OS TRUBINCOS, UNS TRASNOS GALEGOS PROPIOS DO NADAL

En moitos sistemas mitolóxicos europeos existen máxicas figuras lendarias propias deste tempo de Nadal. De todos é coñecida a sobreexplotada e estendida figura escandinava de Papá Noel, Pai Natal ou Santa Klaus. Pero moitas culturas europeas tiñan os seus propios equivalentes a esta bondadosa personaxe que trae regalos aos nenos na noite de Noite Boa. Hoxe en día é moi popular en Euskadi a figura do Olentzero e en Galicia cada día colle máis pulo a figura do Apalpador, recuperada hai case unha década pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel a raíz dun excelente traballo de investigación de  José André Lôpez Gonçâlez. Cómpre dicir que o Apalpador coñécese en Terra de Trives co nome do Pandigueiro, como ben recolleu e documentou o amigo e investigador da SAGA Miguel Losada.

Moitas destas figuras propias do ciclos festivo da invernía acabarían sendo asimiladas polo cristianismo e sincretizadas baixo figura do bispo cristián Nicolás (san Nicolás de Bari), que viviu en Anatolia alá polo século IV.

Old_Father_Christmas_Image

O vello Papá Noel, ilustración de 1855. Fonte: imaxes libres da wikipedia

Pero carboeiros, santos, magos ou homes bondadosas que agasallan aos nenos con galanos non son as únicas personaxes míticas que aparecen neste tempo do ano. Tamén determinados trasnos fan acto de presenza neste tempo do solsticio de inverno. Por exemplo, polo Aninovo o Demo Asubiador fai ato de presenza no val do río Tomeza (Pontevedra e Vilaboa) e na pontevedresa parroquia de Salcedo agárdanos na Noite Boa outra misteriosa criatura da que falaremos a continuación.

En Salcedo atopamos unha particular variedade de trasno que vén facer fincapé na riqueza que ten Galicia en seres míticos e, como non, en seres míticos asociados ao Nadal. Refírome aos Trubincos, e deles faloume hai xa uns anos o Sr. Juan Piñeiro, do lugar da Cancela. Os trasnos son uns seres míticos cuxo entretemento principal é causar na casa desordes, enredos e outras trasnadas. Os trasnos fan ruídos nocturnos, molestan, agachan as cousas, sementan confusión e non deixan durmir. Pero os Trubincos son unha caste de trasnos propios do Nadal. Estas criaturas amigas do enredo e de remexer as cousa, baixan pola cheminea na noite de Noiteboa e se na casa non se teñen preparadas unhas piñas con brea para darlles como agasallo fanche trasnadas e revólvenche todo no fogar.

trubincos

Os Trubincos. Debuxo de Francisco Sutil

Vemos que estes trubincos non son só unha mera variante dos trasnos senón que teñen unhas especiais connotacións dadas pola súa presenza vinculada a unhas datas do ano tan significativas como é o Nadal e, posiblemente, tamén relacionadas co lume, pois as piñas son combustible excelente para prender o lume, como é ben sabido. Non debemos esquecer que é nestas datas de escuridade, momento no que o Sol acada a súa mínima potencia, cando empezan xurdir os ritos ígneos —como os fachóns, o tizón de Nadal ou o rito de alumear o pan— co aquel simbólico de axudar o Sol no seu renacer anual. É a partir do 21 de decembro, solsticio de inverno, cando o Sol esperta do seu letargo e comezan a medrar os días grazas á anovada forza solar. Comeza, polo tanto, o lento proceso de renacemento da luz e do Sol, un renacer que co paso dos meses e as celebracións das festas do ciclo de inverno rematará coa chegada da primavera e a explosión de vida e fecundidade. Estamos, xa que logo, no tempo de axudar o astro rei no seu anual proceso de rexeneración, é o momento de acender o lume novo, de alumear o pan nos campos, de correr cos fachóns e, como non, de agasallar aos Trubincos con boas piñas cargadas de brea para que ardan ben e alumen mellor neste tempo de escuridade e de tebras.

Máis información sobre este e outros mitos no meu libro  Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo

 

Posted on 26 Decembro 2015, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS, 10. SAN MARTIÑO DE SALCEDO. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. Curioso o dos Trubincos. Non deixo de aprender co teu blogo.
    Feliz 2016 !.

  1. Pingback: xaneiro 2016 « Asegurándome de non perder

Deixar un comentario