A LAVANDEIRA. MENSAXEIRA DA MORTE NO FOLCLORE CELTA

Existe unha figura que aparece recorrentemente no folclore dos países celtas. Referímonos á que se coñece en Galicia como a Lavandeira, ese ser féerico con fasquía de muller de idade, face engurrada, cabelo branco e mirada sombría que acostuma aparecérselles ós camiñantes de noite, lavando a roupa nos lavadoiros ou á beira dos ríos. As lavandeiras demandan axuda do camiñante para enxuga-la roupa. De aceptarmos, cómpre sempre torce-las pezas no sentido contrario a como elas retorcen. De non facelo así a desgraza caerá sobre o camiñante incauto.

No ano 1904, o escritor pontevedrés Vítor Said Armesto, no seu traballo de recolleita de romances populares, escoitou de Lucía Domínguez, mendiga cerdedense de 68 anos, os seguintes versos:

Era unha noite de lúa,
era unha noite clara.
Eu pasaba polo río
de volta da muiñada.

Topei unha lavandeira
que lavaba ao par da auga.
Ela lavaba no río
e unha cantiga cantaba:

—Moza que vés do muíño,
moza que vas pola estrada,
axúdame a retorcer
a miña saba lavada.

—Santa María te axude,
e San Lourenzo te valla!
Desaparece a lavandeira
como fumeira espallada;

Onde as sabas tendera
poza de sangue deixaba.
Era unha noite de lúa,
era unha noite clara.

O fermosos romance popular, musicado nos 70 por Fuxan os ventos, reflicte claramente a crenza nestas criaturas. Dise que as lavandeiras lavan a roupa ensanguentada dos que van morrer, á vez que emiten laios e altas e desagradables voces. Son criaturas que presaxian a morte, quizais reminiscencia das antigas deidades da morte ou do aspecto máis sombrío da deusa da Soberanía.

No folclore irlandés atopamos unha figura similar ás nosas lavandeiras nas washer-woman at the ford (lavandeiras do vao) e tamén nas banshee, esas mulleres sobrenaturais que profetizaban a morte, pois toparse con elas ou escoita-lo seu triste ouvear non é augurio de boas novas. Ás veces aparécense en forma de lavandeiras que refregan a roupa manchada de sangue. A banshee pode aparecer con tres aspectos diferenciados, ben como unha muller nova e fermosa, ben como unha impoñente señora, ben como unha vella farrapeira. Estes tres aspectos representarían os tres aspectos que toman as deusas celtas da guerra e da morte, pero tamén se aparecen frecuentemente baixo a forma dalgúns animais, como o corvo, o armiño, a lebre ou a donicela. Na saga irlandesa de Cú Chulainn, o druída Cahtbat advírtelle antes de que entre en combate na que sería a súa derradeira batalla: Non marches á batalla, non ves que hai unha lavandeira no río?, morrerás, ó que Cú Chulainn responde: Que me importa que unha dos sihd (seres do Outro Mundo) estea lavando roupa ensanguentada por min? Que me importa a morte? Esta lavandeira que atopou Cú Chulainn sería a deusa Badb —unha das compoñentes do trío formado polas deusas Morrigan, Badb e Macha— que se lle aparece co aspecto exterior dunha fermosa rapaza que lava as súas ensanguentadas roupas, armas e armaduras á beira dun río mentres lanza penosos berros. Estes laios son o augurio da morte do heroe irlandés. É por iso que algúns investigadores queren ver na figura deste mitolóxico ser características da céltica deidade da guerra.


Cuchulainn carregando con Ferdiad a través do río. Autor E. Wallcousins, da obra Celtic Myths and Legends Chrales Squire (1905). Fonte: wikipedia.org

As nosas lavandeiras teñen tamén o seu equivalente escocés nas nigheadaireachd ou bean nighe, que lavan as ensanguentadas roupas dun veciño próximo á morte. Outra figura similar sería a cadineagh, a quen se lle adoita escoitar na escuridade da noite xemendo e laiándose ó carón dunha fervenza xustamente antes de que aconteza unha desgraza. En Gales, estas lavandeiras son coñecidas co nome de cyhyraeth. Na tradición oral de Bretaña tamén aparecen estas misteriosas mulleres que, condenadas a lavar eternamente a roupa polos pecados que cometeron en vida, suplícanlles ós camiñantes que lles axuden a retorce-la roupa e se estes o fan no sentido que elas indican, morrerán afogados.

A lavandeira, como acabamos de ver, é unha figura mitolóxica presente no folclore de tódolos países do Atlántico celta, e en Galicia a súa presenza cobra grande relevancia, como testemuñan as nosas lendas e o romanceiro e cantigueiro tradicional.

Unha vez un boa amigo, nada dado a fantasiar nin a crer en “cousas raras”, contoume que unha noite, xa entrada a madrugada, volvía camiñando a casa por un deses retortos camiños que cruzan as nosas parroquias cando ó pasar a carón dun vello lavadoiro escoitou unha voz de muller cantando e o inconfundible son de alguén a lavar, ese intermitente e seco ruído que produce a roupa ó torcela e ó batela contra a pedra de lavar acompañada polo murmurio do correr da auga. O meu amigo parou o seu camiñar e, sorprendido, ficou un intre escoitando a tenue letanía da misteriosa muller que acompasaba o seu cántico con son da roupa mollada. De súpeto, un mecanismo atávico de protección saltou no seu interior e como si dun resorte do noso subconsciente se tratase abrollaron no seu maxín as antigas historias de Lavandeiras, ánimas e aparecidos mil veces escoitadas por todos aqueles que tiveron a sorte de criarse con vellos que aínda tiñan algo que contar e alguén que escoitar. Así que, facendo caso omiso o innato espírito de curiosidade humana, saíu correndo (“alabrando”, din na miña parroquia) para a casa sen volver a vista atrás e sen querer crer o que o seu cerebro cultural lle quería facer crer. E deste xeito foi como o meu ben querido amigo quedou sen a posibilidade de coñece-la verdade sobre a misteriosa lavandeira que lavaba un sábado ás dúas da mañá nun solitario lavadoiro rural, mais coa seguridade de saír indemne de tal desacougante encontro e de poder contarme a historia que agora eu lles conto. Así que se algún día camiñando por algún dos nosos bosques, ríos ou solitarios camiños se topan coa misteriosa figura da Lavandeira xa saben o que hai que facer, non será por non avisar.

Bibliografía:
RAFAEL QUINTÍA. Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica. Ed. Serpe Bichoca, 2010.

Posted on 6 Decembro 2011, in 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS. Bookmark the permalink. 7 Comentarios.

  1. Genial como de costumbre Rafael. Un fuerte abrazo

  2. Muito interessante a postagem, me traz recordações de infância, de minha mãe na lida da lavação de roupa, batendo e batendo em um batedor de madeira, que se desgastou com o tempo.

    Parabéns! Abraço desde o Brasil!

    Hosamis.

  3. Moi interesante! Coñezo a canción por Luar Na Lubre, pero a túa entrada axúdame a entender mellor a lenda da lavandeira. Unha aperta!

    • asombradebouzapanda

      Grazas María. Hai varios grupos que versionaron o romance da lavandeira, entre eles Luar na Lubre, pero coido que o primeiro que o musicou foi Fuxan os Ventos aló polos oitenta.

  4. En fin lavadoiros sempre foi un sinónimo de sufrimento para as mulleres. 🙂
    Pero agora a falar un pouco máis serio, son brasileira e gostaría de saber sobre a presenza de gallegos no Brasil principalmente no nordeste, temos algunhas expresións que deixaron curiosa sobre tal presenza en Brasil. Como usar a palabra gallego para os vendedores de porta en porta ou persoas cos ollos claros incluso na miña terra a pesar de falar portugués non dicimos Galiza como en Portugal mais si, Galicia como os gallegos.

    Grazas.

Deixar un comentario