. De aí o título: Albión Galaico.
Miguel Losada ofrece neste súa ópera prima un libro que mestura maxistralmente o estilo dos libros de viaxes, cos traballos de divulgación histórica e cun auténtico caderno de campo antropolóxico. É pois, este, un libro poliédrico, de diferentes niveis de lectura e fondura. Unha obra, como acontece cos mitos, para ler vertical e transversalmente e no que o lector interesado poderá descubrir antigos mitos británicos, monumentais castros perdidos nos cumios nevados de Gales, círculos líticos rodeados de lendas, túmulos colosais que arremedan úteros telúrico, os segredos de Stonehenge, magníficas catedrais, ritos ancestrais e ducias de historias máis que a fluída prosa de Miguel vai debullando ao longo do presente libro. En definitiva, relatos de moitos espazos comúns entre o noso pasado e a nosa cultura e o pasado, historia e cultura do que hoxe é Gran Bretaña.
Pero se este libro permitiume viaxar de novo coa imaxinación e a vívida lembranza á vella Albión, a monografía de Miguel Losada ofreceume, ademais, a posibilidade de achegar algúns capítulos coa miña particular descrición dalgunha desas semellanzas culturais estudadas naquela viaxe.
Remato xa para que o lector impaciente poda dar conta das páxinas deste libro e descubrir os seus valiosos contidos. Non me queda máis que felicitar o autor por este traballo e a animalo a que siga contando, deste xeito que o fai, todo aquilo que ve e merece ser contado. E se podemos seguir véndoo e contándoo xuntos moito mellor.
Comecemos xuntos, pois, a viaxe de regreso á vella Albión.
Por Rafael Quintía
Posted on 16 Outubro 2015, in 09. NOVAS. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
Me interesa comprar este libro. Como se puede hacer?
Saludos
Boas Xavi, podes facelo a través da SAGA, Sociedade Antropolóxica Galega, escribindo a infosga@antropoloxiagalega.org