A CAMA DE SAN ESTEVO

Os galegos, como ocorre con moitos outros pobos, tendemos a atribuírlles propiedades sandatorias a determinados penedos e formacións rochosas. Tamén as pías, as cazoletas e, sobre todo, as augas da chuvia contidas neste receptáculos naturais —ou artificiais— son obxecto de culto e práctica ritual.

Pías en santa Mariña de Augasantas

Todo este corpo de crenzas, sen lugar a dúbida, é a herdanza do mundo relixioso e espiritual precristián. Son crenzas relacionadas cos cultos asociados á pedra, á auga e a outros elementos da natureza que adquiren grande importancia relixiosa dentro do mundo panteísta. Coa chegada do cristianismo estes cultos perviviron readaptados á nova fe e é neste novo contexto relixioso onde aparece o culto ós sartegos que, supostamente contiveron corpos santos. Son as coñecidas na nosa terra como camas do santo ou da santa. Moitos deles son, realmente, sepulcros medievais pertencentes a primitivas necrópoles ou eremitorios. Outros son simples formacións naturais —como o berce da santa da praia da Lanzada— que arremedan a feitura deses primitivos sartegos e que por similitude física reciben o mesmo nome que as camas de santos.

Aldea da Canicouba

Un destes milagreiros leitos é a Cama de San Estevo. A Cama de San Estevo é un sepulcro medieval labrado na propia pedra dun pequeno outeiro que se atopa na aldea da Canicouba (concello de Pontevedra) a carón dunha estrada que parte xunto á igrexa do lugar. O sepulcro ten unhas medidas de 2 metros de longo por 50 cm. de ancho, na súa parte máis ancha, e de 30 cm. no extremo correspondente ós pes.

A pedra na que foi tallado o sepulcro foi obxecto de labores de extracción de pedra, polo que a súa contorna atópase alterada polos traballos de cantería, aínda que o sartego foi respectado.

No extremo superior do mesmo, na laxe que se estende a partir da zona correspondente á cabeza do sartego, observamos labrados na pedra unha serie de canais cuxa traxectoria vese interrompida pola fractura da pedra, polo que non podemos saber se formaban parte dalgunha outra estrutura ou sepulcro que puidese estar na sona de extracción de pedra.


Na parte alta do outeiro onde está a cama do santo pódense observar, labradas nos penedos, o que posiblemente sexan cruces de termo.

Segundo a crenza popular, a cama do santo está dotada da capacidade de mitiga-los cólicos e as dores do corpo, en xeral.

Hai un tempo andaba eu fedellando polo lugar, fotografando a cama e estudando a contorna, cando tiven a sorte de atoparme cun veciño da zona que tivo a ben agasallarme con unha desas historias que os que andamos a estas cousas devecemos por atesourar.

Segundo me relatou o bo home contan que un día subían polo camiño vello da Canicouba un grupo de xente que viñan de Pontesampaio cando de repente deulle un forte cólico de ventre a un dos rapaces que viña co grupo.

Ó chegar xunto á igrexa o cura, vendo o estado no que estaba o rapaz, díxolles que fosen onde a cama de San Estevo e unha vez alí deitaran o mozo dentro do sepulcro de pedra. Así o fixeron e, como se dun milagre se tratase, transcorridos uns minutos dende que o mozo se deitara na cama comezou a remiti-la dor de barriga, desaparecendo ó pouco tempo.

Toda a contorna da Cama de Santo Estevo está chea de lugares especiais, de mostras de esas xeografías míticas que tanto intres etnográfico e cultural teñen para entender a nosa concepción tradicional do mundo e da vida, da nosa cosmovisión. Un deses lugares era a Fonte da Santa, fonte de augas virtuosas que manaba na Carballeira, no lugar de Mosteiro e que, segundo contan os veciños da Canicouba, a súa auga foi vendida ó concello de Soutomaior perdéndose o prezado manancial.


Outeiro dos Forcados

Outro lugar é o alto do Outeiro dos Forcados no que contan que había unha desas famosas pedras furadas que permitía pasar a través dela, polo que a xente ía ata alá para entrar por un estremo e saír polo outro. Seica a pedra foi destruída polos canteiros o que me fai pensar que non debía ser un penedo ó que se lle atribuísen especiais propiedades, a parte da súa peculiar feitura, senón non se entendería a súa destrución.

Pena Miranda vista dende a Cama de San Estevo

Moi preto da cama atópase tamén o Outeiro de Pena Miranda coa súa magnífica Pena Furada, misterioso hipoxeo e morada de mouras da que xa falei neste blog (remítome ó meu post: <a href=”https://asombradebouzapanda.wordpress.com/2011/05/29/altar-de-pena-miranda-e-a-pedra-furada/”>)

Pedra Furada, no alto do outeiro de Pena Miranda

E non esquezámo-la Pedra do Franceses, laxe localizada na Costa das Saleiras baixo a que din repousan os corpos dos soldados franceses mortos na heroica batalla de Pontesampaio.

Como poden ver, todo un mostrario deses lugares míticos que conforman o grande parque temático que é a nosa terra. Camas milagreiras, fontes santas, outeiros sagrados, casas das mouras, pedras máxicas…..un universo fantástico e real ó alcance de todo aquel que o queira percorrer, un espello máxico a través do que acceder ó país de Fantasía, unha terra e unha interpretación do mundo, da sociedade e da vida construída ó longo de séculos de creación, construción e reconstrución cultural.

Canecillo da igrexa da Canicouba

Posted on 12 Setembro 2011, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 02. ARQUEOLOXÍA E HISTORIA, 03. MITOLOXÍA E XEOGRAFÍAS SAGRADAS. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario